O Bátava

Son consciente de que a voz “pub” vai asociada ao simple consumismo e se a queremos unir con cultura parece un atrevemento. Pero, esta “disonancia” pódese mudar nunha experiencia que a sume.

Para isto son necesarios varios ingredientes, onde a posibilidade de manter unha conversa de xeito normal, está no corazón da súa oferta. Así a música debe acompañar e contribuír ao bo ambiente e á socialización buscada. A escusa primixenia “tomarse unha copa” convértese en cultura, cando os produtos a consumir son dunha indubidable calidade e a carón a atención é feita por verdadeiros profesionais, que coñecen todos os vértices das bebidas que serven á clientela: saber a súa orixe, a súa colleita e como se transforma nese manxar que, con ou sen alcol, te están a servir. En definitiva, a súas historia e intrahistoria.

Isto en Ferrol é posible. Aí está para confirmar as miñas palabras o “pub Bátava” na estrada de Catabois, fronteira co antigo Sánchez Aguilera. Un pub único e singular non só na cidade do mar, senón no conxunto do país en sentido amplo. O Bátava é un lugar de cultura viva.

Como curiosidade lembremos que houbo unha nación bátava na época romana e unha república bátava no XVIII, hoxe Países Baixos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/batava-5025391

De Ferrol á Unesco

Un dos grandes éxitos, no mandato anterior, foron as campañas e os esforzos para promover a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco. Un traballo entón desenvolvido pola concelleira socialista Eva Martínez.

Hai que lembrar que este reto colectivo compromete, de xeito moral, a todos os grupos municipais. Que conta co apoio dos cinco anteriores alcaldes que precisamente a mencionada concelleira, activista sociocultural no 2018, aglutinara nun acto público no Antigo Hospicio: Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, Jorge Suárez e ao propio José Manuel Rey (daquela conselleiro na Xunta de Galicia).

Tampouco hai que esquecer o compromiso acadado polo ex alcalde Ángel Mato do conselleiro de cultura Román Rodríguez, no 2020, para a promoción da candidatura, sendo o actual alcalde testemuña directa do acordo.

Sería moi interesante continuar nesta senda. Desenvolver un novo plan específico que retome un feixe de actividades de cara á complicidade da cidadanía e das entidades ferrolás. A promoción alén das Pías e sentar xa as bases do órgano de xestión da candidatura ante a Unesco que – obrigatoriamente – ten que ter á cidade naval, á Armada, así como a outras administracións.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-unesco-4738876

O Ferrol emprendedor

Son dos que pensa que Ferrol vai moito máis aló do que diariamente vaise reflectindo nos medios de comunicación local. Que a cidade realmente existente é a suma dos seus diversos barrios. E aí os múltiples colectivos e tamén as vontades individuais, son quen conforman a cidade real.

Así que debemos poñer en valor a ese colectivos plurais de cidadáns e a esas individualidades con vontade propia e tenaz. Por iso tras a pandemia, que parecía que todo ía quedar afundido, ou con cada crise económica, é salientable observar os sinais que permiten saber se a cidade recupera o seu pulso e oferta á súa cidadanía todas as oportunidades para desenvolver os seus proxectos vitais.

Como exemplo importante e determinante, debemos poñer en valor aos pequenos e medios empresarios, autónomos e autónomas, verdadeiros emprendedores, que teñen un sentimento de orfandade fronte as diversas administracións, e que si aportan ao verdadeiro crecemento de Ferrol e cumpren coas súas obrigas laborais. Moitos deles con décadas de actividade e con biografías contrastadas, non inventadas antonte, nin imposibles, que quizais non enchen páxinas, pero si son parte da economía real e decente desta cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-emprendedor-4194981

Inferniño, un barrio con vida

O Inferniño configurouse como un barrio de clases traballadoras e medias. Foi unha referencia no seu momento e un lugar atraente, significando crecemento e un proxecto de cidade para Ferrol. A carón da estrada de Castela, considerada por moitos como un pulmón social, pola súa concentración de cafeterías e comercios, polo seu cheo de xentes que van dun lado para outro todo o día. Un barrio con vida.

Máis levamos uns anos que esa estampa positiva, vaise deteriorando progresivamente. Ademais, xa saben que a percepción da realidade marca moito o auxe ou declive de calquera barrio. Hoxe hai novos retos que ninguén parece querer facer fronte. Si, estes significan traballo e, como mínimo, unha actuación integral, onde participen todas as administracións.

Neste Inferniño convertido nunha torre de Babel actual, o problema non é ser un barrio multicultural. Senón a necesidade de recuperar a convivencia rota en algún momento por aqueles que aproveitan as fisuras que toda sociedade cambiante ten. Hai problemas estruturais que esixen actuacións tanto no eido da planificación urbanística, social, cultural como da seguridade. Ten razón a asociación veciñal encabezada por Rafael Leira, neste tempo xa non valen parches.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/infernino-barrio-vida-3888043

Encher as prazas

Cando se aposta pola cidade tanto a cidadanía local, como a de toda a comarca, responden. Así podemos ver como calquera evento que se organice nestas datas ten unha moi boa acollida. Quizais sexa necesario romper vellas dinámicas no traballo político e asociativo. Comezando por “destacionalizar” as festas de San Ramón, que de algún xeito seguen a mesma estela de toda a vida.

Na cidade hai masa crítica suficiente como para organizar, no seu conxunto, eventos culturais, deportivos e musicais para, por exemplo, todo xullo e agosto. Reunións co tecido formal e “informal” e unha axeitada coordinación e planificación de actividades – en todos os barrios – é posible (o traballo constante dos veciños de Canido é un referente). Seguro que contaría co apoio da cidadanía de Ferrolterra, da hostalería e comercio locais. Somos a cidade da Ilustración, do camiño inglés, das meninas… somos a cidade do mar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/encher-as-prazas-3858974