Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Emprendemento

Importante noticia a recollida por este xornal e, máis, cando aínda estamos saíndo a poucos (sexamos optimistas) desta estraña situación da Covid-19: o programa de apoio ao comercio minorista, subscrito polo Ministerio de Industria e as Cámaras de Comercio coa participación da concellaría de Promoción Económica de Ferrol, encabezada por Mayte Deus.

Dar apoio a este sector maltratado polas diversas crises económicas, sanitaria e a competencia desleal das grandes plataformas globais e fomentar alternativas para locais vacíos e novos emprendementos é unha necesidade que debera axudar aos autónomos e ao comercio de proximidade.

E hai que ser extremadamente didácticos. Explicar claramente a contía das axudas, destinatarios finais e simplificar trámites. Así como facer pedagoxía cando se refiren ao “laboratorio de ideas” ou como van facer realidade os “grupos motor”. A iniciativa paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3337468/emprendemento

Realidade ferrolá

Se seguimos a actualidade local poderíamos acabar disertando sobre a metafísica da realidade. Unha realidade fragmentada que constrúese desde filtros interesados. Practicamente, non miramos nin comprobamos as fontes nin o seu contido, serve para facer un xuízo ou o contrario.

Por iso, segue a sorprenderme a pouca didáctica dos partidos con representación local. Reproducen unha serie de consignas para a súa parroquia e pouco máis. Non é certo que as entidades “serias” xa teñan os orzamentos do 2022 aprobados, só aquelas que teñen gobernos de maioría absoluta. Non é certo que os “nosos males” débanse ao “silencio” de Mato, senón á falta de peso territorial da nosa cidade e á incapacidade dun pacto de todos por Ferrol.

E se falamos de “falta de ideas para loitar por Ferrol”, igual deberíamos comezar por saber cales son as ideas da dereita e as dos “socios non socios”, alén de queimados lemas rituais.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3330692/realidade-ferrola

De compras

A verdade que tenme desconcertado isto do “Black Friday”. Un invento que as grandes plataformas de internet pretenden estender ao conxunto do planeta, para que todo pase por elas en exclusiva.

Realmente, descoñezo cal é a ganancia para os negocios de proximidade nesta anarquía comercial. Dubido moito que sexan capaces de aguantar o desgaste ás que as están sometendo, por iso entendo perfectamente a “rebelión” do comercio pontevedrés e creo que o ferrolán gañaría se se sumaran á mesma.

Hai tamén unha “batalla cultural”. Acabar co consumidor tradicional para fomentar outro compulsivo que busque cousas que non necesita e a prezos que, en verdade, non son tan competitivos como nos presentan. Especialmente, por comprar neste mercado do “efémero”. De feito, todos sabemos de establecementos que gardan os produtos de temporada para ofertarnos do que levan anos sen poder desfacerse, legal pero de dubidosa ética.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3318584/compras

Atención primaria

Estes días, houbo xente de Ferrol que se trasladaron a Santiago para participar na manifestación en defensa da apertura da atención primaria, na sanidade pública. A resposta do señor conselleiro foi curiosa, que foi unha manifestación “política” en contra da Xunta. Igual as súas decisións non son “políticas”…

O certo é que están aproveitando para quen poida recorra á sanidade privada e, quen non, que asuma que non ter medios é unha carga. Somos a cuarta autonomía que máis persoal reduciu, segundo o propio Consello de Contas. Hai unha grande fenda dixital e, simplemente, ninguén colle o teléfono nos servizos públicos. Así que ese 60% de atención presencial é falsa, porque o non tramitado computa en ningures.

Hoxe no Sergas seguen por debaixo de cando o goberno do socialista Pérez Touriño. O certo é que necesitamos subir os orzamentos na atención primaria pública nun 50%, tal e como recomenda Europa.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3307810/atencion-primaria

Kit de supervivencia

Hai moitas cousas que foron a máis nestes tempos da pandemia. Hai sectores políticos – económicos interesados en trasladar ao conxunto da sociedade unha situación permanente de medo. Restrinxir as liberdades individuais. Por iso están tan prestos a promover desde a extrema dereita ao odio contra das mulleres, aos sectores de clase traballadora ou moza con conciencia de seu…

Quizais unha das novidades sexa a dun suposto apagón eléctrico e algúns, levados dun sentimento de precariedade absoluta, pasaron de acumular papel hixiénico a mercar un kit de supervivencia en algunhas tendas de Ferrol e comarca. Ben polo comercio local, aí nada hai que dicir, só desexarlles que fagan bos negocios. Mais, para o conxunto da sociedade o mellor “kit de supervivencia” é o funcionamento dos servizos públicos, do estado social e democrático, do “estado de benestar”. O mundo vaise acabar, pero non será aínda.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3304909/kit-supervivencia