Entullos

Estes días sorprendíannos coa emisión en directo da detención do señor Rodrigo Rato. E por se non o tíñamos claro co caso Bankia, o gran deus do capitalismo español ten os seus pés na lameira, dende hai décadas. Iso fai moito máis ridículo a pretensión do PP de afastalo do seu carón.

O caso é que a xestión de Rato, baixo o paraugas de Aznar, ímola pagar durante moito tempo e a un prezo moi alto. Debéramos tomar exemplo de Grecia que vai auditar a súa débeda e chamar a declarar aos dirixentes europeos implicados nesta estafa.

Mentres, aquí pagamos a crise do ladrillo cunha perda evidente de nivel de vida e agresións aos nosos dereitos. Por iso, alporízame algo que me contaban dunhas inmobiliarias locais que no alugueiro de pisos, a parte de avaliar a túa situación económica, pagar por adiantado a correspondente fianza, agora che piden que leves un avalista.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Gomendio

Á señora Gomendio Kidelan, dona Montserrat, parécelle insostible o modelo de financiamento das nosas Universidades públicas. Cre que hai demasiados universitarios e que temos malos resultados. Pero, o certo é que están buscando como facerlle un bo burato ao sector público en beneficio dunhas privadas, que necesitan de axudas como á da actual Secretaria de Estado do Ministerio Wert.

Quizais, para a Sra. Gomendio resulte pernicioso un sistema construído pola esquerda e que hai tempo garantía o acceso á universidade ás fillas e fillos das clases traballadoras. Este foi un dos grandes logros socialistas. Hoxe, hai máis taxas, peores becas e menos alumnos, e os que están son cada vez máis seleccionados en función da súa orixe. E iso, explica a onde quere ir a millonaria compañeira do Ministro Wert. Ao final, mira o mundo dende a posición da súa clase social.

Señora Rosa

 

Cada vez é moito máis evidente que o actual equipo do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, non prevía gobernar. Porque, só así pódese entender a desidia con que están a tratar todo o que afecta á xestión municipal.

O autismo da actual concelleira de benestar social, Rosa Martínez. As súas desafortunadas declaracións, sobre se ela “pensaba” que non había nenos que pasan fame na nosa cidade, volven a amosar esta falta de perfil. Máis, non é novidade. Estamos acostumados a respostas que buscan entreter ao persoal e non asumir responsabilidades, pola falta evidente de traballo e preocupación polo que se ten entre as mans.

Este desprezo para a xestión propia, levan a considerarse de seu máis como uns intermediarios ante un feixe de asociacións confesionais e empresas, en vez de responsables públicos do que é patrimonio común dos ferroláns, o noso Concello.

Enlace a @DiarioFerrol

 

Creative Commons

 

Que a Rede é unha selva pola inxente cantidade de información é unha obviedade. Pero, baixo a premisa de elaborar materiais de libre acceso e circulación hai, como contrapartida, moitas experiencias que apostan por unha cultura participativa, crítica e comunitaria.

Á marxe de que moitas iniciativas que xa hai, que unhas terán máis ou menos éxito, é evidente que quen queira ten materiais de alta calidade para formarse de xeito autodidacta. Para fomentar ese espírito crítico, necesario nestes tempos de crise social.

Páxinas como as de Somos Ninguén, Traficantes de Soños, Nocións Comúns, Coop57 ou a do profesor catalán Vicenç Navarro, unido á auto financiación de proxectos sociais por medio do crowdfounding, están a ser a base teórica e práctica dunha nova esquerda emerxente que, dende os movementos sociais, rompen as vellas e rancias hexemonías.

Enlace a Diario de Ferrol.

 

Pobres

Comezamos o ano sabendo que Ferrol ten a taxa de risco de pobreza máis elevadas das grandes cidades galegas. Os nosos ingresos son os máis baixos e preto dun 40% da xente vive só das prestacións sociais e a metade das familias teñen algún tipo de axuda.

Os que teñen unha situación económica normal son, fundamentalmente, os traballadores directos de Navantia e xubilados. A maiores, a cuarta parte da poboación ten máis de 65 anos.

Si, hai varias décadas de derrube da cidade. Pero, tamén, xa vemos cales os efectos da xestión do PP. Estes días, asistimos ao peche xeneralizado das compañías do naval. Máis exclusión e máis xente condenada a marchar.

Este goberno municipal tivo os cartos do Concello inmobilizados para xustificar un “plan de axuste”. Agora, pretende confundir xestión con cemento. Pero, a xente é o importante. Provocar desacougo conduce a Burgos.

Enlace web a @DiarioFerrol