Destrutores

O PP está facendo números. Nas masivas mobilizacións do 14N, unha parte dos manifestantes tiñan que ser ex votantes deles, para poder cadrar as contas.

Preocúpalles que a xente empece a entender que ser de dereitas é un lastre, en xeito de recesión, de paro, de privatización da sanidade e do ensino, de desafiuzamentos. Gobernan, non por méritos propios, senón pola incompetencia da esquerda. Botarlle a culpa a Zapatero xa non lles serve, porque son as políticas de Rajoy e Feijóo as que son sufridas.

A deslexitimación da política implica unha gran debilidade de quen goberna. Ademais, como vemos no Concello de Ferrol, a maioría absoluta non é sinónimo de boa xestión, nin de lealdade cos cidadáns. Se as institucións non representan verdadeiramente a soberanía popular, a lexítima rebelión exprésase nas rúas. Contra os destrutores da democracia.

Enlace a Diario de Ferrol (columna “Letras de Cambio“)

Dique Flotante

Hoxe non quero falar das nosas festas. Nin dun programa sen imaxinación, cheo de improvisación e caos; da visión cutre que a dereita ten do ocio e da cultura. Nin da morea de xentes, que estes días ocupan as rúas ferrolás, necesitadas de esquecer a recesión e os recortes provocados irresponsablemente pola dereita.

Esgótase o tempo. Esta cidade naceu pola construción naval e non pode seguir esperando por aquela comisión do PP ou por un Feijóo desleixado que veña a revendernos o seu contrato (lixo) con Ferrol, nestas novas eleccións autonómicas.

Ferrol necesita o dique flotante, con prazos de execución e con asignación orzamentaria suficiente. Non é un entretemento, é unha ferramenta de traballo para asegurar o futuro e a competitividade. Defender o naval – e carga de traballo – non é cuestión de monocultivo. É defender a supervivencia da nosa cidade.

Enlace á columna “Letras de cambio” (Diario de Ferrol).

Un Ateneo molesto

Hai sete meses preguntáballes se a dereita local declarara a guerra ás asociacións ferrolás desafectas co “réxime”. Esta fin de semana, o Diario adiantábanos a pretensión do Goberno municipal de cambiar os usos tradicionais do emblemático edificio do Ateneo Ferrolán, que xa antes da súa re-inauguración, vai quedar pequeno para aqueles inicialmente previstos.

José Manuel Rey Varela recibiu en herdanza un Concello saneado e con liquidez económica, malia as súas mentiras. Polo tanto, hai alternativas para as demais. O argumento da “crise” é unha trampa coa que pretende facer calar aos molestos.

É lamentable, ademais, a instrumentalización que o PP ferrolán fai das outras dúas entidades, ás que mete nun lio co obxectivo de entorpecer e impedir as actividades do Ateneo. Recapacite señor alcalde. Solidariedade co Ateneo Ferrolán. Van a por todos.

Enlace á columna “Letras de Cambio” (Diario de Ferrol)

A executiva do PSdeG de Ferrol pide a suspensión cautelar de Reganosa.

A Comisión Executiva Local da Agrupación Socialista de Ferrol, reunida o día 23 de xullo de 2012, en sesión extraordinaria para analizar a sentenza emanada da Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, en relación coa Planta de Gas de REGANOSA, acorda os seguintes extremos :

PRIMEIRO.- Solicitar a paralización cautelar da actividade da Planta de Gas ata, no seu caso, coñecer e cumprir integramente a legalidade emanada da sentenza e os efectos legais e executivos que se deirivan do cumprimento da mesma

SEGUNDO.-Denunciar a aprobación por parte do Goberno de Mariano Rajoy da Lei de Costas, polo Consello de Ministros do 13 de xullo, que conduce a unha absoluta impunidade especulativa urbanística.

TERCEIRO.- Solicitar a constitución no Parlamento Galego dunha Comisión de Investigación sobre a Planta de Reganosa á luz das resolucións xudiciais recaídas respecto desta infraestructura.

CARTO.-Instar á elaboración, debate e aprobación dunha Lei de Protección da Ría de Ferrol que aborde, entre outras cuestións, o saneamento integral da mesma.

Unha palabra

Unha soa palabra despois de que este venres aconteceu o que aconteceu, para o conxunto dos militantes: grazas.

Son consciente do compromiso que teño con eles e a Agrupación Socialista de Ferrol, a cidade e a nosa comarca. Son consciente dos retos, colectivos e individuais, que por diante temos. Agradecido, ademais, a todas as persoas que conforman traza vermella.