Moda Ferrol

Estes días o Diario recollía, nas súas páxinas, que se está a celebrar a semana da moda de Madrid. Igual para a maior parte da sociedade ferrolá esta nova é unha máis sen maior repercusión, alén da recuperación dunha certa normalidade pre-covid. Seguramente, moitos pensan erroneamente que, as tendas ferrolás de roupa e complementos, son só unha “correa de transmisión” entre a industria téxtil e o consumidor final.

O certo é que estes días, que un saiba, dous comercios locais: “El Dique Moda Home” e “María Barcia Boutique” (moda muller) asistirán esta fin de semana a esta nova convocatoria que, particularmente, está centrado nos eventos. E debemos engadir que estamos ante dúas empresas locais que teñen marca propia de roupa e, polo tanto, poderíamos dicir que “exportan” moda deseñada e feita nesta comarca, cunha enorme calidade e a prezos competitivos. Un xeito de promover tamén a “marca” Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3159059/moda-ferrol

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

Turistas

É certo que aínda queda parte da temporada por diante, pero xa vemos como a presenza dos turistas comeza a amainar e a primeira impresión, vista desde fóra do sector, é que en Ferrol e na nosa comarca, as expectativas de gasto de moitos hostaleiros non se cumpriron. É certo que tivemos moita xente da capital do reino de España e do sur que, basicamente, buscaban tranquilidade e escapar das altas temperaturas, pero alén do aloxamento, “viñan cos cartos medidos”.

Precisamente agora, debera haber unha suma, por parte dos distintos concellos e administracións, para acordar un modelo de turismo de calidade fronte o do Mediterráneo e sería interesante saber datos oficiais desta campaña. É evidente que o futuro inmediato vai cambiar, incluso para a poboación local. Evitar disfuncións, subas especulativas dos alugamentos ou servizos municipais colapsados deberan formar parte dos asuntos a resolver a curto prazo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3114260/turistas

Propaganda

Permítanme un apunte persoal. Ter vacinadas ás fillas axuda a unha maior tranquilidade, máis cando hai non tanto o presidente Feijóo dicía que non chegaban vacinas suficientes desde o goberno de España, xunto con ese estraño sistema de auto-cita para xente moza que estaba colapsado e nada sabíamos do que ía pasar antes de comezar o novo curso académico.

O problema, talvez, radica en que a Xunta de Galicia é sobre todo unha oficina de propaganda e para maior gloria de Pablo Casado, Feijóo está nunha dura pelexa coa señora Ayuso, nesa pretensión por ocupar o liderado do PP estatal. Así que unha boa parte do que acontece débese a esa necesidade que teñen de baterse, porque no que si están en sintonía, tanto a presidenta madrileña como o galego, é en usar a pandemia para facer máis recortes, tanto na sanidade como na educación públicas. Aínda non asumiron que o seu modelo quedou zarandeado neste tempo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3105293/propaganda

Rúa da Igrexa

Á espera de solucionar as alegacións aos orzamentos municipais, incluída esa “curiosa” do PP pola porta traseira, estes días estamos vendo como xa non estamos atrapados en resolver as situacións máis complicadas da pandemia e acabou, tamén, a situación de bloqueo total que viña da anterior Corporación.

Como mostra, a presentación do proxecto de reurbanización da rúa da Igrexa, que presentaba aos medios o concelleiro Julián Reina. E aí vese como os proxectos de cidade, os que de verdade importan, por algunha “estraña” razón vanse atrasando no tempo. O proxecto orixinal, hoxe reformulado, arranca do mandato do alcalde Irisarri e do, entón, concelleiro de urbanismo Ángel Mato.

Todos sabemos da importancia e seriedade desta intervención necesaria, que necesitará do seu xusto tempo. Pero, a nova rúa Igrexa será un pulo de primeira orde para o centro de Ferrol e para o propio comercio local.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3096473/rua-da-igrexa