Residencias públicas?

A atención ás persoas maiores require de moito persoal, altamente especializado e con grandes investimentos para asegurar un trato axeitado e humano. De feito, todos sabemos que as pensións dos usuarios das residencias de maiores non cobren os gastos, tendo que ser complementados polas familias e a administración autonómica. O fondo da cuestión radica en saber se estamos ante un servizo público esencial ou isto queda suxeito ao “libre mercado”.

Sabemos que en outubro a Xunta recepcionará en Ferrol a nova residencia “pública” que a Fundación Amancio Ortega entregaralle vía doazón. Así, o que debería facer a Consellería de Política Social sería dotar de orzamento e convocar as prazas para ter o persoal necesario, pero isto non vai a ser xa que vaise privatizar a xestión.

O primeiro obxectivo da concesionaria será deseñar unha xerencia que lle permita gañar diñeiro. Para iso son unha empresa. Lexítimo interese que choca cos dereitos dos usuarios a unha atención axeitada. Máximo nun sector tan precarizado, con pouco persoal e en moitos casos por debaixo do salario mínimo. A Xunta aínda pode apostar por unhas verdadeiras residencias públicas e poñer orde tanto no sector público como privado.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/residencias-publicas-5429659

Seguridade Cidadá

A pasada semana Ferrol parecía estoupar. Hai dúbidas sobre moitos aspectos, pero o que sabemos é que a Xustiza está a investigar un posible delito contra a liberdade sexual dunha muller. A “esquizofrenia virtual” vivida nas redes sociais, alimentada – en moitos casos – por aqueles que negan a existencia da violencia de xénero, deixa ás claras as deficiencias nos campos educativo, cultural, de prevención e asistencia social, así como na seguridade cidadá, unha vez máis.

Con respecto a isto último, vemos como aínda seguimos a sufrir os recortes da etapa Montoro – Rajoy, cunha evidente falta de medios e persoal nos diversos corpos policiais. O pouco peso de Galicia na política estatal, máis cunha Xunta empeñada en bailar ao son do dúo Almeida – Ayuso, fan que os investimentos en seguridade cidadá vaian con atraso.

Igual os tempos son chegados e hai que pór sobre a mesa, a calor cás competencias previstas no Estatuto galego – tendo en conta os efectivos actuais de Garda Civil e Policía Nacional no conxunto de Galicia – a necesidade imperiosa de desenvolver unha verdadeira Policía Autonómica integral, en vez de seguir á “espera de Madrid”. Claro que para isto a Xunta tería que ter vontade política.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/seguridade-cidada-5389548

En folga de fame

A carón da praza de España, fronte á porta do Equipo de Valoración de Incapacidades hai un traballador en folga de fame. Coñecerán o que pasa polas crónicas do Diario destes días e polo vídeo da súa filla. Non hai resposta oficial ás súas demandas e o que acontece é unha práctica cotiá, que para nada respecta os dereitos das e dos traballadores e dos pequenos empresarios.

Esta é a outra cara. Hai algunhas semanas o presidente Rueda sacaba peito na loita da Xunta contra o absentismo laboral. Segundo el a situación parte dun abuso por parte de xente que quere vivir sen traballar, claro que non asumía que os principais responsables do absentismo laboral dos traballadores e autónomos en Galicia son precisamente a Administración Autonómica e el como máximo responsable político.

A deficiente xestión do sistema sanitario público, que busca escusas para ese discurso de que as baixas por enfermidade común deben estar en mans das mutuas, así como vivir nun país onde non están recoñecidas as enfermidades profesionais, están no miolo do asunto. Á marxe de que esta deriva tóxica deshumaniza a atención ás persoas e as prestacións autonómicas e estatais. Mentres, traballadores e autónomos, á intemperie.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/folga-fame-5177834

A voltas co tren

Son dos que cre que a comarca de Ferrol é europea e cos mesmos problemas de calquera área xeográfica da Unión. Así, tamén, como vostedes sigo sen entender que pasa co tren da costa. A liña de vía estreita, da que toda a cidadanía debera sentir orgullo. Igual hai que facerlle un exame de boa xestión aos políticos profesionais das diversas administracións, desde Ferrol á fronteira con Asturias.

Alguén debera explicar a desidia e o mal funcionamento deste servizo público fundamental. Folga dicir que ter unha liñas modernas para o transporte de mercadorías e persoas é transcendental para o desenvolvemento económico e social, como para artellar o territorio de xeito sostible e racional.

Como ferrolán e galego desexo que a Xunta de Galicia asuma as competencias da antiga FEVE e faga un verdadeiro servizo de proximidade. Que aposte polo tren e, permítanme un apunte á esta administración con respecto a esoutra aposta ferroviaria de Portugal cara ao Eixo Atlántico: deberan pechar filas co ministro Óscar Puente, fronte á pretensión do PP de Ayuso de desbotar os intereses galegos en favor de priorizar a liña Lisboa – Madrid. Debate central esta semana no Senado sobre a situación ferroviaria española.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/voltas-co-tren-4972297

Boliñas plásticas

As boliñas de plástico que perdeu ese mercante, fronte ás costas portuguesas, están nas nosas costas. A Fiscalía de Medio Ambiente acaba de deixar á Xunta de Galicia mal parada. Resulta que os peixes as poden confundir con comida e non son biodegradables. A maiores, ao presidente en funcións, ao señor Rueda ou ben alguén dos seus ocultoulle información ou, simplemente, non di a verdade. A publicación da documentación oficial amosa claramente que a Xunta si tivo notificación deste vertido, desde o primeiro momento, e non tres semanas despois como afirma.

É evidente que a Rueda e á súa xente cústalles facer o seu traballo. A xestión da administración pública non é o deles. Coma sempre os traballadores do mar e a cidadanía deben poñerse por diante? Seguen o mesmo guión, negando a realidade e mirando para outro lado. Compórtanse como “okupas” que deixan deteriorar a administración e a súa xestión, para trasladar a idea de que o público é mala cousa.

Aínda que sexa en funcións, é o momento de asumir o cargo de presidente. Non facer, simplemente, de candidato dunha forza política que anda ás agachadas e deixa pasar un tempo imprescindible, contra o deterioro do medio ambiente e da saúde pública.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bolinas-plasticas-4674834