Primarias

Esta fin de semana os socialistas de toda a provincia tiveron procesos de primarias para elixir aos seus coordinadores comarcais. Máis, supoño que co pesar do secretario provincial Fran Caamaño, con moitos problemas organizativos.

Un exemplo o vimos en Ferrolterra, que fronte á normalidade de ter unha urna en cada agrupación, o aparato provincial impuxo unha soa para as trece, obrigando á inmensa maioría dos afiliados a trasladarse de concello nun día invernal.

Isto foi froito das incapacidades ou da inexperiencia? Dende a executiva provincial querían desmobilizar aos militantes, para así ningunear aos candidatos rebeldes, dunhas rebeldes comarcas?

Sería tanto como afirmar que Caamaño máncase o seu propio pé esquerdo; unha evidente falta de sentidiño. O certo é que Ferrolterra acaba de referendar á súa coordinadora comarcal Victoria Gómez. Parabéns.

Enlace a Diario de Ferrol.

Socialismo provincial

Acaba de celebrarse o primeiro Comité Provincial dos Socialistas da Coruña, pechando así os seus procesos orgánicos, en camiño ás municipais do 2011. Eleccións dunha importancia vital – case histórica – por desenvolverse en medio da actual crise socio – económica e antesala das eleccións xerais do 2012.

Deste Comité socialista hai que salientar tres cousas. A presenza como Presidente provincial do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, é unha proba de que está emerxendo cun papel protagonista dentro e dende a política galega. Conecta facilmente coas bases socialistas e co resto dos cidadáns. Ten unha mensaxe socialista e galega coherente e convincente.

A segunda, é o que o secretario xeral Salvador Moreda vén a chamar o rearme ideolóxico socialista. Si, pero é necesario ir máis alá da mera reivindicación histórica do papel da Socialdemocracia na construción do Estado de Benestar. Esta necesita recuperar os discursos postcapitalista, verde e da unidade da esquerda; radicalmente democráticos. Refundarse.

A terceira. Fronte ás dúbidas, a novidosa estrutura provincial – que vén dada pola recentralización habida no PSOE – terá que demostrar a súa idoneidade. O galeguismo nace a mediados do século XIX como rechazo ás provincias. E alguén tiña medo que unha nova Xunta de Galicia socialista fixera causa común federalista cos cataláns do PSC. Será posible un discurso provincial de corte galeguista?