Happy New Year

Si, realmente as ferrolás e os ferroláns, creo que lle pedimos pouco a este ano 2018. Que haxa un mínimo de consenso para que as cousas da cidade se resolvan, ou polo menos para que teñan algún tipo de solución que non acabe sendo un charco máis. Veremos se a Corporación é capaz de sacar adiante ese orzamento municipal, que tan necesario é para ir pechando os furados que hai no déficit de xestión da nosa casa común.

Si, pedimos unhas políticas e uns políticos que cheguen a acordos que beneficien ao conxunto da cidade. Pero, todo apunta a que este ano, antesala das municipais de maio do vindeiro, comezaremos a ver o baile que pretende entreternos e non pidamos a cada quen contas do que fixo ou deixou de facer. Aquí hai quen cre que por agarrar unha pancarta xa pode xustificar o seu e acusar aos demais das súas propias incapacidades e renuncias a defender o que é de todas e todos.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/happy-new-year/20180103225503212350.html

O tren da costa

Recoñezo que son un dos moitos que vive de costas a FEVE, pero teño impreso na miña memoria cando o utilizaba como principal medio de transporte para achegarme desde Ferrerías á Ferrol e viceversa. Un medio cómodo, barato e resoltamente atractivo para a xente moza que o usábamos a finais dos oitenta, pero que pouco a pouco foi perdendo ese peso determinante na mobilidade das persoas.

Son dos que cre que houbo unha xestión destinada a xustificala redución e, por momentos, houbo que tentou abrir a privatización deste servizo público, pero tamén xogouse a deixar o noroeste galego desartellado. Buscando que as comarcas de Ferrol a Burela non puidéranse unir e ser competitivas. Aí súmase todos os atrancos na conexión da autoestrada, do porto exterior e demais. Si se aposta decididamente, tanto o tren da costa como RENFE responden. Lembran aquelo do Discoverer Entreprise en 1998?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-tren-da-costa/20171102003731207458.html

Sumando sinerxias

A pesar de intereses particulares que queren amolar, a costa de provocar unha escura cidade, non poderán con nós. Hai quen está empeñado en facer mal as cousas, pero outros seguiremos empeñados en abrir as fiestras para que o aire fresco inunde as nosas rúas, barrios e parroquias. Somos unha cidade viva, rebelde, produto do racionalismo da Ilustración, do modernismo de Ucha e da loita das súas xentes.

Cada cidade é un xeito de entender a vida, por iso temos dereito a decidir que Ferrol queremos. Por iso, son tan importantes encontros como os da semana pasada no Antigo Hospicio, sobre a reinvención de cidades atlánticas tras as súas crises, organizada polo Concello, ou a organizada polo Foro Ferrol Vivo en Ferrol Vello, e que fixo unha radiografía e propostas para a recuperación integral do barrio, entrada natural á cidade. Sumemos as sinerxías de toda administración, de todas e todos nós.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sumando-sinerxias/20171012001615205230.html

Salvemos a Piolín

A Warner anda preocupada pola imaxe do seu Piolín, convertido en incómoda icona do conflito catalán, desde que o ministro Zoido mandou ese buque vacacional como hoteliño para gardas civís e policías nacionais. Mentres, neste lares tivemos a apertura das obras no túnel de Brión para o acceso ferroviario ao Porto Exterior -e ante ausencias significativas- case convertida nun acto electoral, que parece abrir definitivamente esta longa precampaña cara ás municipais do 2019.

Así tamén cúmprese un ano da ruptura do pacto que sostiña ao actual alcalde de Ferrol, con reproches cruzados e curiosamente -como así temos lido nas páxinas deste xornal- a voceira municipal do PP exoneraba de toda culpa á socialista da situación na que se atopa o goberno local. Si, unha desfeita da que aínda nos esperan moitas crónicas. Mellor miremos fóra: Rajoy chama pronto a Puigdemont e salvemos a Piolín.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/salvemos-a-piolin/20170928002557203898.html

A vida sigue igual

Recoñézoo, non son fan de Julio Iglesias. Aínda que supoño que a maioría deben ser da quinta da miña nai, debe ter moitos seguidores na actual corporación ferrolá. A mediados de setembro, os mesmos anuncios e as mesmas respostas. Uns que veñen marcharán e a vida continuará igual, esta parece ser a banda sonora da política local desde fai moito tempo.

Baixo o mantra do “consenso” uns e outros seguen a construír ese muro Trump local, onde poder chorar as lamentacións da república independente da nosa casa. Hai quen está pola peonalización pero desexa o fracaso desta fin de semana, hai quen está pola licitación da reforma da praza de Armas ou do mercado de Caranza, pero para dentro de dous anos. Hai que resolver a subrogación do persoal de Emafesa e municipalizar? Pois prioritario aprobar uns novos orzamentos municipais para Ferrol. Máis, quen pon en sintonía a Suárez, Sestayo e Rivas?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-vida-sigue-igual/20170920233250203149.html