Fuco Buxán xa ten programa en Radio Filispim

Onte estrenamos programa desde a Asociación Cultural Fuco Buxán. “O recuncho” emítese desde Radio Filispim, que na comarca de Ferrol o podemos oir no 93.9 de FM. Levavamos un tempo apostando por abrir unha nova canle de comunicación e participando na difusión das actividades do Colectivo Opaií, que son os responsables desta radio libre que emite dende os locais do Ateneo ferrolán.

O recuncho” pretende ser unha expresión das actividades de Fuco Buxán, pero, ademais, reflectir a rica vida socio – cultural desta zona. Aberto ás actividades doutros colectivos. Evidentemente, seguimos no eido das esquerdas.

No primeiro programa deste sábado, que se desenvolveu de 11 a 13 horas, houbo dúas entrevistas, unha a Lalán (actual presidente da asociación) e na outra fun eu o entrevistado, en calidade de secretario da sección sindical de MCA – UGT Megasa.

O programa vai ser quincenal. Ademais, dos sábados vaise repetir os domingos de 20 a 22 horas, e os mércores de 15 a 17 horas. O programa está conducido por Iago Montes e Miguel Castro. Para calquer comunicación podedes escribir a opafuco@gmail.com. Ou visitar o blog do programa.

Breve carta para Julieta

A primeira vez que escoite a Julieta Venegas foi nun disco de voces de mulleres con cancións de Joaquín Sabina: “…Entre todas las mujeres”. Desde aquela recoñezo que estou namorado da súa voz. Iso levoume a mercar o seu disco “Sí”, onde aparece na portada vestida de noiva.

Nesta “Morena mía” con Miguel Bosé, a súa voz segue igual de suxerinte, igual de sensual. A letra desta canción, cantada por ela, é unha auténtica provocación…

 

Represión brutal en Ferrol

Cando saía do traballo, foi na Radio Galega onde por boca do periodista ferrolán Pichi Varela, souben que os aplausos dos concentrados diante do Xulgado ao Patrón Maior, Bernardo Bastida, e un pequeno empuxón serviron de escusa á policía para cargar brutalmente contra os cidadáns.

É lamentable que Reganosa este a conseguir que os poderes públicos sigan as súas consignas. E cométese un grave erro xudicial e a indefensión dos cidadáns, contra os abusos empresariais e das administracións.

Levamos anos de xulgado en xulgado, cos recursos contra a instalación da planta de gas, e nunca vimos que se actuara coa mesma contundencia contra as ilegalidades de Reganosa e os seus cómplices. A prisión incondicional decretada contra o Patrón Maior, non polo acontecido cos gaseiros, senón por outros procesos que seguen abertos, amosa que a operación política contra os defensores da vida e da nosa ría estaba ben planificada.

Ao igual que a operación militar que onte mércores deixou illada a ría de Ferrol. En todo caso, o achegamento das barcas ao gaseiro, xa atracado no peirao da planta de gas, amosa, unha vez máis a falta de seguridade para as persoas. Onte, dirixentes sindicais evidenciaban a non existencia dun Plan de Emerxencia para a poboación, e que desde a regasificadora din que é competencia da Xunta de Galicia.

Pero, está claro que nesta loita os argumentos técnicos, medio ambientais, de defensa da nosa ría e das nosas vidas, non van valer nada, ou iso queren. Teñen decidido que debemos fincar os xeonllos ante Reganosa. Só unha axeitada e fría resposta cidadá pode poñer as cousas no seu sitio, sobre todo porque hai quen quere provocar unha saída irracional á situación, violentando o estado de dereito.

Para este domingo está xa convocada unha manifestación, ás doce do mediodía, para esixir que a planta de gas sexa traslada ao Porto Exterior, en defensa dos dereitos fundamentais, entre eles o dereito a vivir sen perigos, de solidariedade con Bernardo Bastida.

Ao saír do traballo, compañeiros meus comparaban o acontecido con Marzo do 72. Probablemente, pouco teña que ver. Máis, é a referencia dunha loita democrática contra as inxustizas e de defensa da democracia, cando ademais os poderes públicos teñen abandonados aos cidadáns.

Moita calma. Esta é unha loita moi longa, que deberemos saber gañar a pesar dos atrancos e as provocacións. Calma, moita calma. Usemos a cabeza.

 

Fotos

Enlace Audio Radio Galega 30maio2007

En español