Converxencia Cidadá

A falta de respostas e de capacidade de provocar cambios, que padece o conxunto da esquerda, tanto política como sindical, deixa aos cidadáns, tanto á clase traballadora como á media, practicamente indefensos ante os ataques dos neoliberais aos dereitos sociais e ao propio sistema democrático.

Nin a reforma laboral, nin as das pensións parécelles suficientes a aqueles que produciron esta crise, e que agora pretenden afundir máis o nivel de vida das persoas, para así seguir facendo lucrativos negocios. Tamén é evidente que aqueles que se empeñan en seguir as directrices da dereita, hexemónica na UE – que á fin só seguen as consignas dos bancos alemás e franceses, depositarios da maioría da débeda produto da especulación – están a desmobilizar a unha parte importante da súa sociedade, aínda que as situacións de retroceso social son cada vez máis extensas e evidentes.

Ler artigo completo en Galicia Hoxe.

 

Agrupémonos…

Escribo esta columna un día antes da convocatoria de Folga Xeral por parte da CIG en Galicia. Á marxe do resultado concreto desta convocatoria, é obvio que teñen dereito a decidir a liña de actuación que queiran; pero as actuais negociacións entre UGT, CCOO e o Goberno Zapatero – alén dos resultados que poidan traer – son produto do éxito da Folga Xeral do 29 de setembro de 2010 e son necesarias. Tamén, é certo que ninguén sensato poderá manifestar discrepancias cos motivos da convocatoria da central nacionalista (a reforma das pensións).

Tamén somos testemuñas de como en cada centro de traballo a falta de unidade de acción da CIG con UGT e CCOO, provocou entre os traballadores unha enorme impresión de falta de rumbo; uns traballadores que teñen claro que a única saída progresista á crise virá dada da nosa unidade ou non será.

Resulta necesario e procedente o debate sindical que se está a dar dentro dos tres sindicatos. Nin sequera o ámbito de mobilización estatal é suficiente. Cando a dereita financeira está a actuar a nivel europeo e internacional, resulta imprescindible unha maior confluencia, cando menos, no ámbito da Europa Occidental. O que tamén implica ir alén da simple unidade de acción ou limitada a unha nación sen estado.

Sería un grave erro que a convocatoria da CIG fose un freo ao reagrupamento sindical. Un amigo, o fotógrafo e debuxante Suso Pazos graficamente presentaba a esta central sindical, xunto con UGT e CCOO, como tres pirámides cuxas bases xúntanse pero as súas cúpulas non son quen de facelo. Hoxe, o movemento obreiro galego, alén deste desencontros, necesita dunha unidade sindical profunda. Unha soa clase traballadora, un so movemento obreiro.

Ver Galicia Hoxe.

P.S. Hai un erro pola miña parte. O debuxo realmente é de Fer. Miñas desculpas aos dous amigos polo que eles xa saben.

Pensións

A recente reunión entre Cándido Méndez, Ignacio Toxo e o presidente Zapatero acabou mal. Este último segue empeñado en sacrificar aquelo que mellor funciona no noso raquítico e xa contraido Estado de Benestar, como é o sistema público de pensións.

Non hai présa que xustifique ningunha redución das pensións públicas. Este ano, a pesar da crise, a Seguridade Social acaba con superávit nas súas contas. O sistema funciona e non necesita axustes inmediatos. Sendo así, por que as ansias mal chamadas reformistas do executivo, que alimentan a actual campaña manipuladora?

Ler artigo completo no Galicia Hoxe…

Deslealdade

Os socialistas ferroláns achéganse aos xornais con temor, conscientes de que a ambición descontrolada de algunha persoa está a converter a vida interna e municipal nun auténtico folletín, que por entregas interesadas vanse entregando á opinión pública, poñendo en risco a Alcaldía e a posibilidade dun goberno de esquerdas alá en maio de 2011.

Os militantes socialistas están fartos de que os verdadeiros adversarios ao alcalde socialista proveña de xentes desleais que non foron quen de atreverse a confrontar a súa candidatura nunhas primarias; fartos de xentes que atrévense a presentarse como a esquerda do partido, máis non teñen pudor en apoiar a reforma laboral e acusar a UGT e CCOO de conivencia co PP pola convocatoria da folga xeral do 29 de setembro.

Resulta dantesco que haxa por aí quen oferte ir nunha lista alternativa, cando estatutariamente a executiva local só pode presentar á asemblea de militantes aquela que teña o consenso do candidato e alcalde. Ou que se malogre unha cea de nadal con militantes socialistas de Ferrol e comarca… mentres o comité de campaña ferrolá paralizado.

No Comité Provincial socialista celebrado en setembro sinalaba na miña intervención que “Moreda: O PP espera o noso inmobilismo. Por exemplo en Ferrol, a que se volvan a cocer os elementos que de xeito irresponsable cuestionaron desde dentro a figura do Alcalde Vicente Irisarri”. Agora, Xoán Gato reflexiona se pode obter o concelleiro número 13 para a dereita ferrolá.

Ver artigo no Diario de Ferrol.