Alcaldables

A metade do mandato chegou e comezan a aparecer as primeiras enquisas, que xa están a condicionar a política local. A verdade que sabemos aquelo que todos intuíamos: a data de hoxe, Ángel Mato ten máis posibilidades que ningún outro de seguir sendo alcalde. Pero, aínda hai xogo no campo.

José Manuel Rey está de sorte porque ten opcións e, iso, vaille traer os mimos do PP galego e do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Pero, depende en grande medida da capacidade de colaboración na esquerda ferrolá.

Os socialistas teñen que implementar o cumprimento do seu programa electoral, erro sería adoptar unha actitude conservadora, pese á complicada situación na Corporación de Ferrol cun goberno en minoría. En FeC necesitan reformular a súa estratexia e no BNG un pouco máis de ambición e, ambos os dous, asumir que non son a alternativa. É todos darse conta de que a cidadanía reclama sumas e acordos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2928239/alcaldables

Agora Ferrol

A cidade tamén necesita que volvamos á “normalidade orzamentaria”. Ferrol necesita aprobar uns novos orzamentos que permita abordar a situación post estado de alarma. Investir novamente na mellora da calidade de vida da súa cidadanía.

O xogo político está moi ben, pero a xente simplemente “pasa das fotos”. Aínda que un poida entender que aqueles que apostaban por ter un goberno refén e dependente estean fóra de xogo. Non había moito interese nun goberno de coalición de esquerdas, pero quen apostou por quedarse fóra, non está a sacarlle rédito a iso.

Máis de oitenta e tres millóns leva o proxecto presentado polo alcalde Ángel Mato. Seguro que pode ter melloras, achegas e emendas. Séntense, Ferrol ben vale un pacto pola cidadanía. Fagan as críticas que consideren, pero tamén aposten pola cidade, que leva un ano coa súa administración en estado de alarma, en realidade, suspendida. Agora toca Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2879953/agora-ferrol

O portugués

Estes días desde a Corporación municipal retomaban unha proposta interesante, tanto para Ferrol, como para as galegas e os galegos. É a proposta dos talleres de portugués a desenvolver no próximo mes de maio en centros da ESO, FP e bacharelato, ampliado a quinto e sexta de Primaria.

A estas alturas da vida xa temos cometido todo tipo de erros en relación co idioma portugués. Feito que impídenos cumprir co papel que supostamente teríamos de xeito preferente, como sería ser a ponte natural de conexión do mundo luso-brasileiro con España e a Unión Europea.

Ademais, a hexemonía da dereita na Xunta e os seus complexos provincianos trae consigo que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas e os Concellos os que estean a paliar esta situación. O certo é que a maioría dos estudantes de portugués non están en Galicia, senón na autonomía de Extremadura. O portugués é cultura, pero tamén futuro económico. Tomemos nota.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2846855/p-portugues

A defensa de Ferrol

A partir do 1 de abril na sala de Cureñas do Castelo de San Felipe abrirá a exposición permanente sobre a Batalla de Brión de 1800, de cando España era aliada da Francia napoleónica e, por iso, fomos atacados polas tropas británicas. Vinteún buques de guerra con quince mil soldados ingleses que desembarcaron nas nosas costas e que acabaron volvendo por onde viñeran.

Aquel episodio chegou incluso a ser tratado, cinco meses e medio despois, no propio Parlamento británico. Pero, como por estes lares somos como somos, igual non lle dimos a importancia que realmente tivo. Indubidablemente, é un deses episodios máis que suficientes para marcar o perfil de calquera cidade, e en Ferrol hai máis, aí está Ucha, a semana santa, a loita antifranquista, etc. Parabéns por esta sinerxía entre Patrimonio Histórico e Turismo, así facemos cidade. Grazas a todos aqueles que durante anos estiveron sós con este evento.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2806492/defensa-ferrol

Foto de @jorgemeis

IBI

Esta é unha cidade creada a imaxe e semellanza do racionalismo que deriva da tecnoloxía naval e militar. Somos o que somos porque nós facemos barcos – que diría a ministra de Traballo Yolanda Díaz – e mires para onde mires hai ao longo de Ferrol un feixe de instalacións que, directamente, teñen que ver coa defensa nacional. Pero, unha cousa é ter alma naval e outra é que se xeneren plusvalías que acaben, sen máis, cotizando na capital do Reino de España.

Si, a reclamación dunha compensación por parte do Ministerio de Defensa é axeitada. De aí o acerto do alcalde Ángel Mato, que entendeu que este é un tema de cidade e apoiara no pleno da semana pasada a proposta nacionalista, tamén referendada polos comunes e populares. Isto permite ter unha voz única e a Mato exercer as súas responsabilidades, as que lle corresponde como primeiro edil ante esa Administración central que el coñece ben.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ibi/20201110231039291266.html