Teño a costume de ir mercando libros que sei que non vou ler inmediatamente, como si por algún motivo necesitara eu ter un certo repouso antes de poñerme a lelos. Iso fai que algúns pasen moito tempo inertes na miña biblioteca.
Supoño que forma parte do misticismo que lles teño. A relación do lector/a co libro vai máis alá dunha simple relación instrumental; de algún xeito, forma parte dunha relación físico – psicolóxica.
Tamén teño a costume de mercar aqueles ensaios que atopo dos anos setenta, oitenta e principios dos noventa. Basicamente, produto dos cambios sociais que alumbraron a Transición, os Estatutos e a Democracia en España.
A vantaxe deste ensaios, editados hai xa uns anos, é que che permiten ver a dimensión do retroceso político – ideolóxico que a esquerda experimentou en toda a súa magnitude. O desplome do Muro de Berlín e a globalización neoliberal trouxeron unha hexemonía política e cultural da dereita. Que se ben esta última manifestaba unha certa cautela coa súa voracidade, cre chegado o momento de sentalas base definitivas do seu dominio por varias xeracións. Sarkozy ou países como Polonia son casos claros, aínda que o primeiro vernizado dunha suposta “modernidade” e no caso polaco rexurdindo os seus máis vellos instintos de dominación.
Entre estes libros meus están “Por una alternativa de la izquierda socialista (El C.E.R.E.S. : Un combate por el socialismo)” (Dédalo Ediciones, 1978), cunha introdución de Francisco Bustelo; e a obra de Adam Schaff, titulada “Historia y Verdad” (Editorial Crítica, 1988).
No primeiro caso, é un ensaio sobre unha das máis grandes correntes do Partido Socialista Francés. Unha corrente que avogaba por un socialismo marxista; un socialismo non leninista e non socialdemócrata. Tiveron un papel fundamental no chamado programa Común, da Unidade da Esquerda francesa, que levou a Mitterrand ao Elíseo.
Un socialismo democrático postcapitalista onde Rosa Luxemburgo e Antonio Gramsci teñen un enorme peso. Coincidente en moitos casos coas teses eurocomunistas de Belinguer e Carrillo. E a verdade, que con algunhas poucas cousas “especificamente francesas” en boa parte segue a ter plena vixencia. Que os seus herdeiros a mediados dos noventa abandonaran, tras a Guerra do Golfo, o PSF, non nos debera facer desprezar este interesante ensaio e os seus plantexamentos.
No caso de Adam Schaff, que a través da Wikipedia souben que morreu o ano pasado (por certo, o que reflicten del non me parece xusto nin dá dimensión das súas achegas ao campo da esquerda), o seu ensaio “Historia y Verdad”, amosa contrapoñendo os análises dos historiadores sobre a Revolución Francesa, a utilización da Historia e as súas constantes reinterpretacións para condicionar a acción política do presente e do futuro. ¿Acaso en Galicia o PSG, polo que parecen que deberon pasar centenares de miles dos nosos compatriotas non é máis mito que realidade histórica? ¿Que dicir da verdadeira historia da UPG?
Houbo un tempo que eu devoraba os seus libros; con Santiago Carrillo sobre os Problemas da Transición ao Socialismo e o Centralismo Democrático; tamén en Crítica: Perspectivas do Socialismo moderno; en Trotta: Humanismo Ecuménico; En Sistema: Meu século XX, en Ariel: O Marxismo a final de século; en Taurus: Noticias dun home con Problemas.
Schaff foi un home perseguido en Polonia polo aparato estalinista, estivo vinculado ao PSOE a través da Fundación Sistema, e parece que volveu a súa terra pouco antes do cambio de réxime, chegando a reingresar no seu Partido e que acabou denominándose, creo lembrar “Socialdemocracia da República Polaca”.
¿Por que en Galicia hai tan pouco ensaio – ben traducido, ben obra propia – sobre as ideas do socialismo?
aventúrome a respostar á túa última pregunta, cun alto risco de erro pola miña parte. Porque se ben o sistema editorial móvese por cuestións máis referidas co mercado que coa cultura, mantén aínda un tímido referente político. Lonxe de existir unha esquerda forte que marque pautas e cree debates (nos que ben se poderían encadrar os ensaios dos que falas), vémonos imbuidos nun sistema no que a esquerda foi perdendo perspectiva, a favor dunha dereita reacia aos cambios e anclada no medievo. Temos partidos sen idioloxía e para os que a ideoloía resulta un lastre do que cómpre desfacerse. Fai uns anos en Galiza o debate estaba na coherencia dos partidos de esquerda. Ese debate foi superado, en favor doutro máis sinxelo, ‘asumindo que a esquerda é inviable, como podemos ir abandonando os nosos ideais, para non resultar uns auténticos vendidos’.
tanto viramos cara o centro (a esquerda para onde podía virar era para a dereita) que nos rozamos cos nosos ‘inimigos’.
Nesta coiuntura un ensaio sobre socialismo non ten moito espazo.
Grazas polo teu comentario. A verdade que dubidaba de que este post lle poidera interesar a alguén, precisamente polo que dis. A esquerda en Galicia está baleira de ideas, tan só persoas individuais desde os seus blogs, ou mediante artigos de opinión din algo.
Algún día haberá que sistematizar este debate, porque senón sempre será a dereita quen terá a hexemonía política-cultural. De aí a necesidade de propostas ideolóxicas que poidamos reflexionar e debater.