Para frear a presión das redes sociais, dos sindicatos e da revolta interna no socialismo español, o chamado “déficit constitucional” non incluirá unha cantidade específica na innecesaria e clasista reforma da Constitución, quedará para unha futura Lei Orgánica.
Mais, segue a ser outra cesión ao pensamento único neoliberal. O problema real do déficit non está no investimento público nos servizos sociais, senón no déficit nos ingresos por mor dunha fiscalidade insolidaria para os traballadores e as clases medias: as rendas do capital e das sociedades cotizan menos dun trinta por cento cós seus homólogos do norte de Europa.
Priorizar o déficit, antes ca recuperación económica é un dogma integrista do neoliberalismo, igual a aquel outro en boca de Fernández de Mesa de “a esquerda é un perigo para o benestar de Ferrol”. Estamos ante a submisión aos Mercados, na renuncia democrática ou, simplemente, na posición da dereita máis oportunista.
Hai quen dende a esquerda resígnase e renuncia a defender o Estado de Benestar. Os cidadáns teñen que tomar a palabra; só dende a súa mobilización, na confluencia entre o 15M, os sindicatos de clase e o tecido asociativo é posible facer fronte ás agresións dos responsables da crise.
Os parlamentarios do PSOE hoxe en Madrid – incluídos os dez deputados e cinco senadores do PSdeG – deben votar non á reforma constitucional. A saída da crise ten un camiño á esquerda.
José Bono acaba de impedir que formacións democráticas como EA e Alternatiba, invitadas por ERC e IC, puideran dar unha roda de prensa no Congreso dos Deputados. Así, tamén o ex Conseller de Francisco Camps, Esteban González Pons, acaba de pronunciarse co propósito evidente de condicionar ao Tribunal Constitucional, sobre a legalidade das listas de Bildu para ás eleccións municipais do 22 de maio.