“Gorrillas”

Hai que recoñecer que iso dos “aparcadoiros disuasorios” é algo que a cidadanía acolleu moi ben. É un xeito que ter un sitio onde deixar o teu coche, especialmente para os empregados e veciños deses entornos. Outra cousa é o significado que poida haber tras a palabra “disuasorio”. Habería que saber con respecto a que. Especialmente, dada a localización de algún destes aparcadoiros. En todo caso, é un éxito dos seus promotores e dan “resposta” a unha demanda cidadá, á marxe – obviamente – dos criterios actuais de mobilidade.

Pero, a felicidade non vén nunca soa e hai que pelexar por ela. Tíñamos asumido que no aparcadoiro en superficie – fronte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -, esa incomodidade que supoñen os “gorrillas”, e que reclaman unha tarifa por ter tranquilidade cando deixas o teu coche alí. Mais, estes decidiron ampliar a súa “contrata” a outros lugares da cidade.

Resulta paradoxal a liberdade que algúns teñen para facer o que consideran. Alén da “anécdota”, é evidente que non teñen ningún prexuízo coas autoridades que teñen que abordar esta cuestión, se estes últimos son capaces de entender que as pequenas cousas importan e marcan a diferencia na cidadanía.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-12/gorrillas-817700.html

Aparcadoiros disuasorios?

No Ensanche A queren algo máis que palabras.

Non queren probar a perderse no labirinto que sempre supoñen eses macro proxectos que se anuncian para dinamizar o centro comercial de Porta Nova. Son partidarios de aquel vello refrán que fala de que máis vale paxaro en man.

Hai que salientar que é de todo comprensible que a Asociación de Veciños co seu presidente, Rafael Leira, reclamen unha pronta reapertura do aparcadoiro da praza do Inferniño coas súas 325 prazas.

Incluso sería entendible que, con esta política de aparcadoiros “disuasorios” de Canido e San Xoán, outros barrios ferroláns queiran estender este tipo de solucións de balde ás súas demandas e, máis, cando até agora foron os veciños e traballadores desas zonas o principais beneficiados, seguramente, únicos. É dubidoso que usuarios foráneos usen con normalidade eses dous aparcadoiros de referencia.

Evidentemente, nesta xeira para o Ensanche A – que ten a sensación de non ser debidamente atendido – habería que buscarlle entón algún tipo de compensación. É dicir, unha pronta reapertura, decidir que tipo de xestión necesita o aparcadoiro e que tipo de grandes bonificacións son necesarias para resultar ser definitivamente “disuasorio”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/aparcadoiros-disuasorios-5000559

Porta Nova

Os catro traballadores do aparcadoiro de Porta Nova acaban de solicitar a mediación da Valedora do Pobo. Un último cartucho para poder visualizar o seu problema e buscar unha saída á súa extrema desprotección laboral, produto dunha quebra concursal.

Veremos se a reconversión en centro cívico para albergar a entidades sociais, serve para darlle vida, mais Porta Nova debe ser estudiado como o fracaso dun modelo de xestión, tanto o aparcadoiro como o centro comercial, xa que o único que funciona é o seu supermercado.

O certo é que, nos últimos dous mandatos, no Concello estiveron a velas vir. Ningunha medida efectiva de dinamización ou de mellora da mobilidade, cando estamos cun aparcadoiro -a menos de dez minutos do centro de Ferrol- que tiña que desenvolver un papel central. Ningunha medida a prol duns traballadores, que non só son prexudicados, senón -de xeito salientable- vítimas da inacción.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/porta-nova/20190313190946251251.html

E quen paga?

Unha das consecuencias do camiño a esas municipais de 2019 tan incertas é a dura competencia entre as dereitas, que se radicalizan por momentos para así liderar o voto na Magdalena, usando como escusa a remodelación da praza de Armas. Ocultan que goberne quen goberne non vai a haber novo aparcadoiro, é inviable. De onde ían sacar elas os seis millóns de euros que os técnicos apuntan como custe previsible?

Un novo aparcadoiro só poderíase financiar cunha concesión e levantando unha área comercial en Armas, competidora -polo tanto- co comercio e a hostalería da Magdalena. Pero, non hai interesados. Mais, cando no centro hai entre o Cantón, Abastos e Praza de España 1220 prazas de aparcadoiro usadas a medio gas. Outra opción sería que fose financiado a costa de outros investimentos. Está a dereita disposta a detraer recursos dos demais barrios de Ferrol para financiar este capricho?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-quen-paga/20180726000053232365.html

Armas

O último pleno solicitáballe ao alcalde que non elimine o aparcadoiro de Armas de 114 prazas. Pero, botando contas no barrio da Magdalena, hai no Cantón 386, na praza de Abastos 196 e na praza de España 638 prazas. O total fan (sen as de Armas) 1220, que úsanse a medio gas. A estas hai que engadir 360 no Porta Nova e as 500 do Sánchez Aguilera, estas poderíanse ampliar en Canido, Esteiro e Ferrol Vello.

Quen fala de manter o aparcadoiro da praza de Armas, simplemente, intenta seguir a atrancar a súa remodelación, primeiro feito imprescindible para despois poder encarar a peonalización da Magdalena? Por favor, non nos fagamos trampas, non impidamos a recuperación do centro de Ferrol. O pleno tiña que ter instado ao goberno a que solucione os problemas que teñan veciños e comerciantes, pero urxindo xa sen demora unha remodelación que debera acabar antes das próximas eleccións.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/armas/20180315004427219711.html