MONUMENTO Á BARBARIE (3-10-2000)

O 24 de Agosto de 1988 publiquei un artigo sobre a estatua que hai na Praza de España. Xa pasaron algúns anos, e polo que se ve ainda hai xente que sigue polos mesmos vieiros de falta de respeto á verdadeira historia do Pobo de Ferrol.
A recente proposta da concellala Sara Dobarro non é máis que o derradeiro desatino das bulras que unha parte da dereita, apoiados por desmemoriados presuntamente progresistas, ó sufrimento de esta cidade durante máis de cuarenta anos.
A imaxe que se está a trasmitir da cidade fóra, é a dun lugar cun déficit democrático, afincada en tempos pasados. Agacha a verdadeira historia e sentir dos ferroláns. Nós máis que outros sabemos que a democracia non foi unha concesión, senón unha conquista que tivo moitos anos de esforzos e padecimentos. Esta cidade fixo unha grande aportación á traída da Democracia, a Constitución e o Estatuto. E estos feitos se expresaron e se expresan cada 10 de Marzo.
Creo que o meu artigo de referencia está plenamente vixente, eu dicía que “para a estatua imponse a súa demolición en defensa da Democracia e a convivencia entre todos os cidadáns. A non ser, claro está, que se queira perpertuar “eso” que hai na Praza de España, nun monumento á barbarie.” E tamén engadía, que “non esquecíamos a historia e a quenes colaboraron na represión das liberdades e dos dereitos dos Pobos de España” e que “había que deixar paso a símbolos democráticos”.
Ou quizais sexa que malintepretamos á Señora Dobarro, xa que nos ten acostumados a artigos xenéricos que non profundiza na análise, por poñer tres exemplos:

1)Moi ben o seu artigo sobre os novos xacimentos de emprego en Internet dende Ferrol, pero, ademais de potencia-la nova economía da telecomunicación hai que asegura-lo futuro industrial do Norte-Noroeste galaico: ¿Que propostas ten Sara Dobarro para evitar que Don Manuel por un capricho leve a Autovía do Cantábrico por Vilalba, dificultando o desenrolo das nosas comarcas?
2)Chama materialistas ás parellas xóvenes que non teñen fillos, pero, ¿Que propostas ten vostede para combati-la precaridade laboral e os abusos patronais que impiden o desenrolo dunha vida digna ás persoas?
3)Xa que estamos a falar da estatua, ¿Que nos está vostede a propoñer? ¿Quizais imitar á Comisión Pro-Dereitos Humanos de Portugal que converteu o cárcece de Peniche nunha exposición permanente para que ninguén esqueza os crímenes da Dictadura? ¿Susbtituir o Víctor que ten dita estatua polo lema “NUNCA MÁIS”, e ó seu carón poñer tódolos nomes dos ferroláns que forón asesinados, torturados, encarcelados por cuarenta anos de barbarie fascista?

Senón é así Señora Dobarro, vostede só estaría a expresar que a dereita ferrolana aínda ten as súas raigames no tardofranquismo.
A estatua non ten máis valor que o que é, unha apoloxía do fascismo e do asesinato. Xa é hora de que o fantasma que tantos malos soños trouxo a este país desaparezca definitivamente. Non atopará a ninguén con criterios democráticos na súa defensa. O mestre de Pinochet non merece un lugar na nosa cidade.

¡ALTO, PEAXE POR PRIVATIZAR! (30-4-2000)

