Augas de Ferrol

Cando cruzamos a sentenza 62/2018 do Contencioso – Administrativo de Ferrol, que foi ratificada polo TSXG, coas declaracións dos actores políticos e sociais, vemos a existencia de dous relatos e só un vai adiante.

Así, fronte a idea do pago pola depuración, págase a taxa da auga polo arranque do sistema, tal como recolle a ordenanza propia no seu artigo 2. A sentenza reflicte o informe da Intervención Municipal que constata que a supresión da taxa afecta á estabilidade financeira do Concello de Ferrol. De aí a orde xudicial de pasar o cobro da mesma á cidadanía.

A orixe do problema está na recepción das obras, co convenio entre Rey Varela e Augas de Galicia en maio de 2014, e na entrada en vigor da súa ordenanza fiscal. Aquí debemos sumar unha espiral de erros que deberan traer algunha reflexión, porque – evidentemente – esta dúas sentenzas obrigan a non repetilos e a outra estratexia municipalista.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/augas-de-ferrol/20191127221616269330.html

¡ALTO, PEAXE POR PRIVATIZAR! (30-4-2000)

Unha vez máis a negociación do convenio colectivo da empresa de limpeza coincideu coa Semana Santa ferrolana, como hai dous anos. ¿Por que?
Quizais para entender por que cada dous anos temos as rúas cheas de lixo hai que analizar as palabras do representante de Urbaser, o día 18 de abril, vertidas neste xornal: “acceder ás peticións dos traballadores obrigaría a unha modificación contractual do acordo co Concello”. Seis días antes o secretario comarcal da UGT denunciara que a empresa obrigaba aos traballadores ir á folga por “intereses exclusivamente económicos”. O 21 de abril, tras finalizar a folga, o goberno municipal aseguraba que non había “modificacións presupuestarias ou concesións á empresa”.
Queda claro, polo tanto, que os traballadores só defenderon os seus dereitos. As súas peticións non eran inasumibles e a empresa obrigounos a ir a unha folga impopular ou renunciar a unhas condicións laborais máis dignas. Sabendo que os traballadores e o Concello terían enfrente aos veciños. A empresa, unha vez máis, buscaba renegociar a concesión. O que non entendemos os cidadáns é a debilidade dos partidos políticos.
Xa non nos acordamos que a concesión foi prorrogada sen motivo, por doce anos máis, tres anos antes da finalización da mesma, xusto antes das derradeiras eleccións municipais por un alcalde do PP, o 6 de xullo de 1998. E que este mesmo grupo de empresas son as que teñen a recente concesión da privatización da auga, cun alcalde do BNG presidindo o seu Consello de Administración, nun proceso que pasou polo xulgado. ¿Que pasará cando a “Empresa Mixta” nos esixa pagar máis, por un patrimonio de todos, como é a auga?
A privatización pola privatización non é mais que un prexuízo ideolóxico, que conduce a ningures. Estamos acostumados a considerar que os dereitos dos cidadáns son privativos dos partidos políticos e que cando xurden problemas ninguén asume a responsabilidade. ¿Por que a falta de vontade de xestión dos servicios municipais?
É necesario mudar esa cultura política de que todo se merca ou se vende. De actuar no curto prazo, sen apostar por políticas que beneficien aos cidadáns. Non só somos contribuíntes ou usuarios que pagamos un servicio. Non podemos deixar que a “Cousa Pública” quede valeira de contidos. A democracia é tamén xestión e planificación. Non se pode sempre deixar en maos privadas, que só buscan un beneficio económico como é normal, a decisión da calidade de vida na nosa cidade.
O dito: recollemos o que sementamos.

A auga, patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol (26-12-1999)

Estos días somos testigos das presas que algúns e algunhas teñen en liquidar un patrimonio do conxunto dos veciños de Ferrol. Nos derradeiros tempos a auga convirteuse nun sector estratéxico, cun alto valor económico e engadido, fundamental para a planificación e desenrolo social e económico da cidade. No século XXI quen teña a auga terá unha parte de nós moi importante. Un poder que non pode escapar ao control democrático dos cidadáns.

Alguén terá que explicarmos por que se tenta privatizar un servizo municipal, que foi saneado economicamente, e que produce actualmente beneficios para o Municipio. ¿Por que os técnicos municipais negáronse a valora-la súa concesión? ¿Cal foi a alegalidade que viron e que ademais acabou no xulgado?

Si finalmente non hai marcha atrás na constitución da “Empresa Mixta de Augas de Ferrol” dende o Concello, o Alcalde e tódolos Portavoces dos grupos municipais están obrigados a explicar cales son as súas respectivas posturas. ¿Por que entregar a unha empresa privada un ben colectivo que só necesita vontade política para acadar unha boa xestión é un bo servizo para os cidadáns? ¿Por que non se apostou por unha empresa municipal pública como os nosos veciños d’A Coruña?

A explicación que necesitamos os cidadáns non pode ser que é unha “herencia do anterior goberno do PP”, ou non pode quedar na petición a gritos de que se poña en marcha por parte da concelleira de augas ou que a de facenda xa conte coa súa privatización nos próximos presupostos municipais.

A actitude do goberno municipal (BNG / PSdG-PSOE) ante a privatización da auga é unha das cuestións que marcará o seu carácter como goberno de progreso, tendo asemade en conta que as súas correspondentes militancias non a aprobaron.

Os que se reclaman progresistas ou de esquerdas saben que a defensa do público e a súa xestión democrática é un dos seus referentes. Non é serio ter un discurso fóra do concello e dentro face-lo contrario, é obrigado a diferenciación coa dereita. Os veciños estamos á espera dunha resposta convincente.