Incendios

(C)Diario de Ferrol e Daniel Alexandre

A nosa cidade empeza a acostumarse a ter sobresaltos por mor de incendios en inmobles, ben polo seu estado, ben polo uso de electrodomésticos ou butano vinculado a persoas maiores que viven soas. A resposta da administración local vén a ser a básica: inicial presenza policial, bombeiros e acta correspondente do acontecido. Pero é evidente que isto é claramente insuficiente. Non podemos estar mes tras mes vendo como unha parte de Ferrol arde sen máis.

Quizais chegou o momento de consensuar un protocolo de actuación que teña ao Concello e movemento veciñal como garantes dunha actuación preventiva, onde haxa un censo de inmobles inseguros que requiran dunha inmediata rehabilitación ou intervención municipal, que poida ir incluso á expropiación, e pola outra, un censo real que permita asistir diariamente a persoas con dificultades ou con autonomía persoal limitada.

Enlace a Diario de Ferrol.

Toca cambio

Estimada Beatriz Sestayo: o socialismo local segue fóra de xogo dende as municipais, porque é un erro que non asumas o resultado das urnas, que sigas a reclamar a atención dun electorado que tes de costas. Porque é un erro que tentes gañar tempo para non asumir as datas das túas renuncias, como deputada e secretaria xeral.

O mellor é asumir a realidade e si, a volta á vida civil ten as súas cousas. Sorprende que haxa persoas –algunhas cos seus dobres perfís nas redes– que se deixen embarcar na túa cruzada persoal.

Beatriz, recoméndoche que non sigas a trasladarlle á cidadanía que o teu é un interese propio. Contra o PSdeG e contra Ferrol.

Mentres a dereita refórzase diante das vindeiras eleccións autonómicas, non debes pretender seguir a ser a candidata desexada polo PP. Deberas deixar paso a outra xeira de socialistas. Toca renovación, toca cambio.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/toca-cambio/20151008004046135964.html

Emafesa

Aínda ninguén explicou como foi posible que Emafesa non informara inmediatamente ao Concello, nin como esta anomalía escapou da supervisión do concelleiro de servizos. Este último tería que contarnos a súa versión para así poder encaixar a primeira peza deste quebracabezas. Segundo á voceira local do PP a empresa ocultou a información, e dá a sensación que á Xunta perdeulles o poder xogar contra a corporación.

En todo caso, se facemos caso ás poucas explicacións municipais, é de supoñer que en días a equipa directiva da empresa mixta será cesada. A falta de rigor, e os xogos ás agachadas, evidencian que hai que facer cambios tanto en Emafesa, como na comunicación entre esta e o concelleiro da auga. Fai ben o grupo de goberno asumindo a primeira consecuencia política deste asunto, iniciar os procesos de remunicipalización e subrogación dos seus empregados.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/emafesa/20150723004432129939.html

Saneamento

Estes días, o concelleiro de servizos informaba de que se solicitara un informe xurídico para facer fronte á taxa do saneamento. Feito que hai que saudar porque, tanto comuneiros como socialistas, teñen o compromiso de retirar a tan polémica taxa imposta anteriormente polo PP. Tamén, o novo alcalde de Ferrol vén de reunirse co seu homólogo naronés e técnicos de Acuaes e de Augas de Galicia, para falar de como crear un modelo mancomunado da xestión dun saneamento que vai atrasado.

Fronte á pretensión da Xunta de Galicia de evadir as súas responsabilidades e trasladar estas ao Concello de Ferrol, compre a súa implicación nesta xestión tan complexa e necesaria. Así, cun acordo mancomunado e coa administración galega, e posto en funcionamento, quedaría buscar saídas para as empresas asentadas na ría. Excepto Megasa, a maioría carece de depuración propia.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/saneamento/20150716003311129296.html