Sáhara

Vén de renovarse o programa “Vacacións en paz” entre a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e o Concello de Ferrol. Parabéns. Así, a nosa cidade volve amosar unha solidariedade efectiva coa ex colonia española. En especial, con nenas e nenos menores de doce anos, que no verán estarán entre nós.

Temos unha débeda pendente co pobo saharaui. Esquecemos, ás veces, que foi o corrupto réxime franquista quen deixou a este pobo, que a mediados dos anos setenta, tiña a nacionalidade española sós fronte unha ocupación marroquí, que miren por onde, tamén tivo o apoio dos EEUU.

Unha postura de claro apoio ao pobo saharaui frearía as pretensións da monarquía alauí en Ceuta, Melilla e Canarias. Ademais, de reforzar aos sectores democráticos no propio Marrocos. En calquera caso, benvido a renovación do convenio, e que Ferrol volva a acoller ás nenas e nenos saharauis.

Enlace web á columna “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.

Germanwings

As autoridades francesas comunicaron, este martes, que xa tiñan os restos das vítimas do truncado voo da filial alemá de Lufthansa. Vaia por diante as condolencias para todas as familias. Pero, tamén, hai que salientar a profesionalidade dos franceses que, ademais, non deron pé aos sensacionalistas.

Chócame que un parte de baixa poida ser escamoteado, que nunha empresa non se enteren automaticamente, máximo nesta era das aplicacións para calquera cousa. Sempre estase a mirar a prol das empresas e sempre, pretenden que os traballadores enfermos cedan ás presións da patronal “contra o absentismo laboral”, a pesar dun evidente risco de seguridade.

Hai que garantir a trazabilidade deste tipo de procesos, así como os dereitos dos traballadores e usuarios. Iso implica un cambio de punto de vista e unha defensa pública de toda a saúde, incluída a laboral.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Andalucía

A fortaleza do PSOE andaluz confrontado contra Rajoy, leva por diante ao PP. Tamén, limita os efectos da irrupción de Podemos. O PSOE segue a ser a forza central en Andalucía.

O PP perde a terceira parte. Os máis á dereita van a Cidadáns e os máis centristas a Podemos. Estes últimos sumándoos aos votos que reciben de IU e de novos votantes, logran ser os terceiros, pero non son determinantes no novo parlamento. Agora, xa son “casta”, toca definirse (#tic-tac).

Os Cidadáns de Albert Rivera crecen a costa dos PP, UPyD e PA. Dende IU deben facer autocrítica, máis sendo os seus feudos tradicionais. A súa debacle non vén pola súa coalición cos socialistas, senón porque estaban comodamente instalados como parte do sistema.

Galicia non é Andalucía. Pero, parece máis evidente que aquí Podemos vai pinchar. Alegría en AGE, máis na Anova de Beiras e Martiño Noriega.

Enlace web a Diario de Ferrol (Columna Letras de Cambio).

Catro Convenios

O martes, case de mañanciña, en Ferrol tíñamos unha inusitada actividade na Casa do Concello. Aos do PP entroulles unhas présas non vistas ao longo de este mandato. Catro convenios como catro soles, pero con truco.

Así, á dereita non lle quedou máis que reivindicar -ás caladas- o bo traballo feito no mandato do socialista Vicente Irisarri. O “novo” convenio con Defensa, practicamente, é o mesmo pero con dous engadidos. Iso si, pola desidia da actual equipa cuns custes adicionais para a cidade.

Non hai en algún caixón da alcaldía propostas para abrir Ferrol ao mar, que so deben ser postas en marcha? Sabe o concelleiro da policía local que a ten centralizada en San Xoán? Así, tamén, o convenio con Fomento, para a nova entrada á cidade polas Pías, benvido sexa. Mágoa que o ex ministro Pepe Blanco non o deixara concluso. Estamos no 2011 ou no 2015?

Enlace a Diario de Ferrol.

Dez de Marzo

O martes debera ter sido un día especial para Ferrol. Unha data que tiña que ter reflectida a importante achega que fíxose para a ruptura da ditadura franquista e para a apertura á democracia e ás liberdades. Pero, estes días que tanto fálase de falta de liderado político na nosa cidade, igual tamén, hai que falar de isto dende o eido sindical. Neste dez de marzo víase que cada quen está ao seu e nin xuntos suman o que deberan.

Non é hora dunha reflexión conxunta? Que fixemos mal para que non podamos ir xuntos detrás da mesma pancarta e porque, nin sequera, as organizacións sindicais lograron converter o dez de marzo nunha data a celebrar polo conxunto de Galicia? O certo é que fóra de Ferrol vese case como algo exótico, dunha cidade que carece de proxecto propio e referentes actuais. É necesario un cambio de rumbo, alén da unidade circunstancial.

Enlace web a Diario de Ferrol.