Selectividade

Seiscentos setenta e dous estudantes van pasar polas dependencias da UDC en Esteiro ou Serantes. Enfróntanse á criba ao acceso á universidade e aínda que a maioría van pasala, outros quedarán polo camiño. Así levamos anos dándolle voltas a unha proba que non funciona e que só é un castigo adicional.

A selectividade vén dada pola distorsión que supón, para a súa homologación coa educación pública, a existencia do ensino privado/concertado. A necesidade de ter un control sobre esta última fai que paguen xustos por pecadores. Non hai que esquecer que no público teñen alumnos, pero no privado/concertado teñen clientes.

Así o presidente Feijóo erra. A distorsión non vén porque haxa diferenzas entre CCAA, senón pola existencia de dous sistemas educativos. E se a vida actual obriga a unha formación continua, unha vez acreditado o nivel educativo, hai que garantir a quen queira os estudos superiores.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/selectividade/20190605202458258042.html

Gomendio

Á señora Gomendio Kidelan, dona Montserrat, parécelle insostible o modelo de financiamento das nosas Universidades públicas. Cre que hai demasiados universitarios e que temos malos resultados. Pero, o certo é que están buscando como facerlle un bo burato ao sector público en beneficio dunhas privadas, que necesitan de axudas como á da actual Secretaria de Estado do Ministerio Wert.

Quizais, para a Sra. Gomendio resulte pernicioso un sistema construído pola esquerda e que hai tempo garantía o acceso á universidade ás fillas e fillos das clases traballadoras. Este foi un dos grandes logros socialistas. Hoxe, hai máis taxas, peores becas e menos alumnos, e os que están son cada vez máis seleccionados en función da súa orixe. E iso, explica a onde quere ir a millonaria compañeira do Ministro Wert. Ao final, mira o mundo dende a posición da súa clase social.