Seguimos sen entender que as enquisas son, no mellor dos casos, unha fotografía dun momento concreto. Como sabemos marcan as tendencias electorais, pero nunca nada é inexorable ou inamovible. Pero, hai que ver con que facilidade somos quen de deixarnos influír por supostas olas, que moitas veces quedan achicadas (véxanse as catro últimas eleccións autonómicas).
As enquisas coñecidas, sobre os posibles resultados de maio de 2027, reproducen unha serie de respostas máis a cociña do promotor da mesma. Pero, o principal problema da dereita ferrolá está na súa deficiente xestión municipal, que necesita do apoio dunha Xunta que igual, agora, pode estar máis interesada en envorcarse en Lugo en auxilio de Candiá. Outro dos problemas da dereita ferrolá está en Feijóo e Tellado. Cando máis falan, máis engordan a un Vox que vai presentar lista municipal.
Á marxe de que os grandes asuntos da cidade – incluído abrir Ferrol ao mar – teñen como principal interlocutor ao goberno de Pedro Sánchez. No entanto, nestes tempos convulsos e cambiantes, á espera dunha fonda renovación, non caer na apatía e no inmobilismo é a resposta. Aproveitarán as esquerdas ferrolás a xanela de oportunidade? Todo é posible.
