Relevos

Dicía Bensaïd de Marcuse que este consideraba que as clases traballadoras coa súa integración, perderan o seu papel histórico a prol de sectores como os estudantes ou as mulleres. Consecuente, seguramente, coas advertencias de Luxemburgo sobre as dificultades e os perigos de inmobilismo que hai, dado que só é posible reforzar a vontade de cambio dende a loita cotiá dentro dos límites do sistema, a pesar da necesidade de superar esa mesma orde social.

Precisamente, o camiño cara á igualdade e a democracia reais é unha suma de esforzos, así o importante non é o suposto liderado senón saber que este vai de relevos. Por iso, fronte á inercia do relato masculino do Estado e de aqueles que temen perder o seu poder, incluso nos propios sindicatos, a importancia do día oito (ou a do dez de marzo), non reside na nostalxia, senón na renovación e nun relevo que suma a máis da metade da poboación.

Publicado o 8 de marzo no Diario de Ferrol:

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/relevos/20180307231747218952.html

Causa Ferrol

A cidade non é un conxunto de vivendas e rúas, nin unha morea de xente cos mesmos servizos municipais ou unha veciñanza por accidente. Unha cidade tamén son as súas causas comúns, a súa capacidade de sumar esforzos e levantar metas, aínda que estas vaian máis á emotividade que ao resultado concreto. Participar e saber que compartes símbolos e proxectos, de toda índole, cunha gran maioría da cidadanía.

Estes días vemos como en Tarragona, arredor do concello de Priorat e co apoio das súas bodegas vinícolas ou en Gran Canaria, co Templo do Risco Caído, as súas xentes suman iniciativas para a carreira á UNESCO para ser patrimonio mundial. Así, a importancia da campaña do Foro Ferrol Vivo a prol da candidatura ferrolá vai moito máis alá de sumar alcaldes e sinaturas da cidadanía, é un xeito de facer cidade, incluso de facer país. Sumar sinerxias e crear outro Ferrol que é posible.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/causa-ferrol/20180214235339216574.html

Bos propósitos

Durante décadas foi a esquerda, sobre todo o PSdeG, quen deseñou a cidade, pero foi unha construción ás apalpadas e a medias. Isto obríganos a repensar un novo programa, alén da xestión inmediata do Concello. Así, a política municipal debe ser un proxecto asumido por todo o corpo social, estimular iniciativas, despertar ilusión e o sentimento de pertenza, para así dar resposta á necesidade da xente de superar a crise que padece Ferrol.

As tarefas son múltiples. Debemos facer as nosas achegas á oportunidade que se abriu desde o 24 de maio no eido local. Trátase de ir alén dun simple espellismo, trátase dunha ruptura co pasado que ten ao concello como base dun cambio, onde todas as esquerdas deben mudar e ofertar un novo discurso, cunha nova praxis política. A maioría da cidadanía seguiremos a colaborador na construción deste Ferrol que necesita insertarse na nova realidade.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/bos-propositos/20151231003840142486.html

Redes de esperanza

Hai dez días o sociólogo Manuel Castells presentaba a segunda edición do seu libro “Redes de indignación e esperanza”. Un estudio das diversas primaveras, do 15M e das súas respostas á alienación desta crise tan oportunista. É certo que as esquerdas clásicas, tanto política como sindical, están atrapadas polo seu compromiso cun pacto social que as dereitas xa non consideran necesario. Aí está o golpe da banca alemá contra o pobo grego e o seu referendo.

Pero, a superación dos medos por parte da xente, obriga as institucións a cambios de fondo. Aí están as novas redes e movementos sociais, que hoxe ocupan o papel central que antes tiñan sindicatos e partidos. A loita fundamental é a batalla por conformar un novo xeito de pensar, e a coacción -incluída a “lei mordaza”- non pode garantir a supervivencia das vellas hexemonías sen consenso social.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/redes-esperanza/20150730013357130435.html

Elegancia

Nos últimos tempos os partidos políticos están dando cursos de comunicación aos seus cargos públicos. Máis, deberan implementar esa formación cuns consellos de elegancia política, xa que todo non é pose, nin se soluciona con ter tres periodistas de man.

Así, se prometes gañar unhas eleccións case con maioría absoluta e non sacas nin a metade, tes que asumir a responsabilidade dentro e coa cidadanía. Se quen estivo contigo asume responsabilidades que ti non queres asumir, debes dar as grazas pola súa lealdade. Se che critican os que antes estaban, non os podes acusar alegremente e se o fas, xulgado, luz e taquígrafos.

En resumo, nese manual de elegancia deberan ensinar que sempre hai que cumprir coa palabra dada, e que en política só hai un xeito de asumir responsabilidades: conxugando, en primeira persoa, o verbo dimitir. O demais é xogar ás agachadas.

Enlace web DiarioFerrol

Enlace web Ideal Gallego