
Na madrugada do xoves 15, deixábanos o amigo Tino Deibe á idade de 59 anos, produto dun cancro probablemente vencellado ao asbestos, enfermidade derivada da respiración do amianto no traballo. Sabedes que na comarca de Ferrol Terra estímase que temos a maior bolsa de afectados de Europa Occidental, sobre unhas 20.000 persoas.
Coñezo a Tino desde hai 24 anos. El e os seus fillos, Gus e Fernando, forman parte do meu círculo máis preto de amigos. Tino ten unha longa traxectoria nos movementos sociais en Ferrol. Delineante de Navantia, estivo vencellado desde sempre ás súas CCOO, militou no PCG e posteriormente no PT de Santiago Carrillo, para máis tarde participar na integración no Partido Socialista. Ademais, o seu compromiso social levouno a estar moi vinculado ao movemento veciñal, a formar parte da orixe da revista “Razón Socialista”, así como da Asociación Cultural Fuco Buxán. É un dos fundadores do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, así como o creador do seu logotipo oficial, ese que imita as olas do mar.
Son demasiados anos de compartir moitos proxectos sociais e culturais xuntos. Tino é en verdade un dos bos e xenerosos, fondamente comprometido con outro mundo que é posible. Traballador incansable, fiel ás ideas, coherencia, honradez e dignidade. Un exemplo para o conxunto das clases traballadoras ferrolás. Da mesma madeira de Julio Aneiros e Carmelo Teixeiro.
Xa hoxe venres, estaremos no cemiterio de Catabois, na súa derradeira viaxe. Ás 16 horas será o seu enterro civil. Saúde camarada, amigo e compañeiro!
Para Tino.
Ramón Piñeiro tiña razón. A Autonomía foi a apertura dun camiño novo cara ao futuro. Consolidou Galicia como nacionalidade histórica e dounos o instrumento de autogoberno que xamais antes tiveramos os galegos. De feito, hoxe toda forza política representativa ou que o pretenda ser, recoñéceo.
Todo este tempo, nunha democracia española aínda non consolidada (por exemplo: dimisión de Felipe González en maio de 1979 ou a data do 23F…); que vai desde a preautonomía até a aprobación do Estatuto galego de 1980, está reflectido por Ceferino Díaz – un dos actores fundamentais desde as súas responsabilidades na dirección dos socialistas galegos – no seu libro editado por Galaxia: “A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981”, e que leva como subtítulo “Unha ollada desde o socialismo galego”; e prólogos do Presidente Touriño e de Alfonso Guerra.
Este é un libro chamado a ocupar un lugar destacado na memoria recente do País. Reflicte desde dentro o tortuoso camiño, que finalmente, dou lugar ao actual sistema político galego. Faino sen sectarismos, aportando actas, documentos e, tamén, dando entrada a outras voces do conxunto do espectro político de entón. Fronte a quen pretenden que se esqueza de onde viñan, que defendían ou pretenden reescribila para darse un protagonismo que non tiñan.
Tras a aprobación dos estatutos catalán e vasco, a dereita pretende usar Galicia como freo na construción do incipiente Estado das Autonomías. Coa axuda obxectiva de aqueles sectores contrarios, que coa súa proposta de “Bases Constitucionais” debilitaban á Galicia autonómica; Ceferino Díaz reclama como patrimonio político do país, o papel decisivo dos socialistas, pero tamén do conxunto da esquerda, tanto do PCG, como das achegas parciais e dubitativas do POG de Camilo Nogueira (que miraba de reollo aos seus competidores no campo nacionalista), así como de outras forzas menores como o PG.
Mañá xoves ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene clausuramos a exposición fotográfica sobre os efectos que ten na poboación palestina a construción do xa declarado ilegal Muro israelí. Para achegarnos á realidade deste pobo masacrado e ocupado contaremos coa presenza de Mohamed Safa (da Organización para a Liberación de Palestina), Magali Thill (directora adxunta de ACSUR e responsable para Palestina desta ONG). Tamén estará Iván Puentes, alcalde socialista de Fene. O acto será presentado por Teresa Martínez, directiva de Fuco Buxán.
Por outra banda, por motivo alleos, tanto ao conferenciante como a Fuco Buxán, a presentación do libro “A esforzada conquista da Autonomía” (Editorial Galaxia), de Ceferino Díaz, trasládase ao xoves 22 de maio.
Como sabedes este 9 de maio fai un ano de que Reganosa, empezou a meter gaseiros dentro da ría de Ferrol. Desde o Comité Cidadán de Emerxencia fan unha convocatoria para que a veciñanza de Ferrol faga un percorrido polas rúas da cidade e “visitemos” aos socios do Consello de Administración desta regasificadora perigosa, ilegal e non legalizable. Cando ademais, a súa presenza e o apoio político que ten, impide a outros consorcios levar adiante outras propostas no exterior da ría e que non ameazaría á poboación.
Hoxe os traballadores migrantes, de orixe latina basicamente, celebraron o Primeiro de Maio nos Estados Unidos, fronte á data oficial do primeiro luns de setembro. Por se alguén tiña algunha dúbida o futuro da clase traballadora e da esquerda neste país, pasa por eles.
Tamén, estamos a corenta anos do Maio Francés, e xa con vintecinco de hexemonía do neoliberalismo e dunha forte erosión dos sinais de identidade da esquerda política e sindical, tanto socialdemócrata como postcomunista. Dun forte retroceso dos dereitos sociais e individuais, e baleirado do Estado de Benestar.
Recoméndovos ler o traballo de Vicenç Navarro, ex asesor de Salvador Allende, dos Clinton e colaborador do PSOE, titulado: “La lucha de clases a escala mundial”. Así mesmo, recoméndovos ler o seu libro “El subdesarrollo social de España” (Editorial Anagrama).
Na súa páxina persoal tamén atoparedes un sistema de alerta de todo aquilo que vai publicando este profesor universitario que alimenta con argumentos, datos e ideas ao conxunto das clases traballadoras e os sectores máis dinámicos das clases medias asentadas. Tamén, é un dos promotores do Observatorio Social de España.
Neste día: Saúde, República e Socialismo.