A loita de clases a nivel mundial

Rosa AbertaHoxe os traballadores migrantes, de orixe latina basicamente, celebraron o Primeiro de Maio nos Estados Unidos, fronte á data oficial do primeiro luns de setembro. Por se alguén tiña algunha dúbida o futuro da clase traballadora e da esquerda neste país, pasa por eles.

Tamén, estamos a corenta anos do Maio Francés, e xa con vintecinco de hexemonía do neoliberalismo e dunha forte erosión dos sinais de identidade da esquerda política e sindical, tanto socialdemócrata como postcomunista. Dun forte retroceso dos dereitos sociais e individuais, e baleirado do Estado de Benestar.

Recoméndovos ler o traballo de Vicenç Navarro, ex asesor de Salvador Allende, dos Clinton e colaborador do PSOE, titulado: “La lucha de clases a escala mundial”. Así mesmo, recoméndovos ler o seu libro “El subdesarrollo social de España” (Editorial Anagrama).

Na súa páxina persoal tamén atoparedes un sistema de alerta de todo aquilo que vai publicando este profesor universitario que alimenta con argumentos, datos e ideas ao conxunto das clases traballadoras e os sectores máis dinámicos das clases medias asentadas. Tamén, é un dos promotores do Observatorio Social de España.

Neste día: Saúde, República e Socialismo.

Sarille en Ferrol

Este xoves 17 de abril, tiven a ocasión de presentar a Xosé Manuel Sarille, fundador da Mesa pola Normalización Lingüística, en nome da Asociación Cultural Fuco Buxán, na Galería Sargadelos de Ferrol.

Viña a presentarnos o seu novo libro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Aí atrás publiquei un artigo sobre este ensaio na prensa – “Sarille e a aposta polo galego” – o podedes ver máis abaixo).

Sarille e Manuel CendánOnte no Diario de Ferrol sae unha entrevista (reproducida pola Plataforma Ártabra 21) que lle fixeron a toda páxina, e, por así dicilo o vindeiro martes 22, na emisora local da Cope, faremos a segunda xeira cunha entrevista radiofónica.

Hai vinte anos que non estabamos xuntos. En 1986 el era profesor no Instituto de Formación Profesional de Barallobre, no Concello de Fene, e eu alumno de Máquinas – Ferramentas. Naquel tempo a nosa relación permitiume seguir de preto a constitución e primeiras accións da Mesa; el acabou marchando para Compostela e perdemos o contacto, até hai mes e medio que a través da Rede o recuperamos. Previamente, xa o tiña localizado nas tertulias da noite na Radio Galega.

Por que Fuco Buxán presenta este libro? (Transcribo as notas da miña intervención).-

Esta é unha asociación vencellada e que cre nos movementos sociais e que se move no campo ideolóxico da esquerda.

Iso lévanos a preocuparnos por todo aquilo que afecte á sociedade, e que sirva para a súa transformación progresista.

Tamén é certo que nas últimas eleccións xerais houbo quen pretendía introducir en Galicia a crispación e a idea de dúas supostas sociedades onde non se respecta os dereitos individuais dunha parte, e que avoga pola segregación dos rapaces no ensino e basicamente, pola desaparición do galego baixo o eufemismo da “liberdade de elixir”. Utilizan a Constitución e o Estatuto de Galicia para negarlle ao galego e aos galegos a súa propia existencia.

Fronte aos que fomentan a vagancia intelectual e sociedades uniformadas, presentamos hoxe un ensaio sobre a situación do galego cun discurso diferente, crítico e autocrítico, onde se analiza a actual parálise e retroceso do idioma, nun momento onde xa quedou claro que as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego teñen a mesma política lingüística.

Este libro é tamén, un percorrido polos organismos oficiais ou para oficiais, a falta de autoridade da RAG; e a necesidade de configurar un verdadeiro “eixo atlántico” con Portugal e que hoxe está paralizado.

Este ensaio pretende a reflexión e a evolución das propias posicións, sacudir a nosa indolencia, ademais cando pretendemos mirarnos no espello catalán e despois andamos mirando de reollo ás posicións máis carcas dos involucionistas.

O seu título é moi claro: “A impostura e a desorientación na normalización lingüística”. Fronte a desorientación actual e a impostura na que todos, en maior ou menor medida participamos, a análise crítica e autocrítica de Sarille.

Podo asegurarvos que a intervención de Sarille non defraudou.

Sarille e a aposta polo galego

Quero aquí propoñerlles o último ensaio de Xosé Manuel Sarille, “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia Editora). Un libro necesario que analiza onde estamos e como reformular a estratexia, desta inacabada aposta, porque o galego teña a súa presenza predominante na sociedade galega; como recoñecemento dos dereitos que temos a existir como tal, a manter o sinal básico da nosa identidade nacional como pobo diferenciado. Seguen a ser certas aquelas palabras de Castelao de que seremos galegos mentres exista o galego.

É este un ensaio cun discurso diferente, crítico e autocrítico, a corazón aberto, onde se analiza a historia da normalización lingüística, a guerra civil das normativas, os sectarismos políticos – ideolóxicos, a actual parálise e retroceso do idioma galego, nun momento onde xa as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego tiveron ocasión de levar adiante a súa política lingüística, e o resume é que neste eido non hai diferenzas substanciais entre elas.

Un ensaio sen concesións, nin tan sequera para o propio Sarille, fundador d­’A Mesa. Unha análise que racha con sectarismos e tabús; algo pouco visto nun país onde a falta de autocrítica é normal. Unha análise necesaria para romper a impostura e buscar unha nova orientación que abra novos vieiros para o galego, como idioma nacional e non residual. Un libro que lle doerá a máis dun político de pro; e quizais por iso sorprende a liberdade de pensamento e crítica do autor. Mais, o ten claro: “a ninguén se lle pode pedir que faga de corista”.

Ler artigo completo en Vieiros

Libros para cambiar a vida

Sembra socialismoTeño a costume de ir mercando libros que sei que non vou ler inmediatamente, como si por algún motivo necesitara eu ter un certo repouso antes de poñerme a lelos. Iso fai que algúns pasen moito tempo inertes na miña biblioteca.

Supoño que forma parte do misticismo que lles teño. A relación do lector/a co libro vai máis alá dunha simple relación instrumental; de algún xeito, forma parte dunha relación físico – psicolóxica.

Tamén teño a costume de mercar aqueles ensaios que atopo dos anos setenta, oitenta e principios dos noventa. Basicamente, produto dos cambios sociais que alumbraron a Transición, os Estatutos e a Democracia en España.

A vantaxe deste ensaios, editados hai xa uns anos, é que che permiten ver a dimensión do retroceso político – ideolóxico que a esquerda experimentou en toda a súa magnitude. O desplome do Muro de Berlín e a globalización neoliberal trouxeron unha hexemonía política e cultural da dereita. Que se ben esta última manifestaba unha certa cautela coa súa voracidade, cre chegado o momento de sentalas base definitivas do seu dominio por varias xeracións. Sarkozy ou países como Polonia son casos claros, aínda que o primeiro vernizado dunha suposta “modernidade” e no caso polaco rexurdindo os seus máis vellos instintos de dominación.

Entre estes libros meus están “Por una alternativa de la izquierda socialista (El C.E.R.E.S. : Un combate por el socialismo)” (Dédalo Ediciones, 1978), cunha introdución de Francisco Bustelo; e a obra de Adam Schaff, titulada “Historia y Verdad” (Editorial Crítica, 1988).

Seguir lendo