A Guerra de Aznar (12-2-2003)

O pasado día 5 puiden seguir o debate parlamentario sobre a guerra USA – Iraq, a través do segundo canal de TVE. O resultado foi moi claro: Aznar non ten argumentos para ir á guerra, si é que algunha vez hai argumentos para semellante desatino.
Aznar cun discurso monocorde, coa manipulación televisiva e baixo a protección do regulamento da Cámara foi incapaz de gañalo debate. Proclamar que é necesario masacrar á poboación civil para salvalos dun dictador, ou “por si acaso” teñen armas de destrucción masiva, non é precisamente un discurso a aplaudir.
Destaco catro intervencións: Zapatero, radicalmente en contra da guerra e que centra o que debe ser unha política de Estado e de seguridade, as relacións europeas e con América Latina; a intervención de Llamazares que rompe a manipulación de TVE que apostillaba a intervención do líder socialista coas palabras de Powell; Anasagasti (PNV), que dá conta das posicións da dereita democrática europea contra a guerra e por último; a intervención de Labordeta (Chunta Aragonesista), que cunha intervención dun par de minutos e un poema, é unha das mellores intervencións parlamentarias en defensa dos dereitos humanos, e loxicamente recolle os aplausos de toda a oposición parlamentaria.
Punto aparte merece a protesta do mundo da cultura, representada por xente como Pilar Bardem ou Juan Echanove. A súa é a demostración máis palpable de que non se pode ir contra o dereito de expresión e o sentido común dos cidadáns. Por moitas cancelas que Aznar poña, a liberdade sempre atopa o camiño, e senón o crea.
Este novo conflicto con Iraq, dáse despois do fracaso da guerra de Afganistán. Lembrar que o principal da mesma era conseguir para a multinacionais americanas un territorio estable, onde poñer as conduccións para levar o petróleo das antigas repúblicas soviéticas até a costa da dictadura “amiga” de Pakistán.
Como a realidade do réxime talibán amosou aos norteamericanos que os seus socios sauditas non son de fiar, decidiron ir directamente a polas segundas reservas petroleiras do mundo (Iraq). Maná serán a reservas de gas de Irán, e pasado mañá dividirán Arabia Saudita, proclamando un protectorado ianqui nas súas provincias petrolíferas. En fin, o Estado Social e Democrático morreu o 11 de setembro, ¡Viva o Consello de Administración de Bush Petroleum!
O Foro Social Mundial convoca a todos os cidadáns a manifestarse ao longo do mundo contra a rapiña americana e os seus satélites. A esta convocatoria as principais organizacións sociais (sindicatos, partidos democráticos, asociacións cidadás) sumáronse, e o vindeiro día 15 de febreiro a paz e a palabra ten que tomar as rúas tamén en España. Aínda que Aznar tapone e peche os ollos, esta non é a nosa guerra.
Finalizo parafraseando unha das frases máis célebres da biografía do noso Presidente: ¡Váiase Sr. Aznar, váiase!

TERRORISMO NA ALDEA GLOBAL (16-9-2001)

