Causa Ferrol

A cidade non é un conxunto de vivendas e rúas, nin unha morea de xente cos mesmos servizos municipais ou unha veciñanza por accidente. Unha cidade tamén son as súas causas comúns, a súa capacidade de sumar esforzos e levantar metas, aínda que estas vaian máis á emotividade que ao resultado concreto. Participar e saber que compartes símbolos e proxectos, de toda índole, cunha gran maioría da cidadanía.

Estes días vemos como en Tarragona, arredor do concello de Priorat e co apoio das súas bodegas vinícolas ou en Gran Canaria, co Templo do Risco Caído, as súas xentes suman iniciativas para a carreira á UNESCO para ser patrimonio mundial. Así, a importancia da campaña do Foro Ferrol Vivo a prol da candidatura ferrolá vai moito máis alá de sumar alcaldes e sinaturas da cidadanía, é un xeito de facer cidade, incluso de facer país. Sumar sinerxias e crear outro Ferrol que é posible.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/causa-ferrol/20180214235339216574.html