Posado Twitteiro

@JoseManuelRey_posadotwitteiro

Trinta mil ferroláns saimos o domingo defendendo o naval. Non todos somos de Navantia, pero si conscientes da fundamental importancia que ten para a supervivencia de Ferrolterra. Trinta mil, que sabemos que será pola forza da nosa teima, en defender unha forma de sentir e vivir.

Así, mentres a manifestación atrancábase no túnel da Praza de España, o alcalde de Ferrol posaba diante do ambulatorio. Non son poses o que necesitamos. Aínda que lles pese, manifestarse hoxe é facelo contra as políticas da dereita. Por iso, hai que esixirlle resultados tanxibles a José Manuel Rey; agora tócalle a el.

Porén, o tweet do alcalde amosa que o futuro do naval depende da capacidade dos cidadáns, do movemento sindical e da unidade do conxunto da esquerda. Fronte á dereita e aos sectarios das “dúas orillas”: Unidade e mobilización. Ferrol e o naval, Dique Si!

Enlace web á columna “Letras de Cambio” do Diario de Ferrol.

Hostil

 

Barrera no seu libro sobre a Transición comenta que Ferrol sempre foi unha cidade hostil para a ditadura franquista. Iso foi froito dos traballadores do naval que coa súa loita conformaban unha esquerda combativa.

Así, as sucesivas crises do naval foron aproveitadas para ir desmantelando un foco de rebeldía que non gustaba á dereita e aos tontos útiles do “social-liberalismo de esquerda”. Ademais, Navantia Fene Ferrol é un plato goloso para tiburóns financeiros.

Tras coñecer –a través da visita das deputadas socialistas á SEPI- que non hai dique flotante, porque ao PP non lle dá a gana, confírmamo. Pobre papel o do alcalde e do presidente da Deputación. Por non defender a cidade, van a engrosar esa longa lista de políticos locais fracasados. Si de todas as tendencias.

O futuro inmediato de Ferrol segue estando á esquerda e esta é unha batalla decisiva.

Enlace web Diario de Ferrol

Pola plena cidadanía

Os concellos sempre foron a vangarda dos dereitos cidadáns e da democracia. Foron unhas eleccións municipais as que deron paso á proclamación da Segunda República e foron os que na Transición asentaron a base das grandes transformacións sociais habidas, nos últimos trinta anos, no noso país.

Con todas as eivas e desacertos que poidan ter, son os concellos verdadeiramente as Administracións que máis preto están dos cidadáns. As primeiras ás que recúrrense en búsqueda de solucións, especialmente en risco de exclusión social. Por iso, son as Administracións do Estado máis receptivas aos cambios e esixencias que demandan os novos tempos.

Fronte a isto, hai quen usa a crise (que provocaron os banqueiros, precisamente pola xestión privada da economía) como instrumento político. A dereita sabía que as súas medidas ían provocar esta recesión; á marxe da mellor ou peor xestión dos distintos concellos, deron a consigna aos seus alcaldes de provocar recortes, co obxectivo de lastrar aos concellos e os seus servizos.

Unha vez esgotado o pelotazo urbanístico provocada pola Lei do Chan 6/1998, promulgada pola mesma persoa que acabaría afundindo Bankia e con el o sistema bancario español, o ex ministro Rodrigo Rato, están os especuladores buscando novos “nichos de negocio”. O resultado pretendido son empresas privadas xestionando dende a asistencia aos cidadáns ata o servizos de dependencia social dos concellos. Polo que, de non lograr unha restitución do Público, imos ter unha atención cidadá peor, máis cara e con maior precariedade laboral; e cunha cesión por varias décadas para dificultar a súa remunicipalización.

A reforma das Administracións Locais que pretende a dereita quere asegurar o control político e a intervención dos concellos, sumándose á tutela actual do Ministerio de Facenda. Esta última en base á reforma que converteu o “teito de gasto” en doutrina constitucional; trampa co obxectivo de impedir políticas expansivas de esquerda, nun país onde as grandes fortunas e empresas son insolidarias tributariamente.

Só desde o pleno exercicio da cidadanía, da participación e mobilización, do reforzamento do movemento asociativo e da alianza dos socialistas co conxunto da esquerda, lograremos crear os contrapesos necesarios fronte a esta dereita que rexeita o pacto social en favor do negocio dunha ínfima minoría.

Enlace ao boletín da Agrupación Socialista de Ferrol (nº 1, xaneiro 2013).

PCE-PSP?

SCarrillo-ETiernoGalván

Santiago Carrillo tivo unha gran vinculación con Ferrol e Fuco Buxán. Ser un dos fundadores desta asociación permitiume ter contacto directo con el. Vén de editarse o seu derradeiro libro “Mi testamento político” (Galaxia Gutenberg 2012), eu tiven que abrir o libro pola parte dedicada á súa relación co profesor Enrique Tierno Galván.

Soará a inmodestia, pero vin reflectida unha conversa nosa. Hai tempo, pregunteille por unha hipotética fusión PCE-PSP. Díxome que el desbotara a proposta de Tierno Galván dunha coalición. Que o seu erro foi non ver que Tierno podía ser alcalde de Madrid. O certo era que o PCE eurocomunista e o PSP marxista, eran partidos fronteira.

Di Tierno Galván en “Cabos Sueltos” que o Eurocomunismo era unha especie de “socialismo de reserva, que sustitúe en moitos sitios, lentamente, as posicións cós socialistas antaño tiñan”.

Enlace web a Letras de Cambio (Diario de Ferrol)

San Pablo

Este barrio ferrolán amosa como as esquerdas e a dereita entenden os dereitos dos cidadáns. Os socialistas investiron setecentos cincuenta mil euros para substituír a rede de saneamento, así como outro medio millón para construír o actual Centro Cívico e Social. Cal é a atención que o PP do alcalde Rey Varela préstalle a este barrio? Ningún.

Que están a facer co Campo de Tiro? Están á espera dunha nova burbulla inmobiliaria? Que están a facer para poñer a disposición das persoas máis necesitadas as oitenta vivendas sociais baleiras? Nada.

Unha das reclamacións dos veciños é un comedor social contra a crise. Pero, en palabras do concelleiro de facenda, o señor Alejandro Langtry nun pleno municipal, non é prioritario e non hai cartos para isto. Si, para a dereita a xente non é prioritaria. Esta é a diferenza abismal que teñen con respecto á esquerda.

Enlace ao Diario de Ferrol (Letras de Cambio).