O tren Ferrol – Coruña

Hai uns días vía a sorpresa que tiña un amigo periodista, porque o ministro de Transportes José Luis Ábalos citaba, nunha roda de prensa, a Ferrol e á necesidade dunha nova liña de tren coa capital provincial. Quizais este mínimo xesto amosa claramente a cuestión de fondo. Si, non estábamos nin na axenda.

Pero, se hai quen se pode “apuntar o tanto” é precisamente o actual alcalde de Ferrol, Ángel Mato. El reclamou a atención do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e do propio ministro. Acertada foi a súa estratexia de sumar ao ex presidente Laxe, ao Eixo Atlántico e á propia alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Persoalmente, creo que sumados, todos gañan. Por iso, aos críticos co alcalde, precisamente por exercer como primeiro edil de Ferrol, diríalles aquelo de Castelao: “non lle poñan chatas á obra”. Ademais non é unha cuestión de partidos, senón de peso político territorial. Súmense, xuntos podemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2835550/tren-ferrol-coruna

Queremos Ferrol

Hai xusto unha semana, varios miles de persoas enchíamos a estrada de Castela en Ferrol. Ao mesmo tempo, o presidente Alberto Núñez Feijóo era recibido polo ministro Ábalos baixo unha luz de fotógrafos e medios de comunicación en Madrid. Desde a oficina de prensa da Xunta pretenderon vender que era unha cita de vital importancia, que quedaban despexados todos os obstáculos e que se implementaban o conxunto das infraestruturas galegas.

Vista a letra pequena, soubemos que Feijóo non estaba “en calidade” de presidente galego, senón que a súa única preocupación era a cidade herculina. Parabéns para ela. Pero, cando menos Feijóo podían non mentir ás nosas comarcas e saber que nós, tamén, temos dereito a ter infraestruturas adecuadas, unha autoestrada a prezo razoable, un ferrocarril moderno e unha vía de alta capacidade para a conexión coa costa. Queremos vida nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2796235/queremos-ferrol

A quinta provincia

Vén de presentarse o informe do Consello Económico e Social de Galicia, referente á rede básica transeuropea de transportes de mercadorías, iso si coa descualificación do Eixo Atlántico. O máis salientable, desde a perspectiva ferrolá, é o “Corredor do Cantábrico”, que conectaría por ferrocarril todo o área de Coruña – Ferrol e Asturias, así o noso porto exterior tería unha conexión terrestre axeitada con Europa e Portugal.

A proposta, de momento, é “un simple acto preelectoral”. Observando, o deseño das grandes infraestruturas galegas, vemos un norte cuxa marxinación empeza coa navallada da Autovía do Cantábrico por Vilalba. Unha verdadeira quinta provincia, que está en ningures, con decisións implementadas por Gobernos de Feijóo e Rajoy. Todo é Coruña, Vigo e saída vía Monforte. Nós, somos unha quinta provincia que nin ten corredor cantábrico, nin -de facto- pinta nada no Eixo Atlántico.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-quinta-provincia/20190220191517248787.html

http://www.ces-galicia.org/publicacions/informes/galicia-na-rede-b%C3%A1sica-transeuropea-transporte-mercador%C3%ADas-retos-estrat%C3%A9xicos

https://gal.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1329364/informe-xunta-sobre-corredor-atlantico-parece-feito-alumno-bup-di-vazquez-mao-eixo-atlantico

https://www.diariodeferrol.com/articulo/galicia/fomento-destinara-370-millones-euros-ano-cuadrante-noroeste-corredor-atlantico/20190220214916248838.html

Comunicar Ferrol

É de salientar que sexa o goberno portugués quen máis interesado está en artellar o territorio galego, conscientes de que formamos parte dun mesmo ámbito xeopolítico e económico, no resto da península está consolidado o eixo de Madrid co Mediterráneo español. A Xunta de Galicia segue a mirarse na capital do reino, e de aí que asuma como propia esa mentalidade provinciana que dende alá pretenden impoñernos.

Vén isto a conto polo interese que teñen, alén do Miño, nunha conexión ferroviaria rápida entre Lisboa e A Coruña. Precisamente, unha Xunta que non exerce provoca que Ferrol quede fóra de xogo e sen ningún papel no desenvolvemento do Eixo Atlántico. Aquí, simplemente, estariamos contentos cunha boa conexión coa cidade herculina. No esquecemento queda aquela proposta, do enxeñeiro naval Manuel Casal Pita, dun Ave circular para Galicia que conectaba as nosas sete grandes cidades.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/comunicar-ferrol/20180222004506217337.html