Indubidablemente quero comezar manifestando o meu pesar e a miña solidariedade co pobo dos Estados Unidos, e tamén cos españois que tiñan familiares alí. A utilización do terrorismo é a expresión da bestialidade dos seus autores, e debe ser perseguido sen ningún tipo de dúbida.
Tamén é de salientar que o Goberno Bush queira contar cos seus aliados e haxa renunciado, polo tanto, a unha resposta inicial présa da fortísima emotividade do momento.
Mais este paso é insuficiente. É necesario que os países democráticos baseen a súa acción nas Leis e o respecto ao Dereito Internacional. Non hai que facilitarlles aos terroristas unha xustificación ideolóxica. De aí que sexa necesario que os EE.UU. e os países da OTAN avancen nunha Resolución das propias Nacións Unidas, tendo como base o pór a disposición da Xustiza Internacional aos culpables.
Hoxe máis que nunca é necesario a creación dun Tribunal Penal Internacional. Da aquela todos, absolutamente todos, estaríamos baixo o Imperio da Lei. Quizais por eso os poderosos non o querían, pero agora xa non teñen desculpas.
É necesario medir vén o tipo de resposta a esta salvaxada, e como ben di o Goberno francés, que o mundo de despois non sexa máis perigoso que o actual. Non hai que esquecer que nos sistemas democráticos o “dereito de vinganza” non existe, e ademais, este é a antítese da xustiza. De algún xeito os atentados nos Estados Unidos son o espello das guerras de Iraq e Iugoslavia.
Unha vez superado o estupor inicial todos debemos reflexionar en que tipo de mundo estamos a construír. Este atentado ten moitas implicación que obríganos a buscar novas respostas aos problemas internacionais. Na era da Globalización calquera acción política inflúe en todos nós, e imos sufrir “os efectos colaterais” deste novo-vello orde internacional.
Hai uns días acabou a Conferencia de Durban sobre o Racismo, onde as potencias occidentais só estiveron dispostas a expresar as desculpas pola política colonialista que esnaquizou a vida e a identidade dos pobos colonizados e o futuro dun continente enteiro, como é o caso de África. Occidente négase a cambiar débeda externa por débeda colonial. É evidente que de aquela non se quería unha relación nova en plano de igualdade cos países subdesenvolvidos. Todo para manter este novo colonialismo que é xa a “Globalización”.
Mais o atentado contra os Estados Unidos abre unha nova era difícil, que pode levalo mundo polo camiño de gravísimos conflictos xeneralizados. A desesperación dos desarraigados sirve de caldo de cultivo para o fanatismo. Asemade, as superpotencias, neste caso EE.UU. deberán reformular toda a súa política internacional. Veremos como se desenrola o conflicto dentro dos cidadáns norteamericanos, pero algunha vez terán que preguntarse como é posible que o principal sospeitoso sexa un mercenario que estivo ás ordes dos seus Servicios Secretos.
Nos vindeiros tempos o sucedido influirá en toda a nosa vida. Afortunadamente as declaracións posteriores do Goberno español matizaron ao belicoso Aznar, quizais haxa que recordarlle que estamos no centro do furacán, entre a África violada e a opulenta Europa. Tamén traerá cambios na arquitectura e en aquelas instalacións susceptible de producir accidentes e milleiros de mortes. Estas deberán poñerse fóra das áreas habitadas ou militares. A tecnoloxía da especulación deberá dar paso á tecnoloxía de prevención de desastres e axuda humanitaria.
É necesario desenrolar unha nova cultura da paz, de cooperación cultural e comercial xusta. Quen se prepara e fai a guerra acaba sufríndoa. Hai que dar paso á política. A verdadeira política: a dos cidadáns.

GLOBALIZAR OS DEREITOS (29-7-2001)

