Confesións a dúas antropólogas catalás

Directivos de Fuco Buxán con Susana Narotzky e Irene Sabaté

Do 22 ao 27 de marzo deste ano 2010, estiveron en Ferrol dúas antropólogas catalás – Susana Narotzky e Irene Sabaté – facendo un traballo sobre a Megasa Siderúrxica S.L., dentro dun estudo máis amplo da siderurxia en España, e tendo esta vez como centro principal de traballo a cuarta planta da sede da UGT. Na parte na que eu participei trata sobre as relacións que se establecen entre os traballadores da factoría, a empresa, o seu entorno e incluso como afecta as súas relacións familiares. As súas vertentes nas relacións intralaborais, sindicais, políticas, persoais… E esta tamén é unha primeira aproximación á historia social de Megasa, van volver máis adiante.

Quizais, outras das cousas que pasa con isto da antropoloxía é que de algún xeito son traballos que quedan inconclusos, sen rematar. Sempre hai posibilidade de darlle outro enfoque. Por iso, e como Narotzky xa estivo en varias ocasións aquí – ben invitada pola UNED, pola actual concelleira de cultura do Concello de Ferrol Mercedes Carbajales, ou pola Asociación Cultural Fuco Buxán – tamén estivemos falando sobre a transmisión da memoria histórica e a súa reelaboración para a acción política, os liderados carismáticos vs. liderados democráticos, a xénese dos movementos sociais, as estruturas circulares – horizontais dos movementos sociais democráticos fronte ás estruturas leninistas clásicas (absolutamente todos so partidos políticos son en maior ou menor medida organizacións de tipo leninista, militar), os 160 anos de movemento obreiro socialista e a necesidade dunha sínteses para unha nova praxis, Gramsci e o novo bloque histórico; e a xénese de Fuco Buxán… en fin, demasiadas cousas.

Seguir lendo

O “MANIFESTO” SOCIALISTA DOS NOVE

[*]Queremos manifestar que, como non podería ser menos, partimos dunha completa identificación cos valores e ideas do noso Partido. Simplemente queremos facernos visibles, ir máis alá das nosas continuas intervencións nestas asambleas; que sempre partiron dunha crítica constructiva, pretendendo que a nosa voz formase parte dese ton común que a todos está a definirnos.

Críticas e suxerencias que sempre tenderon a acadar unha maior equidade e transparencia, tratando de evitar aquilo que tantas veces vemos e condenamos noutros partidos. É por todo isto que hoxe “atrevémonos” a dar un paso máis, na liña de facer patente que existen persoas nesta agrupación local, militantes no Partido Socialista e socialistas, dispostas a defender as liñas xerais que veñen determinadas no noso ideario.

Unhas liñas que, en ningunha maneira, comprendemos como coto pechado, ou propiedade só duns poucos. Pola contra, pensamos que estamos a compartir un espazo político, integrador e común, no que todos e todas, sen fisuras, debemos sentirnos incluidos e necesarios; no senso de proceder dese orde político onde as ideas de liberdade, xustiza e futuro mellor estannos a definir como militantes e compañeiros nun mesmo camiño. Unha liña aberta á atención de opinións diferentes e permanente perfección. E do mesmo modo que entendemos que as diferentes forzas deben ter voz, pensamos que o alcalde ten que exercer o liderazgo na sociedade e no Partido.

Así pois, repito, non imos, nin iremos nunca, contra ninguén que defenda unha ideoloxía inscrita na liña das ideas e os valores do Partido Socialista, contra ninguén que leve nos seus actos o modo transparente que nos define como militantes e persoas de esquerdas.

Imos todos camiñando na mesma corrente, pero precisamos que a nosa voz se escoite tamén, do mesmo modo que sempre nos atopástedes dispostos a escoitar e apoiar aos compañeiros e compañeiras elixidos por esta asamblea. E partimos, e partiremos sempre, da lealtade que procede de ser conscientes de estar defendendo o mesmo proxecto, transparente, integrador e socialista.

Se hoxe estamos ante vós e pedindo o voso voto, é porque cremos na presente e futura fortaleza do Partido. E porque, como militantes, desexamos prestar a nosa axuda para levalo ao mellor porto, que será sempre aquel que loite por facer posible a mellora da vida de tódolos cidadáns.

Por todo isto hoxe presentamos esta lista de candidatos ao comité provincial, e facémolo dende a consciencia de que estamos ante un proxecto en periodo de formación, de modo que ao presentar esta candidatura non estamos apartando a ninguén dun posto, xa que éste aínda está baleiro. E hai algo do que temos plena seguridade: se nos deixades e confiades en nós. podemos axudar, porque entendemos que somos tan válidos como calquera outro para facelo.

Constituímos, pois, un grupo de persoas que todos coñecedes, e que non veñen, en modo algún a restar forzas, senón que, pola contra, o noso único desexo e sumar esforzos, contribuír con ideas e ilusión a este proxecto común que a todos nos vai definir.

É por iso que vos pedimos a vosa confianza, do mesmo modo que podedes ter a plena seguridade de que faremos todo o posible para non defraudar o voso recoñecemento e o voso apoio. Tedes a nosa palabra.

[*] Intervención de Rosa Méndez, cabeza da lista dos nove; e que finalmente sacou o 34,4% dos votos da Asemblea do PSdeG – PSOE de Ferrol do xoves 4 de marzo de 2010, ao abeiro da elección de membros para o Comité Provincial da Coruña.