Rueda

A todo hiperliderado sucédelle unha etapa de interinidade, e isto estalle a pasar ao actual presidente da Xunta, señor Rueda. Alimentando a aspirantes de preto e alleos, que están esperando que vaia a máis. Incluso cunha eventual saída de Feijoo da política estatal por causa do “fogo amigo” de Ayuso.

Así temos un presidente que non dá aberto unha nova etapa, con propostas como a baixada do imposto de patrimonio a eses poucos centos de galegos ricos, que non acaba de darlle un perfil propio. Nin sequera a reivindicación de apurar os tempos para unir o AVE de Vigo con Portugal vai darlle pulo, porque abriralle unha lea co PP de Madrid. Un eixo atlántico liderado por Lisboa e Vigo daría un novo equilibrio á península, con novo reparto de poder político e económico.

Neste panorama hai que entender a visita do presidente da Xunta ás grandes cidades, que concentran á maior parte da poboación. Para a dereita son territorio hostil. Síntese incómodo e prefire illarse nos edificios que a Xunta ten en cada lugar, en vez de ser recibido – con normalidade – por cada alcaldía. No caso de Ferrol, só falta que o señor Rueda repita o erro recente, do seu vicepresidente no Porto, de confundir institución e partido.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rueda-3914645

Anuncios electorais

Hai que felicitar a Martina Aneiros que, tras once anos de concelleira, ocupa xa a delegación territorial da Xunta de Galicia para Ferrol. Este é un nomeamento cunha grande carga política e electoral, reforzado ademais cun perfil persoal e profesional estreitamente vinculado á cidade.

É certo que ás urbes séntalles ben os períodos preelectorais. Tras a nova delegación da Xunta – esperemos que con contidos reais – chegan unha serie de novas por parte de Feijóo, que máis parece terse autonomeado concelleiro número vinte e seis de Ferrol.

O anuncio dunha nova senda peonil e carril bici do porto até a Cabana ou a Zona Rexurbe para Ferrol Vello parece que deixan de ser un simple cartel á carón da Praza Vella. Incluso é gratificante saber superadas as reticencias da dereita cara á figura de Carvalho Calero e a súa casa natal da rúa San Francisco. Ou o financiamento “ilimitado” das ampliacións do Marcide.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/anuncios-electorais-3426153