Ferrol non ten tren

No seu día foi unha noticia que pasou desapercibida. O Concello de Ferrol, instigado pola Xunta de Galicia, deixou de pertencer ao Eixo Atlántico como “castigo” ás declaracións do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, contrario á implantación de Altri na nosa Comunidade. Non deixa de ser un símbolo de como faise política no noso país.

O certo é que estamos fóra do corredor ferroviario do Atlántico Norte, que o famoso “bypass” de Betanzos coas outras “melloras” previstas, para a conexión coa Coruña, só gañará dez minutos. Todo para que o porto exterior de Ferrol perda tempo en optimizar a súa potencionalidade. Hai quen non entende que sería moito máis rendible sumar todas as sinerxías.

Quizais, alguén debera – agora que tanto fálase da seguridade global – explicar por que Ferrol, coa principal base naval española, e da OTAN no sur de Europa, non ten as infraestruturas ferroviarias adecuadas e así, tamén, a principal empresa militar como é Navantia. Seguramente, no informe “Armada 2050” deberan dedicarlle un capítulo a isto. O illamento ferroviario de Ferrol non é un problema local, senón de país. Centrado este debate si poderemos facer o deseño do que queremos aportar á construción europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-ten-tren-5248710

A voltas co tren

Son dos que cre que a comarca de Ferrol é europea e cos mesmos problemas de calquera área xeográfica da Unión. Así, tamén, como vostedes sigo sen entender que pasa co tren da costa. A liña de vía estreita, da que toda a cidadanía debera sentir orgullo. Igual hai que facerlle un exame de boa xestión aos políticos profesionais das diversas administracións, desde Ferrol á fronteira con Asturias.

Alguén debera explicar a desidia e o mal funcionamento deste servizo público fundamental. Folga dicir que ter unha liñas modernas para o transporte de mercadorías e persoas é transcendental para o desenvolvemento económico e social, como para artellar o territorio de xeito sostible e racional.

Como ferrolán e galego desexo que a Xunta de Galicia asuma as competencias da antiga FEVE e faga un verdadeiro servizo de proximidade. Que aposte polo tren e, permítanme un apunte á esta administración con respecto a esoutra aposta ferroviaria de Portugal cara ao Eixo Atlántico: deberan pechar filas co ministro Óscar Puente, fronte á pretensión do PP de Ayuso de desbotar os intereses galegos en favor de priorizar a liña Lisboa – Madrid. Debate central esta semana no Senado sobre a situación ferroviaria española.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/voltas-co-tren-4972297

Ferrol quere tren

Vanme perdoar estas palabras. Pero, non lles fan caso. Hai queixas porque non avanzamos nos corredores transeuropeos e de mercadorías ferroviarias, e están reivindicativos ante o semestre español da Unión Europea e ante o goberno español, en funcións, de Pedro Sánchez. O certo é que seguen sen existir un verdadeiro plan director e un Atlantic Corridor que falen galego.

A verdade é que á cidadanía do norte de Galicia – de seguir a súa lóxica – debera darnos igual. Non estamos incluídos por unha decisión da Xunta de Galicia e defendida por Miguel Tellado, na anterior lexislatura no Senado español. O norte galego con Ferrol e Lugo estamos excluídos do chamado “Corredor Atlántico Norte”.

Se alguén quere ter cohesionado territorialmente Galicia, debera facelo sumando as áreas de Ferrol e Lugo. Mais, seguro que hai intereses en que o noso porto exterior siga indo de xeito lento e non poida conectarse, vía corredor transeuropeo de mercadorías ferroviarias, con Portugal e co corazón da Unión Europea. Alguén debería contarnos a verdade, explicar porque queren que sigamos coas mans atadas e xogando á pita cega. Construír país non é algo abstracto. Faise coa suma dos seus territorios e das súas potencialidades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-quere-tren-4403553

Expocidades

Agora que a Praza de Armas é xa un lugar de encontro, tras a Semana Santa tivemos a “Expocidades” do Eixo Atlántico. Unha trintena de casetas dos principais concellos do norte de Portugal e Galicia, centradas na promoción turística e gastronómica (e no noso caso tamén na nosa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco), á que seguirá a mediados de xuño unha versión musical no Auditorio Municipal de Ferrol.

Pero, é moito máis que un simple evento turístico. A presenza da alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e da actual presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo Lara Méndez, ademais tendo como anfitrión ao alcalde de Ferrol Ángel Mato, denota a importancia estratéxica que ten para o hínterland que formamos o norte de Galicia. Xa saben, persistir, sumar esforzos por unha causa común que debera darlle un novo pulo a estes territorios e, polo tanto, á nosa presenza no país e na Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/expocidades-3756067

Camiños de ferro

O deseño das infraestruturas responde sempre aos intereses económicos, pero tamén ideolóxicos. Non é algo irrelevante, nin vén “porque agora tocaba”. Vén isto a conta porque os Verdes alemáns acaban de facer unha proposta para unir 200 cidades europeas con 40 liñas de ferrocarril e os seus pretendidos homólogos españois de “Más Madrid”, súmanse sen máis a esta proposta.

Basicamente, a proposta para a península exclúe ás comunidades de Cantabria, Asturias, Castela – León e Galicia e non respecta a decisión estratéxica do goberno portugués de priorizar o Eixo Atlántico, reforzando así o proxecto “aznariano” que buscaba o efecto aspiradora de recursos para Madrid, quebrado coa crise do 2008. Calquera tipo de integración territorial debe asumir a pluralidade peninsular. O corredor cantábrico e o eixo atlántico – con Ferrol de vértice – forma parte de todo proxecto de país que mereza tal nome.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3169385/caminos-ferro