Do xardín do saber

Estas tardes que todos desexamos para estar no acougo das terrazas lévanos a aproveitar e, a carón dunha cervexa, andar de faladoiros cos amigos, á vez que un aproveita para mirar a prensa ben sexa en papel ou en formato dixital. E estes días que moitos autores ferroláns estivemos a pasar pola feira do libro da Coruña, alégrame saber que o profesor e amigo Henrique Dacosta “vai pechala” asinando a súa novela “Entrada ao xardín do saber”.

Precisamente, non hai moito tiven ocasión de compartir unha tarde con el e outros amigos neste café tan literario como é o Derby. Así que permítanme recomendarlles que se acheguen ás obras deste escritor noso, que o verán dá para moito e non hai nada mellor que acompañalo dunha boa lectura tranquila. A vida é isto, momentos. E seguro que temos un intre para este xardín con saberes e ese “man a man” de Vicente Risco e a precoz líder feminista Hildegart Rodríguez.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/do-xardin-do-saber-3853782

A felicidade

O problema das palabras non está en que sexan polisémicas. Máis ben resulta que elas foron inventadas, non tanto para describir a realidade, senón para exercer o noso dominio fronte a inmensidade do mundo. O problema non radica no que se di ou se escrebe. Radica na nosa falta, na necesidade que temos en ocultar o devir dos días que, teoricamente, debéramos dominar pero que son eles os dominantes.

Así falamos de máis cando non queremos ver a realidade. Seguramente, cando un fala de alcanzar a beleza, non sexa máis que un xeito de nos enganar. Realmente, buscamos ese camiño á felicidade. Iso si, sen decatarnos que isto só vén dado de feitos aparentemente pequenos. Por exemplo: pola música na rúa ou un beixo inesperado. É dicir, a felicidade reside nas pequenas cousas. E isto é un hábito que debemos aprender, non hai outra vía posible (pola miña parte, eu procurarei gardar estas anotacións).

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/felicidade-3845707

Navantia emprega

Dicir que esta comarca e Ferrol teñen unha vinculación moi estreita coa construción naval é unha cuestión obvia. Está tan incrustado no noso xeito de entender e vivir que sen isto non seríamos o que somos. Incluso para aqueles que traballamos noutros sectores produtivos. Así que estamos acostumados a falar e a opinar sobre Navantia e sobre calquera cousa que lle afecte. Para ben e para mal.

Así levamos moito tempo dándolle voltas ás últimas directrices que están a desdebuxar a esta como empresa pública. Nos últimos tempos sen entender que pasa cos seus exames de acceso, cando historicamente foron unha garantía de limpeza na súa selección. A fiscalía para tranquilidade de todos debera investigar a denuncia, sobre as catro últimas contratacións dos técnicos superiores para o departamento de compras (feita neste caso pola CGT), xa que estas cuestións aquí non deixa indiferente a ninguén.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/navantia-emprega-3838466

Cantigas de Santa María

O pasado venres tiven ocasión de escoitar a Carlos Callón na presentación da súa última achega: “O libro negro da lingua galega” (Editorial Xerais 2022), organizada pola Sociedade Cultural Medulio. Nese percorrido de afrontas ao galego chamoume a atención a súa referencia ás Cantigas de Santa María, que no seu leito de morte Alfonso X O Sabio reclamou, aínda que non foron suficientes como elemento curador.

Pero, volvendo ao asunto. Resulta que a pesar de ser unha obra escrita na nosa fala no século XIII, aínda hoxe hai textos escolares que manteñen unha suposta escrita na lingua de Castela. Unha vez máis, vese como a manipulación política é capaz de crear unha realidade paralela, o asunto é sempre que a historia sirva para xustificar as políticas do presente. Moi poucos coñecen que o reino de Galicia ocupaba a metade da península medieval e que o galego era a lingua de prestixio usada por todos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cantigas-santa-maria-3833937

Charles Simic

Estes días de extrema calor, cando nin o aire abonda para poder respirar e hai que buscar acougo á sombra até que o sol pase de nós. Claro, a non ser que sexa vostede unha desas persoas que tostadiños son máis felices. En calquera caso, o asunto é buscar refuxio, máis se un ten a sorte de dispoñer diso que chamamos “vacacións”. Pero, o refuxio ten que ser algo máis que un lugar físico, é dicir, un sitio espiritual onde o devagar do tempo teña resposta.

Á espera das últimas horas da tarde – cando se aproveita algunha terraza buscando a conversa dos amigos – sabendo que un non é nada orixinal, busca abeiradoiro na recente achega, na tradución ao portugués de Charles Simic (premio Pulitzer de poesía), que vén facer José Alberto Oliveira para Assírio & Alvim do libro do primeiro: “Previsao do tempo para utopia e arredores” e como ben saben: “Nao reparei/ enquanto aqui escrevia/ que nada resta do mundo…”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/charles-simic-3825771