Hai vinte días Jorge Guzmán, xornalista desta casa, publicaba un interesante traballo sobre a poboación estranxeira en Ferrol. Nós cun 4,5% temos a porcentaxe máis baixas das grandes cidades galegas e o quinto da comarca. Engadir que – no conxunto de España – aportan o 10% das cotizacións á Seguridade Social e só supoñen o 1% do gasto.
Por outra banda, o escritor e apátrida, Sergio Ramírez publicaba un fermoso artigo lembrando o seu exilio e a chave gardada da súa casa en Managua. Os sefardís na Idade Media e os mouriscos españois facían o mesmo. Igual que moitos galegos emigrados. Poucos volveron, a maioría nunca.
Ramírez conta como unha maleta aberta representa a incerteza ante a vida nova, o tránsito burocrático para conseguir os permisos de residencia e traballo. Así que cando pechas esa maleta, sabes que nunca máis volverás aos lugares da túa memoria.
Quizais o asunto é como ben di, ser letra viva. Non perder a túa singularidade e que sexa unha verdadeira terra de acollida. A implementación de políticas para a integración e a convivencia, desde o Concello, son prioritarias, xunto co tecido socio-cultural e relixioso. Máis fronte os abusos dos elementos tóxicos e os prexuízos primarios.

