Dereito a ser atendidos

Pretenden que para pedir calquera tipo de cita ou documento, usemos unha aplicación. Están a provocar a expulsión masiva de persoas, non só por dificultades no aprendizaxe nas novas tecnoloxías, senón que en moitos casos por verdadeiros calvarios, tanto por parte de aplicacións moi pouco intuitivas como de páxinas oficiais cunha linguaxe tan técnica, que é evidente buscan que a usuaria/o desista. Coa vantaxe de que non hai ningún sistema que conte as solicitudes falladas, co cal estas existen en ningures.

Pedir unha cita vía app para o Sergas ou a administración, os protocolos na sanidade privada que buscan que o cliente desista de reclamar, ou o cobro por operacións nas oficinas bancarias, son exemplos claros. Desbotan un dereito fundamental como é a atención personalizada, humanizada. O dereito a usar ou non as novas tecnoloxías. E, aquí hai culpables e moitos cómplices.

A mala educación e as malas praxes están instaladas nese menosprezo á atención humanizada. Por riba, pretenden facernos crer que a culpa do mal é nosa. As persoas temos dereito a non usar as novas tecnoloxías, a darnos de baixa das redes sociais, a desconectar os teléfonos ou a usalos só para chamar, se o consideramos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dereito-atendidos-4536543

Un país peculiar

A verdade que somos un país peculiar. Os grandes estudios sobre a historia de Galicia non se dan tanto nas institucións oficiais universitarias, senón que veñen de fóra dos seus muros. Seguramente, produto desa uniformidade que pretende seguir a xustificar unha historiografía oficial que nega a pluralidade lingüística e cultural e, polo tanto, nacional de España.

Hai dúas décadas Camilo Nogueira levantaba unha enorme polémica co seu ensaio “A memoria da nación. O reino de Gallaecia” (Xerais, 2001). Agora teño nas mans a xa cuarta edición do “Tomo 1: a relevancia do reino galego medieval. Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza” do ferrolán Francisco Rodríguez (AS-PG, 2022), que abonda sobre o reino galego, primeira entidade política cristiá territorial en contraste coa España islámica da Idade Media do século XIV. Así recoñecida polas fontes diplomáticas árabes, carolinxias, francas e vaticanas do momento.

A estas alturas da vida a historia ten que afundir as súas raíces na verdade histórica. O país e o conxunto do estado están maduros para rachar coas lecturas interesadas, que imposibilitan o poder entender a nosa realidade actual. Aínda que só sexa por aquelo de que a verdade fainos libres.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pais-peculiar-4523752

Os libros alargan a vida

Permítanme un trisco de fachenda. Comparto con Umberto Eco un ateísmo interesado no mundo relixioso e na paixón polos libros. Nos anos noventa do século pasado, publicaba o autor de “O nome da rosa” un artigo no que explicaba como fora aquel salto, onde a nosa memoria comeza a ser transmitida pola escrita. Así como a invención de novas máquinas e aplicacións informáticas que parecían querer esquecelas.

Umberto Eco sempre alertaba sobre os analfabetos que van sobre rodas. Na súa devoción polos libros consideraba que a escritura, en xeral a linguaxe, prolongan a vida. Antes, e da transmisión oral, as persoas nacían sen experiencia e non tiñan tempo para facerse con ela, para finalmente morrer. A vantaxe dos que len sobre os quen non, é que estes últimos só viven a súa vida, mentres os primeiros todas. Ademais, ler axuda a detectar as mentiras.

Así, o autor “Da estupidez á loucura” considera a lectura e os libros un antídoto contra a nosa propensión natural cara o odio, que resulta moi fácil cultivalo polos novos aspirantes a “caudillos pola gracia de Deus”. O odio é xeneroso, filantrópico e abraza a inmensas multitudes. O libro é un seguro de vida, e si, un pequeno anticipo da inmortalidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-alargan-vida-4514796

Arrendar en Ferrol

O debate está nos faladoiros de toda a sociedade. É especialmente preocupante nas familias que ven como os seus fillos, chegados á idade de se emancipar, teñen na especulación inmobiliaria e na suba constante dos alugueiros un impedimento moi serio. Todo isto cunha rebelión das dereitas a todo tipo de regulamento. Bulo a bulo, cos grandes grupos bancarios e inmobiliarios. De aí a pretensión de deixar, ás familias con hipotecas e aos inquilinos, sen dereitos de ningún tipo.

En Ferrol vemos como o mercado dos pisos turísticos axuda á redución do mercado tradicional de alugamento e axuda aos especuladores á suba do que queda. Xa hai casos onde se están a alugar por habitacións. A isto, hai que engadir unha compra xeneralizada de inmobles que, tras un simple lavado de cara, entran ao mercado con prezos á alza. Lembran que no Inferniño alúgase algún piso a dous mil euros?

Alcaldes da comarca comezan a tomar medidas. En Ferrol, miran para outro lado. Xa sabemos que vivimos nun mundo feliz, onde a cidadanía subvenciona os investimentos tardíos da Xunta de Galicia, cunha baixada do imposto de bens inmobles que debera esta pagar polos seus na cidade. Que a propaganda non acabe afogando á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/arrendar-ferrol-4507963

Vándalos

Levamos tempo sufrindo a falta de educación e ataques constantes á convivencia. Talvez, si hai un paso máis cos ataques que diversos comercios e negocios de hostalaría están a sufrir, especialmente no centro de Ferrol.

Mais, isto vén de lonxe. Resulta moi fácil crear un caldo de cultivo ás actitudes incívicas. Persoalmente, creo que teñen que ver cos dúas cuestións que van entrelazadas. Por unha banda, a degradación de todo o público, incluída a educación e que non é certo que da pandemia do Covid-19 saímos mellor. Hai un plan para degradar as bases materiais da democracia, como escusa para privatizalo todo. Así, cando todo sexa privado, seremos privados de aquelo que facilita a nosa vida e a igualdade da cidadanía.

O outro elemento central está no clima político abonado pola extrema dereita. Hai patente de corso para degradar a convivencia, para faltarlle ao respecto ás persoas. Así, hai quen pensa que todo está permitido, incluído facer dano aos comerciantes e hostaleiros de Ferrol. Evidentemente, a primeira medida é aumentar a presenza policial e poñer aos vándalos a disposición da Xustiza. As outras medidas son de máis longo prazo: recuperar o respecto ás persoas. A vida é traballo e esforzo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vandalos-4484822