Unha vez máis a negociación do convenio colectivo da empresa de limpeza coincideu coa Semana Santa ferrolana, como hai dous anos. ¿Por que?
Quizais para entender por que cada dous anos temos as rúas cheas de lixo hai que analizar as palabras do representante de Urbaser, o día 18 de abril, vertidas neste xornal: “acceder ás peticións dos traballadores obrigaría a unha modificación contractual do acordo co Concello”. Seis días antes o secretario comarcal da UGT denunciara que a empresa obrigaba aos traballadores ir á folga por “intereses exclusivamente económicos”. O 21 de abril, tras finalizar a folga, o goberno municipal aseguraba que non había “modificacións presupuestarias ou concesións á empresa”.
Queda claro, polo tanto, que os traballadores só defenderon os seus dereitos. As súas peticións non eran inasumibles e a empresa obrigounos a ir a unha folga impopular ou renunciar a unhas condicións laborais máis dignas. Sabendo que os traballadores e o Concello terían enfrente aos veciños. A empresa, unha vez máis, buscaba renegociar a concesión. O que non entendemos os cidadáns é a debilidade dos partidos políticos.
Xa non nos acordamos que a concesión foi prorrogada sen motivo, por doce anos máis, tres anos antes da finalización da mesma, xusto antes das derradeiras eleccións municipais por un alcalde do PP, o 6 de xullo de 1998. E que este mesmo grupo de empresas son as que teñen a recente concesión da privatización da auga, cun alcalde do BNG presidindo o seu Consello de Administración, nun proceso que pasou polo xulgado. ¿Que pasará cando a “Empresa Mixta” nos esixa pagar máis, por un patrimonio de todos, como é a auga?
A privatización pola privatización non é mais que un prexuízo ideolóxico, que conduce a ningures. Estamos acostumados a considerar que os dereitos dos cidadáns son privativos dos partidos políticos e que cando xurden problemas ninguén asume a responsabilidade. ¿Por que a falta de vontade de xestión dos servicios municipais?
É necesario mudar esa cultura política de que todo se merca ou se vende. De actuar no curto prazo, sen apostar por políticas que beneficien aos cidadáns. Non só somos contribuíntes ou usuarios que pagamos un servicio. Non podemos deixar que a “Cousa Pública” quede valeira de contidos. A democracia é tamén xestión e planificación. Non se pode sempre deixar en maos privadas, que só buscan un beneficio económico como é normal, a decisión da calidade de vida na nosa cidade.
O dito: recollemos o que sementamos.

VOLVER A EMPEZAR (28-3-2000)

O 12 de Marzo é o inicio dunha nova etapa política marcada pola hexemonía da dereita, por mor do derrubamento da esquerda. O avance do nacionalismo galego é moi limitado.
A menxase dos abstencionistas da esquerda é clara e nítida: eles non creen nos dirixentes do PSOE. Están fartos de fugas cara ó centro político e de xentes que utilizan os votos socialistas para privatizar servicios municipais ou auparse ós Consellos de Administracións desas mesmas empresas. E a unidade da esquerda ten que ser real e base dun amplo e novo movimento social progresista que recupere a voz da sociedade, fronte á maioría absoluta dun PP que anuncia ataques aos dereitos dos traballadores e dos inmigrantes, ademais da petición dos máis conservadores de recortar a lei do aborto.
Frente a esto vemos que os responsables da derrota do PSOE aférranse ós cargos. Non queren que ninguén cuestionen o que fixeron, nin que se poña en dúbida a súa continuidade nas Institucións. Só buscan electores sen perfil ideolóxico, “centristas”.
¿Por que esta obsesión? Simplemente, porque queren xustificar un novo xiro á dereita para seguir coa mesma política e aguantar no sillón. Evitan abrir o partido á realidade. Evitan recuperar un partido socialista artellado na sociedade, democrático e que esixa responsabilidades.
Gran favor lle fan á dereita e ao nacionalismo, rompendo unha vez máis coa súa base social. Non é estraño que un dos valedores do xiro ao centro do PSOE sexa Manuel Fraga.
A unidade da esquerda permítelle ao PSdG e ao PSOE recuperar un discurso progresista, fundamental para construír esa nova maioría de esquerdas necesaria. Frea ao nacionalismo galego e aumenta as súas contradiccións internas. O BNG sigue dependendo do que pase cos socialistas.
Na medida en que non haxa unha recuperación do Partido Socialista, a dereita avanza moito máis e seguirá gobernando. Por este motivo os nacionalistas galegos, aínda hoxe, non son unha auténtica alternativa ó PP. O seu escaso peso na España de Aznar así o amosa.
O Partido Socialista recuperará o seu papel hexemónico na medida que camiñe hacia un profundo cambio de orientación e faga un adecentamento das súas filas. Cara a súa refundación, apelando a súa militancia que un día optou por Borrell. Recuperando as súas señas de esquerda, o traballo na sociedade, aportando xentes sen ataduras co pasado e aberto á colaboración das esquerdas.
Unha gran parte do futuro depende do que fagan os socialistas e a todos, os cidadáns, nos pedirán responsabilidades.

