Sáhara

Vén de renovarse o programa “Vacacións en paz” entre a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e o Concello de Ferrol. Parabéns. Así, a nosa cidade volve amosar unha solidariedade efectiva coa ex colonia española. En especial, con nenas e nenos menores de doce anos, que no verán estarán entre nós.

Temos unha débeda pendente co pobo saharaui. Esquecemos, ás veces, que foi o corrupto réxime franquista quen deixou a este pobo, que a mediados dos anos setenta, tiña a nacionalidade española sós fronte unha ocupación marroquí, que miren por onde, tamén tivo o apoio dos EEUU.

Unha postura de claro apoio ao pobo saharaui frearía as pretensións da monarquía alauí en Ceuta, Melilla e Canarias. Ademais, de reforzar aos sectores democráticos no propio Marrocos. En calquera caso, benvido a renovación do convenio, e que Ferrol volva a acoller ás nenas e nenos saharauis.

Enlace web á columna “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.

Catro Convenios

O martes, case de mañanciña, en Ferrol tíñamos unha inusitada actividade na Casa do Concello. Aos do PP entroulles unhas présas non vistas ao longo de este mandato. Catro convenios como catro soles, pero con truco.

Así, á dereita non lle quedou máis que reivindicar -ás caladas- o bo traballo feito no mandato do socialista Vicente Irisarri. O “novo” convenio con Defensa, practicamente, é o mesmo pero con dous engadidos. Iso si, pola desidia da actual equipa cuns custes adicionais para a cidade.

Non hai en algún caixón da alcaldía propostas para abrir Ferrol ao mar, que so deben ser postas en marcha? Sabe o concelleiro da policía local que a ten centralizada en San Xoán? Así, tamén, o convenio con Fomento, para a nova entrada á cidade polas Pías, benvido sexa. Mágoa que o ex ministro Pepe Blanco non o deixara concluso. Estamos no 2011 ou no 2015?

Enlace a Diario de Ferrol.

Dez de Marzo

O martes debera ter sido un día especial para Ferrol. Unha data que tiña que ter reflectida a importante achega que fíxose para a ruptura da ditadura franquista e para a apertura á democracia e ás liberdades. Pero, estes días que tanto fálase de falta de liderado político na nosa cidade, igual tamén, hai que falar de isto dende o eido sindical. Neste dez de marzo víase que cada quen está ao seu e nin xuntos suman o que deberan.

Non é hora dunha reflexión conxunta? Que fixemos mal para que non podamos ir xuntos detrás da mesma pancarta e porque, nin sequera, as organizacións sindicais lograron converter o dez de marzo nunha data a celebrar polo conxunto de Galicia? O certo é que fóra de Ferrol vese case como algo exótico, dunha cidade que carece de proxecto propio e referentes actuais. É necesario un cambio de rumbo, alén da unidade circunstancial.

Enlace web a Diario de Ferrol.

OCDE

Estes días estivo por España Ángel Gurría, secretario xeral da OCDE. Viña envolto na bandeira do capitalismo verde. Quizais o rechamante, é como se nos presenta a noticia sen unha análise crítica da mesma, que case pareza que este organismo internacional é unha ONG a favor dos pobres do mundo.

Apoiou a reforma laboral do PP, que se traballe moito máis por gañar menos e ter unha vida precaria. Pero, o máis sorprendente foi que dixo apostar pola defensa ecolóxica deste país, das nosas augas e da nosa natureza. E para iso, que había de aumentar os impostos aos “axentes contaminantes”, previa baixada de impostos ás grandes fortunas e ás empresas.

E cales son esas medidas? Que os cidadáns paguemos o que deixaran de tributar os ricos con subas nos combustibles, na luz, na recollida do lixo, na auga e no saneamento. Sóalles? Si, Ferrol sería modélico para a OCDE.

Enlace web a Diario de Ferrol

Lista Sestayo

É evidente que mañá a asemblea dos socialistas ferroláns referendará a proposta de Beatriz Sestayo. Pasou antes pola executiva, onde practicamente ninguén falou. Ela é a candidata e, polo tanto, ten o seu dereito a dicir por quén quere ser acompañada.

Hai que recoñecerlle valentía. É unha lista sen concesións, agás algún premio de consolación. Fai unha proposta que é fiel reflexo da súa visión de sociedade, cidade e de partido. Valentía por presentar unha lista que pivota sobre profesionais independentes de clase media, nun Ferrol debullado con orgullo pola súa clase traballadora.

É irrelevante que outros puideramos facer outro tipo de candidatura para as municipais de maio. Indubidablemente, é a súa lista e seu será o seu triunfo. Publicamente, ela ten recoñecido ter unha enquisa propia que a postula como a próxima e primeira alcaldesa de Ferrol.

Enlace web a Diario de Ferrol.