Dignidade

 

Pan, traballo e teito. As Marchas da Dignidade tomaron pacificamente as rúas de Madrid. Mais, unha minoría violenta saía en auxilio político da señora Cifuentes. Non se pode mentir e agachar a realidade sempre. O PP é o responsable das políticas que rompen a cohesión social.

Ferrol cunha terceira parte da poboación sen emprego, cos seus sectores económicos cuestionados, coa súa xente nova na emigración e todo pola avaricia da dereita, que aproveita a crise -que os seus banqueiros provocaron- para desmantelar o estado social e democrático, necesita sacudirse o inmobilismo. Crise económica e crise de cidade.

Nós tamén necesitamos a nosa propia Marcha da Dignidade. Unha clara mensaxe que non van poder con nós. Que temos un futuro como traballadores e como cidadáns. Que imos seguir a amar e pelexar por esta parte do mundo que aquí chámase Ferrol. Por dignidade.

Enlace web @DiarioFerrol

 

Tres aseos

Antonte un amigo facía un chascarrillo nas redes. Dicía que vira na rúa, como o noso alcalde acababa de “inaugurar” as etiquetas dun contenedor. Evidentemente, facíao a conta da “inauguración oficial” de tres aseos públicos do cemiterio municipal, hai trinta días.

A obsesión polas cuestións mediáticas, só explican chegar ao extremo de converter en feito político o papel hixiénico. Pero, tamén, algúns corren o risco de darlle á oposición unha imaxe como esta, para toda unha campaña electoral.

Falta xestión, evidentemente. Imaxinación e ao mesmo tempo, é unha parábola da crise actual. Reflicte, tamén, que na nosa democracia os partidos políticos, xa non son a conexión coa sociedade; os medios de comunicación ocupan esta faceta. Pero, a voracidade política, failles caer nestas auto-trampas.

Enlace a @DiarioFerrol

Pobres

Comezamos o ano sabendo que Ferrol ten a taxa de risco de pobreza máis elevadas das grandes cidades galegas. Os nosos ingresos son os máis baixos e preto dun 40% da xente vive só das prestacións sociais e a metade das familias teñen algún tipo de axuda.

Os que teñen unha situación económica normal son, fundamentalmente, os traballadores directos de Navantia e xubilados. A maiores, a cuarta parte da poboación ten máis de 65 anos.

Si, hai varias décadas de derrube da cidade. Pero, tamén, xa vemos cales os efectos da xestión do PP. Estes días, asistimos ao peche xeneralizado das compañías do naval. Máis exclusión e máis xente condenada a marchar.

Este goberno municipal tivo os cartos do Concello inmobilizados para xustificar un “plan de axuste”. Agora, pretende confundir xestión con cemento. Pero, a xente é o importante. Provocar desacougo conduce a Burgos.

Enlace web a @DiarioFerrol

A promesa

Ver como a cidade soñada vai esmorecendo non é a herdanza que deberamos deixar. E se seguimos así, é certo que non vamos ter herdeiros. Pero que non lle boten a culpa só aos castigos que veñen de fóra.

Hai tempo escribín unha columna que levaba como título “A Beleza”. A maioría entendeuna como un comentario xeral, cando en realidade tiña nomes concretos. De feito, facía un percorrido pola situación dos partidos ferroláns e unha crítica a como se exerce o liderado político.

Xogan coas nosas debilidades e son sempre desleais á súa propia xente, que incauta cre en promesas que non son máis que as cadeas que nos impiden alcanzar, “aínda que sexa por un instante, a beleza”.

A única promesa válida é aquela que acompaña aos feitos. A única opción, seguir na loita. Estes non son tempos de raíñas nin reis. Somos república. Todos traballadores, todos iguais.

Enlace web ao @DiarioFerrol

A carta

Os “bolcheviques” do PP diante da SEPI

Dende logo o PP ten capacidade mediática. Douscentos cargos públicos en autobuses a Madrid. Mais, erraron no seu camiño; ían pedir contas polo naval, pero foron xustiño a xunto de aqueles que están postos a dedo. É de supoñer que estes últimos lles aclararían que só son uns mandadiños.

Se fosen a ver a ese ilustre galego que preside o Reino de España, ou cando menos ao ministro do ramo, sería máis creible. Pero, está ben saber que a dereita local, acompañados de Juan Fernández, son o sector bolchevique do PP. Iso si, faltaba o ilustre director xeral da Garda Civil. Aínda así, imaxino a cara de estupor dos policías que tiñan diante.

Pero, que quede tranquilo o alcalde de Ferrol. A súa carta chegoume. Mais, igual resulta que pensa que o Goberno non goberna e que os directivos do naval non foron postos aí pola dereita. Alcalde, vémonos no próximo piquete?

Enlace a @DiarioFerrol