Tempo de bicicletas

Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.

Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.

Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas

Ferrol Blues

Levamos anos alimentando ese blues que fala da perda de habitantes e capacidades de Ferrol. As últimas estadísticas do INE van nesa liña. É certo que hai datos obxectivos, pero un sempre aposta por reverter a proba de cargo.

Para a miña xeración, a do “Baby Boom”, a cidade era un espazo de liberdade vital para desenvolver un proxecto de vida. Mais, agora esta Galicia “urbanizada” do século XXI é unha garantía de calidade de vida, practicamente en calquera sitio. No noso caso, seguramente, terá razón o profesor Fra Molinero que di que debemos tomar como referencia os movementos poboacionais na comarca.

Houbo quen soubo aproveitar a baixa autoestima ferrolá, “vendendo” supostos mellores prezos na vivenda e “mellores” servizos locais. En calquera caso, o primeiro é deixar atrás o Ferrol queixoso. A cidade ten moito que ofrecer coma calquera grande cidade europea. Só temos que traballar, apostar e crer en nós.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2935435/ferrol-blues

Ferrol da Ilustración

O acordo entre o alcalde Ángel Mato e o conselleiro de Cultura da Xunta, para promover a candidatura da cidade a patrimonio mundial ante a Unesco, ten un gran valor de seu. Se ben queda moito por facer, comezando pola reformulación do órgano de xestión onde tamén hai que incluír a outros concellos, propietarios e, primeiramente, á Armada, o certo é que rompe cancelas e da idea de que si é posible crear unha cultura de acordos por Ferrol.

Hai dous anos houbo portadas coa sinatura, dos últimos cinco alcaldes da cidade, do documento “Ferrol da Ilustración, Patrimonio Mundial”. Aquel acto do Foro Ferrol Vivo foi presentado pola periodista Puri Rodríguez e pola – entón voceira do Foro – hoxe concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, quen logrou poñer nos últimos anos na axenda ferrolá a candidatura. Si, hai moito por facer, moito que acordar. Pero, parabéns e adiante. Sumemos, por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-da-ilustracion/20200212231517274628.html

Ferrol na rúa

Alégrome de que Ferrol teña na Semana Santa as rúas cheas de xente de aquí, de alá e de moito máis lonxe. É bo para a cidade e amosa que si é posible outra dinámica moi afastada do solpor a que nos teñen acostumados determinados políticos e determinados vellos grupos de presión locais.

Para acerto da cidade a suposta cuestión relixiosa, afortunadamente, non esmaga estes días. De feito, creo que o xeito inclusivo vén de que é máis un evento cultural, moi afastado da vella imposición e do control de masas de tempos pretéritos.

Así, á propia Semana Santa súmase unha ampla oferta gastronómica, de ocio e o noso entorno cultural e natural. Iniciativas saídas do propio tecido cidadán. Obviamente, as propias confrarías, ese sector emerxente da nova hostalería ou esas tan aplaudidas como a da Ruta Naval. Imaxinan ter unha empresa municipal que soubera das fortalezas turísticas de Ferrol?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-na-rua/20190417205720254417.html

Facendo cidade

O novo orzamento municipal non foi unha tregua. Aquí e agora do que se trata -ou iso parece- é de “okupar” as páxinas dos xornais, darlle máis importancia ao “relato” que ao traballo a prol da veciñanza. A esta vella forma que teñen moitas e moitos políticos locais, súmanse outros dende determinadas asociacións históricas ou auto-convocantes que buscan o seu minuto de gloria. Como diría Gramsci, o vello non acaba de morrer e o novo de nacer, namentres xorden os nosos pequenos monstros.

Si, hai outro Ferrol que emerxe, que está a facer cidade, que suman esforzos. A estes últimos impórtalles ben pouco de quen ves sendo, senón que sexas rebelde -verdadeiramente- contra o solpor. Son novas xentes conscientes do seu dereito á cidade. Por iso, resultan tan incómodos tanto para os reaccionarios de dereitas, como para os reaccionarios de esquerdas (que tamén hai e máis do que cremos).

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/facendo-cidade/20180801222312232952.html