Dez de Marzo

O martes debera ter sido un día especial para Ferrol. Unha data que tiña que ter reflectida a importante achega que fíxose para a ruptura da ditadura franquista e para a apertura á democracia e ás liberdades. Pero, estes días que tanto fálase de falta de liderado político na nosa cidade, igual tamén, hai que falar de isto dende o eido sindical. Neste dez de marzo víase que cada quen está ao seu e nin xuntos suman o que deberan.

Non é hora dunha reflexión conxunta? Que fixemos mal para que non podamos ir xuntos detrás da mesma pancarta e porque, nin sequera, as organizacións sindicais lograron converter o dez de marzo nunha data a celebrar polo conxunto de Galicia? O certo é que fóra de Ferrol vese case como algo exótico, dunha cidade que carece de proxecto propio e referentes actuais. É necesario un cambio de rumbo, alén da unidade circunstancial.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Ultraactividade

Están os avogados de empresa dándolle voltas á sentenza do Tribunal Supremo sobre a ultraactividade, da que recentemente vense a coñecer a súa argumentación e votos particulares. Os seus clientes están molestos porque a súa libre disposición -das relacións laborais- queda acoutada a uns mínimos.

É certo que os convenios colectivos caducan un ano despois de finalizar a súa vixencia, pero as condicións de traballo previstas mantense como condicións contractuais, dándolle aos traballadores unha cobertura básica en materia de salarios, condicións de traballo, quendas, mobilidade funcional e horarios.

A modificación das mesmas, obriga ás empresas iniciar un novo período de negociación coa representación sindical, ao abeiro do artigo 41 do Estatuto dos Traballadores. Previsiblemente, esta acabe en vía xudicial ante a falta de acordo entre as partes.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Agrupémonos…

Escribo esta columna un día antes da convocatoria de Folga Xeral por parte da CIG en Galicia. Á marxe do resultado concreto desta convocatoria, é obvio que teñen dereito a decidir a liña de actuación que queiran; pero as actuais negociacións entre UGT, CCOO e o Goberno Zapatero – alén dos resultados que poidan traer – son produto do éxito da Folga Xeral do 29 de setembro de 2010 e son necesarias. Tamén, é certo que ninguén sensato poderá manifestar discrepancias cos motivos da convocatoria da central nacionalista (a reforma das pensións).

Tamén somos testemuñas de como en cada centro de traballo a falta de unidade de acción da CIG con UGT e CCOO, provocou entre os traballadores unha enorme impresión de falta de rumbo; uns traballadores que teñen claro que a única saída progresista á crise virá dada da nosa unidade ou non será.

Resulta necesario e procedente o debate sindical que se está a dar dentro dos tres sindicatos. Nin sequera o ámbito de mobilización estatal é suficiente. Cando a dereita financeira está a actuar a nivel europeo e internacional, resulta imprescindible unha maior confluencia, cando menos, no ámbito da Europa Occidental. O que tamén implica ir alén da simple unidade de acción ou limitada a unha nación sen estado.

Sería un grave erro que a convocatoria da CIG fose un freo ao reagrupamento sindical. Un amigo, o fotógrafo e debuxante Suso Pazos graficamente presentaba a esta central sindical, xunto con UGT e CCOO, como tres pirámides cuxas bases xúntanse pero as súas cúpulas non son quen de facelo. Hoxe, o movemento obreiro galego, alén deste desencontros, necesita dunha unidade sindical profunda. Unha soa clase traballadora, un so movemento obreiro.

Ver Galicia Hoxe.

P.S. Hai un erro pola miña parte. O debuxo realmente é de Fer. Miñas desculpas aos dous amigos polo que eles xa saben.