Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Bendito verán

Estamos xa no mes que por excelencia considérase o das vacacións, á marxe de que para algúns vaia ser un tempo de máxima actividade laboral. Chegado o verán Ferrol ten outra cara diferente, non sei se real ou ficticia, pero si é certo que ule a vida e a xente sen máis tribulacións que dedicar o seu tempo ao lecer. Así vese nas terrazas da Magdalena, da Praza do Inferniño ou calquera outra.

A maquinaria da cidade aguanta de seu, sen complicacións, a pesar de que chegamos a estes días de sol alterno sen orzamentos municipais e sen saber se hai saída institucional á situación da Corporación e á guerra entre as esquerdas, incluída a extramunicipal. Pero, si parece que hai unha paz temporal. Unha tregua onde o tempo persoal están por riba das causas comúns. Así que permítanme parafrasear aquela xeitosa campaña que falaba duns “benditos bares” ateigados de xente feliz: bendito verán.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bendito-veran/20170802212200198078.html

A comparecencia

É certo que este país de países está de festa en festa, pero iso non vai impedir que a comparecencia do presidente Mariano Rajoy, na Audiencia Nacional, sexa unha imaxe histórica. Nin sequera os seus privilexios, como ser recibido polas autoridades xudiciais a pé de coche, nin ter pupitriño propio o van salvar. Feitos, ademais, que chocan coa idea de igualdade de todas e todos ante a Xustiza.

Estamos nun intento de eludir a súa responsabilidade no financiamento do seu partido, pero nin as axudas do avogado de Bárcenas sérvenlle. Queda moito que andar, pero todo indica que os Populares están condenados a seguir o camiño do partido de Pujol, a súa reconversión nun novo partido para procurarse unha nova imaxe política. Lamentable a instrumentalización -posterior- da loita contra a violencia machista, para así coa súa presenza “branquearlle” o día ao presidente. Marca España.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-comparecencia/20170726225404197403.html

Cataluña

O novo PSOE tiña acurralado a Rajoy, pero chegaron Puigdemont, o PDeCat, Esquerra e a Cup a darlle corda. O asunto é facer xogo revolto para así -cada un- facer o que lle pete. Buscar un choque de trens para non render contas da corrupción e as políticas antisociais das dereitas catalá e española. E, por se fóra pouco, o apoio das dereitas españolas á venezolana -que acaba de celebrar un “referendum á catalana”- está acabando de enlamar todo aínda máis. Estase misturando demasiadas cousas.

O concepto “Nación de Nacións” non é un invento de Pedro Sánchez, está recollido nas actas que deron lugar á incorporación do término “nacionalidades” á Constitución, e que un saiba nacionalidade deriva de nación. Asi mesmo, o dereito a decidir da cidadanía é un valor central da democracia, que necesita horizontabilidade, reparto do poder, e consensos para avanzar. De aí o acerto do líder socialista.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/cataluna/20170719234711196613.html

O Sergas, condenado

O Sergas acaba de ser condenado a indemnizar a un veciño de Narón pola morte da súa esposa, e xa non é o primeiro caso. Hai recentemente, tamén, a dunha parella por tardar dous anos en dar os resultados dun cribado neonatal. É evidente que hai unha mala praxis asistencial, por moito que xudicialmente dígase que é “unha perda de oportunidade terapéutica”. Se todas e todos temos unha boa impresión da nosa sanidade pública e do esforzo do seu persoal, empezando polo Arquitecto Marcide. Entón, que pasa?

Este tipo de noticias contrastan cun persoal sanitario que dedica moitos esforzos para atender adecuadamente ás e aos pacientes, que están nunha formación e unha renovación continuas do seu compromiso sanitario. Fronte ao esforzos desta xente, están os recortes, a reducción de persoal e o recente peche de camas, cuestións que desbordan aínda máis as urxencias hospitalarias que vimos estes días.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-sergas-condenado/20170712233104195898.html

Outra oportunidade

A vida sempre dá oportunidades para rectificar e andar novos vieiros. Así a posibilidade dun acordo das esquerdas ao que deberían sumarse os nacionalistas, para ter os primeiros orzamentos deste novo mandato municipal, é unha oportunidade para todos eles. Rectificar a deriva a ningures que leva dende hai tempo o noso Concello. Non debería haber liñas vermellas infranqueables, senón a posibilidade dun verdadeiro encontro dos partidos progresistas.

Hai ademais que darlle o empurrón definitivo á remodelación da nova praza de Armas e á peonalización da Magdalena, cuestións que xa foron refrendadas pola cidadanía cando votaron unha maioría de esquerdas para Ferrol, nas últimas eleccións locais. Esperemos que esta oportunidade sexa aproveitada por todas as implicadas e implicados, que non sexa unha serpe de verán. Xóganse moito as esquerdas ferrolás, a súa credibilidade para o resto do mandato.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/outra-oportunidade/20170705214514195195.html