O portugués

Estes días desde a Corporación municipal retomaban unha proposta interesante, tanto para Ferrol, como para as galegas e os galegos. É a proposta dos talleres de portugués a desenvolver no próximo mes de maio en centros da ESO, FP e bacharelato, ampliado a quinto e sexta de Primaria.

A estas alturas da vida xa temos cometido todo tipo de erros en relación co idioma portugués. Feito que impídenos cumprir co papel que supostamente teríamos de xeito preferente, como sería ser a ponte natural de conexión do mundo luso-brasileiro con España e a Unión Europea.

Ademais, a hexemonía da dereita na Xunta e os seus complexos provincianos trae consigo que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas e os Concellos os que estean a paliar esta situación. O certo é que a maioría dos estudantes de portugués non están en Galicia, senón na autonomía de Extremadura. O portugués é cultura, pero tamén futuro económico. Tomemos nota.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2846855/p-portugues

Unha Xunta sen Ferrol

No novo goberno de Feijóo non hai ferroláns. É dicir, José Manuel Rey non foi nomeado, desta vez, conselleiro. Haberá que esperar un tempo para saber si isto significa un cambio de liderado no PP ferrolán, e máis tras dous mandatos consecutivos sen tocar goberno municipal.

Tamén haberá que ver como vai influír o “Caso Kitchen” nas aspiracións do presidente galego a ocupar o asento de Casado no Congreso dos Deputados e, máis, como vai afectar isto ao actual grupo municipal da dereita, se van acabar este mandato como tal grupo ou baixo unhas novas siglas ou se van pagar eles a inacción da actual Xunta no ensino e na sanidade galegas.

De momento, confórmanse con afearlle ao alcalde Ángel Mato un suposto baixo gasto, tras seis meses de pandemia e con todo o tecido económico paralizado, onde o Concello de Ferrol priorizou a axuda directa a familias necesitadas e empresas, que non foron poucas, lamentablemente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xunta-ferrol/20200915224724288173.html

Sobre orzamentos

Estes días tan revoltos por Cataluña, en Ferrol andamos enredados nos orzamentos por partida dobre. Tanto cos da Xunta de Galicia, como cos que está a preparar a actual corporación da man de Mayte Deus, concelleira de Facenda. Pero, tamén súmase, xa non só a proximidade das eleccións xerais, senón que José Manuel Rey – supoño que co pesar de Iván Rivas – está a exercer o seu papel de principal líder da oposición.

Aínda non coñecemos o avance do borrador dos vindeiros orzamentos municipais, que prometido está que presentarán en breve, unha vez que non caeron na trampa de presentar un para acabar este semestre, como reclamaba toda a oposición. De verdade que estaban dispostos a aprobalo cando, en breve, entraría o correspondente ao 2020? O que si sabemos é que, basicamente os da Xunta, para Ferrol descansan na doazón do señor Amancio Ortega. A dereita saberá se esas son formas de tratar á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sobre-orzamentos/20191024001929267134.html

Populares

Agora que Rajoy xa non é presidente, o Partido Popular e a propia Xunta de Galicia xogan a ser máis reivindicativos que ninguén. De feito, se viñera alguén de fóra e non coñecera a cousa política local, poderían crer que eles son “radicais antisistema” ou “anticapitalistas”.

O certo é que a transición enerxética comezou hai trinta anos pero ninguén fixo caso. O certo é que Endesa fai o que fai porque é unha empresa privada e busca optimizar os seus beneficios empresariais e carece de controis públicos, o certo é que as privatizacións do mercado eléctrico están na orixe da actual situación e ten efectos colaterais noutras empresas desta comarca.

Pero, a única alternativa do PP é seguir coa “doutrina Rato”, actual inquilino de Soto del Real. O problema é sentarse e, por unha vez, lograr un compromiso real que permita a esta comarca marcar unha folla de ruta respaldada por todos os axentes sociais.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/populares/20191009221804266350.html

Poligal

Hoxe á tarde hai un pleno moi importante en Narón ás dezanove horas. Especial, porque van tratar da vida da xente, de como xogaron con elas e con eles durante moitos anos. Os xestores de Poligal nunca tiveron espírito empresarial, todo -e en primeiro lugar o seu persoal- eran números sobre un papel. Sempre buscaron beneficios rápidos, e para iso usaron todos os instrumentos legais ao seu alcance.

Hai que sentar ao Grupo Peralada co comité de empresa e buscar unha saída en favor do emprego. Débenllo ao conxunto do seu persoal, entre moitas cousas porque o seu foi un calvario prolongado durante décadas. Débenllo, o conselleiro de industria e o presidente da Xunta, porque a súa reforma laboral foi letal para os dereitos dos traballadores e para a economía deste país. Hoxe defender a esta comarca e a Galicia ten nome propio, o de cada traballador de Poligal. Non hai escusa. Poligal, futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/poligal/20190227204323249731.html