Proletarios

Ninguén pode ter xa dúbidas. O PP anda decidido a romper o pacto social, que ten as súas raíces na Transición española, e que trouxo a democracia e o desenvolvemento económico e de sociedade acadado nas tres últimas décadas. Agora, o xeneral golpista é a crise económica provocada pola Banca e as grandes empresas que especularon co ladrillo e na Bolsa.

Igual que hai setenta e seis anos, a dereita non está disposta a falar do reparto da riqueza, de igualdade e de máis democracia; de repartir o custe da recesión. Decidiron que a crise, que provocaron os que de verdade mandan no PP, a paguemos nós. A agresiva desregulamentación das relacións laborais, o abaratamento do despido, como a aposta pola redución do nivel de vida dos traballadores e das súas familias, así o confirma coa nova reforma laboral de Rajoy.

Estas medidas non van servir para saír da crise, contraerán máis a economía e traerá unha involución histórica. Á nova reforma laboral, virán outras medidas que probablemente impoñeranse tras as autonómicas andaluzas. Recortes nas pensións e o re-pago na sanidade e no ensino públicos… Imos camiño de acompañar aos pobos grego e portugués.

Dende a dereita apostan pola proletarización das clases media e media-baixa. Propóñennos unha sociedade dual: os moi ricos e o resto, estes últimos divididos entre pobres o moi pobres. Ata cando aguantaremos? O 19 de febreiro vémonos nas rúas.

Enlace a Diario de Ferrol

Salarios

UGT e CCOO acaban de asinar un acordo coa patronal en materia de flexibilidade interna, estrutura da negociación colectiva, inaplicación de convenios e moderación salarial. A impresión é que os sindicatos pretenden frear a deriva máis ultraliberal do goberno Rajoy, tutelada polo ministro Luís de Guindos, exdirectivo da fatídica Lehman Brothers.

Se ben é certo que os sindicatos deben modular a súa resposta ante un goberno recén elixido nas urnas (que basicamente está a facer pagar a crise ás clases populares), tamén deberan empezar a elaborar un contra discurso e apostar progresivamente pola mobilización social. O contrario é caer no mesmo erro da esquerda, especialmente polo partido socialista, que foron castigados pola súa incomparecencia contra os abusos e o deterioro do nivel de vida.

Hoxe a única reforma laboral eficiente sería aquela que apostara pola xestión conxunta de traballadores e patronal nas empresas; a precariedade do mercado laboral é un dogma ideolóxico que busca debilitar a capacidade de resposta e a “moderación salarial” vai na liña de axudar a concentrar a riqueza en mans dunha minoría avara que impide a recuperación.

Precisamente, si a recesión vén dada pola contracción do consumo e para tirar do conxunto da economía, é cando os salarios dos traballadores deben medrar xunto co emprego público. Se hai estabilidade laboral e maior nivel de ingresos, aumentará o consumo.

Enlace a Diario de Ferrol.