Acaba de celebrarse o cumio dos países do G8. Si sempre as súas reunións eran vistas como o insulto dunha ínfima minoría de ricos cara ao resto da humanidade, nesta ocasión eles nos deixaron ben claro de que se consideran por riba do Estado de Dereito, do respecto ás opinións, das persoas e da propia democracia.
Unha vez máis unha minoría violenta convertese no protagonista das xornadas anti-globalización. E unha vez máis estes aparecen vinculados aos corpos de seguridade do estado, neste caso en Génova.
Anteriormente, en Barcelona a xuíz desmentiu á Delegada do Goberno Aznar e as forzas policiais. Exculpou aos 21 detidos e nin sequera tomoulle declaración aos policías que podían servir de testemuñas. As declaracións dos manifestantes antiglobalización e o atestado policial foron suficientes para rexeita-las teses policiais.
Por si había algunha dúbida agora a policía italiana, sen orde xudicial, entrou salvaxemente nas hospedaxes e no centro de prensa do Foro Social de Génova. Golpeando, esnaquizando ordenadores, material gráfico, obrigando a cantar himnos fascistas. A menxase é ben clara: os dirixentes do G8 están por riba da lei. Eles son a lei.
As declaracións do noso secretario de Estado de Asuntos Europeos na Universidade Complutense do Escorial van nesa liña.
Desde a caída do Muro de Berlín os dirixentes da dereita mundial eran felices. Non había alternativa ao capitalismo. Era a fin da historia. Ademais contaban co acople do sector máis centrista da socialdemocracia. Chegaron ao extremo de potenciar, no seu día a xentes como Milosevic, e cando non lles foi útil provocaron o xenocidio de Iugoslavia.
Hai poucos anos os teóricos do “socialismo de clase media” consideraban que a revolución tecnolóxica, como antesala da globalización, traía unha sociedade sen conflictos de clase, onde do que se trataba era de xestionar mellor o Estado, que había que competir en liberalismo para gañar o “centro político”. Era a chamada “terceira vía”.
Esa política, electoralmente, trouxo en España a derrota do PSOE, dous millóns de votos socialistas, cansos de políticas que no substancial non se diferenciaba da dereita, quedaron nas súas casas. Agora, a globalización trae maior desigualdade, maior concentración da riqueza nunhas mans, a “guerra das galaxias”, menos democracia, menos estado de benestar, menos dereitos sociais. É dicir, unha profundización das desigualdades. A terceira vía fai auga por todas as bandas.
Na derradeira década no PSOE houbo un debate sobre o socialismo do futuro, de cal eran as súas sinais de identidade e as súas formas de organización. O movemento anti-globalización está a marcar algunhas pautas, a pesar dos seus erros: solidariedade, igualdade, liberdade, postcapitalismo, pluralidade, autonomía. Unha esquerda que recupere a súa vinculación cos sectores máis desfavorecidos, cos traballadores e as novas clases urbanas para facer fronte a ese novo fascismo, que na nosa cidade expresábase estes días en algo tan simbólico como as pintadas no escaparate dunha librería. A miña solidariedade cos libreiros de Limiar.
En definitiva: outro mundo é posible.

25 ANOS DE CONVIVENCIA DEMOCRÁTICA (3-12-2000)

Estamos en época de lembrar onde estábamos cada un de nós cando morreu o dictador. As páxinas dos xornais énchense de artígos dos que estaban na loita antifranquista, e tamén dos que queren agora poñerse medallas, e presuntamente estaban nela, ou dos que tiñan responsabilidades no franquismo.

Tendemos a esquecer o que aparece nos libros, ou lle damos crédito a aqueles que se empeñan en reescribir a Historia. Uns o fan para agachar o seu vencellamento coa dictadura e outros para que non se evidencie que, mentres os verdadeiros loitadores pola Democracia, a Constitución e o Estatuto, ían ó cárcere,eles estaban de espectadores.

De ahí, que os que carecen de historia democrática sigan na teima de igualar ós demócratas cos antidemócratas. A guerra civil non foi un acto de loucura colectiva, senón un acto de traición, de alzamento fascista en contra da Democracia. E tamén, a actual Constitución, a actual España das Autonomías son unha conquista de aqueles que sufriron a represión, o cárcere , as torturas e a marxinación social e económica.

Hai persoas empeñadas en igualar ás victimas cos terroristas. En igualar ós demócratas cos instigadores da represión. Aproveitan o vandalismo que nos derradeiros días sofreu a nosa cidade, para limpar a súa falta de sentir democrático, e chaman “rencorosos” ós defensores dos valores democráticos. A memoria histórica é a base dos dereitos fundamentais e da convivencia democrática.

Mais, ¿onde estaba eu cando a longa noite de pedra chegaba o seu fin? Era un cativo de poucos anos e vivía en Freixeiro (Narón). Miña nai sempre me conta que un día, a principios dos anos 70, a Garda Civil chegara a miña casa de madrugada. Levantáronnos a todos da cama. Revolveron toda a casa. Buscaban a tres persoas: o meu tío Leonardo Dopico, a Rafael Pillado e a Fernando Miramontes.

