Salarios

UGT e CCOO acaban de asinar un acordo coa patronal en materia de flexibilidade interna, estrutura da negociación colectiva, inaplicación de convenios e moderación salarial. A impresión é que os sindicatos pretenden frear a deriva máis ultraliberal do goberno Rajoy, tutelada polo ministro Luís de Guindos, exdirectivo da fatídica Lehman Brothers.

Se ben é certo que os sindicatos deben modular a súa resposta ante un goberno recén elixido nas urnas (que basicamente está a facer pagar a crise ás clases populares), tamén deberan empezar a elaborar un contra discurso e apostar progresivamente pola mobilización social. O contrario é caer no mesmo erro da esquerda, especialmente polo partido socialista, que foron castigados pola súa incomparecencia contra os abusos e o deterioro do nivel de vida.

Hoxe a única reforma laboral eficiente sería aquela que apostara pola xestión conxunta de traballadores e patronal nas empresas; a precariedade do mercado laboral é un dogma ideolóxico que busca debilitar a capacidade de resposta e a “moderación salarial” vai na liña de axudar a concentrar a riqueza en mans dunha minoría avara que impide a recuperación.

Precisamente, si a recesión vén dada pola contracción do consumo e para tirar do conxunto da economía, é cando os salarios dos traballadores deben medrar xunto co emprego público. Se hai estabilidade laboral e maior nivel de ingresos, aumentará o consumo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Unir as loitas e re-construír a esquerda

Quero agradecer ao Diario de Ferrol, en especial ao seu director Carlos Miragaya, a publicación deste artigo. “Unir as loitas e re-construír a esquerda” realmente é unha edición abreviada, quizais con algún matiz e algunha nova redacción doutro artigo moito máis longo, e que por problemas de espazo non podía ir íntegro.

Este longo artigo chámase “A construción dunha esquerda nova tras o 20N” e sairá publicado no número 31 da revista Razón Socialista (da que sabedes son o seu subdirector), editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán. En breves días será presentado, xa que está a ser imprensa en papel.

Déixovos o enlace ao Diario de Ferrol: “Unir as loitas e re-construír a esquerda”.

Mariano

Anda o candidato da dereita, Mariano Rajoy, cunha campaña electoral que moitos cualifican de “beata”. Non quere pelexa con ninguén, mais está indignado – el tamén – coa situación económica e porque temos cinco millóns de parados. Di estar moi enfadado cos responsables da nosa situación.

Trae unhas receitas que asegura novidosas, na liña do feito por el, por Aznar e Rodrigo Rato na súa etapa de gobernantes. E ese é o problema. Sofre Mariano Rajoy de desmemoria: a orixe da nosa crise está na Lei 6/1998 do 13 de abril, a Lei do Chan, que trouxo a burbulla inmobiliaria incrementando tamén o prezo do solo en máis dun oitenta por cento (datos da Fundación BBVA).

Tamén con Aznar e Rajoy os nosos salarios sufriron unha das maiores rebaixas do seu poder adquisitivo. Acaso non lembramos que dun día para outro gañábamos moito menos, simplemente porque pasamos de cobrar en pesetas a facelo en euros? Que fixeron para frear aos especuladores?

Agora, Mariano ofrécenos multiplicar o feito por Aznar. Somos culpables de non seguir o camiño de Islandia: nacionalización da banca, cárcere para banqueiros corruptos e políticos cómplices.

Os responsables da crise queren novos negocios a costa da nosa sanidade, do noso ensino, das nosas pensións; do noso traballo. Si, Mariano non pelexa… por ninguén de nós.

Enlace ao Diario de Ferrol.

Money

Poden atopar na Rede, en versión de Liza Minnelli ou de Nacha Guevara, aquela coñecida canción chamada “Money”. Agora, convertida xa na banda sonora dos ex directivos da Nova Caixa Galicia, que recibiron unhas cuantiosas indemnizacións a costa dos cartos que todos nós puxemos.

Mais, creo que ninguén quedou sorprendido polo acontecido. Mentres, todos estamos a nos afogar por culpa da banca e dos especuladores que aproveitan para reducir dereitos, salarios e condicións de traballo da maioría da poboación; podemos comprobar como a política de entrega de capital financeiro público aos Mercados, leva ao mesmo sitio. A sacar unha boa tallada, sen pudor, sen vergoña en beneficio dos mesmos culpables.

Agás a coruñesa Mar Barcón, que axeitadamente presentou a súa dimisión como membro do Consello de Administración da Caixa, ninguén sálvase da queima. O Goberno Zapatero por poñer á fronte do Banco de España a un señor de dereitas como Ordóñez, a Xunta de Galicia cun Feijóo que xa ten bastante con ter quintuplicado a débeda galega e uns conselleiros da propia Caixa que están ás súas cousas e non para defender o ben común.

A renuncia a facer das Caixas unha banca pública en beneficio da política económica e social do País, leva a ter que asumir que como ben di a canción “os cartos poñen ao mundo a andar[…] diso estou seguro, pois son pobre”. Mentres o PP ferrolán reduce as becas para comedores escolares.

 Enlace a Diario de Ferrol.