Anda o candidato da dereita, Mariano Rajoy, cunha campaña electoral que moitos cualifican de “beata”. Non quere pelexa con ninguén, mais está indignado – el tamén – coa situación económica e porque temos cinco millóns de parados. Di estar moi enfadado cos responsables da nosa situación.
Trae unhas receitas que asegura novidosas, na liña do feito por el, por Aznar e Rodrigo Rato na súa etapa de gobernantes. E ese é o problema. Sofre Mariano Rajoy de desmemoria: a orixe da nosa crise está na Lei 6/1998 do 13 de abril, a Lei do Chan, que trouxo a burbulla inmobiliaria incrementando tamén o prezo do solo en máis dun oitenta por cento (datos da Fundación BBVA).
Tamén con Aznar e Rajoy os nosos salarios sufriron unha das maiores rebaixas do seu poder adquisitivo. Acaso non lembramos que dun día para outro gañábamos moito menos, simplemente porque pasamos de cobrar en pesetas a facelo en euros? Que fixeron para frear aos especuladores?
Agora, Mariano ofrécenos multiplicar o feito por Aznar. Somos culpables de non seguir o camiño de Islandia: nacionalización da banca, cárcere para banqueiros corruptos e políticos cómplices.
Os responsables da crise queren novos negocios a costa da nosa sanidade, do noso ensino, das nosas pensións; do noso traballo. Si, Mariano non pelexa… por ninguén de nós.
Enlace ao Diario de Ferrol.