Mais, ¿que delito cometera o meu tío e os seus compañeiros? Un. Ter a dignidade que se lle supón a todo ser humano, defender os seus dereitos como traballadores e a súa paixón pola liberdade. Miña nai lembra sempre cando ía ó cárcere da Coruña; alí estaban o irmán e moitos outros. Aínda non podo afogar a carraxe que me produce o relato das torturas que sofrían nas mans da polícia franquista.

Eu son dos afortunados. Non necesito libros para coñecer unha parte moi importante da nosa Historia, xa que está na memoria viva da miña familia. Coñezo persoalmente a moitos dos que si fixeron a Historia e teñen motivos de abondo para reclamar a parte que lles corresponde na loita democrática. Mais, eles non piden, nin pideron nada para si.

Gracias ós tres; gracias a todos os que en verdade estivechedes no antifranquismo. Gracias a vos, teño vintecinco anos de Democracia e só oito de dictadura. Sodes os responsables de que hoxe vivamos en Democracia a pesar de quen está a reescribir a Historia da Transición, dicindo que foi unha evolución natural do antigo réxime ou unha concesión de non se sabe quen.

En definitiva, gracias Leonardo, Rafael e Fernando.

O LAPIS DO CARPINTEIRO (14-10-2000)

Iniciouse, unha vez máis, os xa tradicionais “Xoves Teatrais”, e ó marxe de que agora sexa a Concellería de Cultura quen se responsabiliza da súa organización, hai que agradece-lo bo traballo do Ateneo Ferrolán a prol da cultura, xa que eles foron os seus precursores.
O pasado cinco de outubro puiden asistir a unha magnífica versión teatral da coñecida obra de Manuel Rivas. Un sempre sorpréndese de como é posible que nun escenario tan limitado e sen moitos medios materiais, nun momento dado é a sala dunha casa, a Praza da Quintana ou o cárcere. Evidentemente, hai un bo traballo técnico detrás, nunca valorado pero imprescindible.
Durante hora e media os alí presentes asistimos a unha coidada e fiel versión que nos fixo participar e disfrutar da obra, a pesar da incomodidade dos nosos asentos na Capela do Centro Torrente Ballester.
Ver como un reducido grupo de persoas transmiten a forza das súas personaxes, fan varios papeis, tal pronto son médicos, pintores, periodistas, presos políticos ou os seus propios asasinos, e en todos a credibilidade e tal, que parece que hai algúns actores máis dos que aparecen no folleto informativo, resulta, cando menos, apaixonante.
Nesta versión de “O Lapis do Carpinteiro” un pode atopar o que sen dúbida está na mellor tradición do teatro popular, na liña de “La Barraca” de Federico García Lorca. Un teatro dunha magnífica calidade artística e comprometida coa memoria e os valores humanos.
Sobre o escenario podemos ver a un Herbal atormentado tras a execución do pintor, alter ego de Camilo Díaz Baliño, pai do insigne galeguista Díaz Pardo. Asistimos á transformación dun vulgar asasino nunha persoa presa dos horrores da guerra civil española. Mais, Herbal pódese considerar afortunado xa que, gracias ó lapis do pintor ferrolán, deixa de padecer a peor das enfermidades que unha persoa pode ter: a supresión das conciencias.
Podemos ver a un magnifico Doutor Da Costa, a unha Marisa Mallo que pronto acapara as simpatías do público, a unha María da Visitaçâo sobresaínte dándolle a réplica actoral a Herbal. Podemos ver un crego fanático e uns presos que abuchean aquelo de “Unha, Grande”, mais todos a unha gritan “Libre”.
Este tipo de actividades son as apropiadas para ver dunha parte un teatro dunha exquisita feitura e da outra para traballar dende a cultura na recuperación da memoria histórica, que así se iguala á xustiza e asenta a convivencia cidadá. Carlos Casares dicía hai pouco que mentres as ideoloxías separan, a cultura une ás persoas. Que así sexa.
Parabéns a Sarabela Teatro e a súa directora polo bo facer, e tamén a Manuel Rivas por unha obra que supón un sopro de liberdade.