13 de Marzo: A unidade da esquerda (11-2-2000)

A unidade da esquerda rompe os plans que algúns tiñan para estas eleccións. O Partido Popular, baixo a bandeira do españolismo e o BNG (xunto co PNV e CiU), baixo a bandeira do nacionalismo periférico.
Tanto un, como os outros, coincidían en polarizar entre eles a atención dos cidadáns, e que o terceiro en discordia, o PSdG, fora esquecido e condenado a ser un testigo mudo. Evidentemente, o PP e os nacionalismos non esperaban que a esquerda lograra poñer no centro do debate a dicotomía esquerda/dereita, frente o binomio estado centralista/nacionalismo.
A unidade da esquerda arredor do PSOE rompe tódalas previsións. Convírtese nunha alternativa real e de goberno á dereita e une a tódolos progresistas e pobos de España frente a tendencias centrífugas. A colaboración da esquerda é o feito máis importante dende o triunfo de Felipe González en 1982.
As respostas do PP e os nacionalismos periféricos están baixo o mesmo denominador común: o medo a un xiro á esquerda na sociedade. O PP cun discurso catastrofista e alonxado da dereita democrática europea. O BNG que queda convertido nunha simple muleta do PNV e CiU e que non pode chamar ao voto útil progresista. Agora, tras o acordo electoral, o voto útil volve a ser, dentro do campo progresista, o socialismo galeguista do PSdG-PSOE.
Asemade, clarifica aínda máis as ofertas políticas: a dereita que fuxe do centro político e que ten como eixo ideolóxico a “sociedade de mercado” para desmantelar o Estado de Benestar; O nacionalismo pretende apropiarse a idea de Galicia e dividirmos en bos ou malos segundo a nosa ubicación ideolóxica; E a esquerda democrática que ten como eixo fundamental o ser humano por riba de tódolos seus feitos diferenciais. Tres formas de entender a vida, tres intereses contrapostos.
Xa estos días de precampaña vemos tamén como responde cada quén. O candidato sumiso e “fabulador” do PP, Fernández de Mesa, que se alegra de que Ferrol quede illado do “continente europeo tan só por 55 quilómetros”. Vemos a Francisco Rodríguez, do BNG, que quería competir electoralmente co anterior, xa que a esquerda “non contaba en Galicia” e que agora debe explicar a contradicción do nacionalismo: o que lle reste o BNG ao PSdG-PSOE beneficiará a unha reedición do pacto de goberno Aznar – Pujol.
Finalmente, está o candidato da unidade da esquerda, Vicente Irisarri. Un candidato sen hipotecas, a súa credibilidade aséntase segundo aumenta a superación do pasado. Esto engadido a que estas eleccións supón o reencontro de toda a esquerda ferrolana. Irisarri esixe a integración de Ferrolterra na Galicia e na Europa do século XXI.
O 12 de Marzo empeza unha nova etapa coa posibilidade dun goberno de progreso sen servidumes nacionalistas. Un goberno axeitado á maioría social que se reclamaba de esquerdas nas enquisas do C.I.S. de hai unhos días.

A auga, patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol (26-12-1999)

Estos días somos testigos das presas que algúns e algunhas teñen en liquidar un patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol. Nos derradeiros tempos a auga convirteuse nun sector estratéxico, cun alto valor económico e engadido, fundamental para a planificación e desenrolo social e económico da cidade. No século XXI quen teña a auga terá unha parte de nós moi importante. Un poder que non pode escapar ao control democrático dos cidadáns.

Alguén terá que explicarmos por que se tenta privatizar un servizo municipal, que foi saneado economicamente, e que produce actualmente beneficios para o Municipio. ¿Por que os técnicos municipais negáronse a valora-la súa concesión? ¿Cal foi a alegalidade que viron e que ademais acabou no xulgado?

Si finalmente non hai marcha atrás na constitución da “Empresa Mixta de Augas de Ferrol” dende o Concello, o Alcalde e tódolos Portavoces dos grupos municipais están obrigados a explicar cales son as súas respectivas posturas. ¿Por que entregar a unha empresa privada un ben colectivo que só necesita vontade política para acadar unha boa xestión é un bo servizo para os cidadáns? ¿Por que non se apostou por unha empresa municipal pública como os nosos veciños d’A Coruña?

A explicación que necesitamos os cidadáns non pode ser que é unha “herencia do anterior goberno do PP”, ou non pode quedar na petición a gritos de que se poña en marcha por parte da concelleira de augas ou que a de facenda xa conte coa súa privatización nos próximos presupostos municipais.

A actitude do goberno municipal (BNG / PSdG-PSOE) ante a privatización da auga é unha das cuestións que marcará o seu carácter como goberno de progreso, tendo asemade en conta que as súas correspondentes militancias non a aprobaron.

Os que se reclaman progresistas ou de esquerdas saben que a defensa do público e a súa xestión democrática é un dos seus referentes. Non é serio ter un discurso fóra do concello e dentro face-lo contrario, é obrigado a diferenciación coa dereita. Os veciños estamos á espera dunha resposta convincente.