Datos

No vello manual apuntan que se non hai argumentos, debemos ter ruído. E esa parece ser a consigna da dereita local e do resto da oposición. Pero, o alcalde Ángel Mato está decidido a poñer os datos sobre a mesa. Así sabemos que fronte á suposta non xestión do goberno socialista, xa adiantou ao PP en investimentos e iso que aínda queda un ano para finalizar este mandato. E o dobre con respecto aos comúns. Tal e como recolle o portal de transparencia.

En democracia o desenvolvemento de Ferrol sempre foi ideado polos socialistas, e ante o continuo cambio de cor nos gobernos locais – os demais – só seguiron a súa senda. Quizais o maior problema o teña o PP cunha delegada da Xunta que está desmedida facendo política municipal, suponse que para confrontarse co alcalde? Pero que só eclipsa ao grupo popular e ao seu propio candidato. Claro, a non ser que sexa ela a candidata “in pectore” da dereita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/datos-3792938

Actitudes

Hai unha serie de prexuízos sobre Ferrol e as súas rúas baleiras e as súas xentes desaparecidas. Parece que se un vai a Lugo, ou a Vigo hai moito máis. Quizais Santiago comeza a pagar polo “vicio” dos seus pisos turísticos, que provoca unha emigración dos seus estudantes a outros campus. Ou se prefiren quedar na Coruña, e pasear pola súa rúa Real e polas que están á carón, igual observan ringleiras de comercios pechados (como no resto das grandes cidades), pero si moita xente paseando.

É dicir, a crise do 2008, ás sucesivas (incluída a da pandemia), afectaron a todos por igual. Vese nas súas trazas urbanas, pero igual cren máis en eles mesmos que as xentes de Ferrol na súa cidade e nas súas propias posibilidades. Seguramente, ser unha cidade creada polo Estado ten as súas vantaxes. Pero, pola contra, aquí parece que todo depende de fóra e por iso estamos nesa eterna espera de non se sabe que.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/actitudes-3784776

O traballo

Estes días hai quen debatía, en diferentes faladoiros, os cambios que a poucos traen as novas xeracións sobre a súa idea do traballo. O certo é que hai uns trinta anos houbo quen decidiu buscar, tanto unha redución xeral de salarios como crear unha inmensa bolsa de precariedade, buscando a submisión, máis que unha falsa competitividade de baixo perfil.

Falábase como determinadas empresas serias de Ferrolterra tiñan dificultades para pasar a fixos a unha parte do persoal, porque algúns deles buscaban máis tempo persoal, aínda que fora en detrimento do salario e por iso desbotaban consolidar o posto. Si, hai tempo que produto destes anos de precariedade, moita xente moza decidiu vivir con menos, pero para as súas cousas. Sen responsabilidades engadidas. Non é unha rebelión, pero produce cortes nos sistema, porque – de algún xeito – produce unha implosión do mesmo “por abandono da man de obra”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/traballo-3775452

Carvalho

Dicir que Carvalho Calero e Ferrol teñen unha relación estreita é obvio, aínda que habería que saber diso fóra do ámbito político – cultural. O 10 de maio tiven ocasión de asistir ao acto da Sociedade Cultural Medulio, organizada na Libraría Galiano. Alí puiden facerme cun magnífico exemplar da súa obra literaria, editada por Biblos e co patrocinio do Parlamento galego.

Estes días chegábame un exemplar editado polo padroado de Rosalía de Castro en 1973 que traía os “Cantares Gallegos”, “Follas Novas” e o “En las orillas del Sar” da nosa matriarca e cun prólogo do propio Carvalho. Sei tamén da boa acollida que tivo o ano pasado, co Día das Letras Galegas dedicado a este ferrolán, do libro de Embora cos seus poemas seleccionados por Dobarro e ilustrados por Calros Silvar. É dicir, afortunadamente, os libros seguen a dar vida á vida das e dos autores, especialmente se teñen algo que aportar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/carvalho-3766830

Expocidades

Agora que a Praza de Armas é xa un lugar de encontro, tras a Semana Santa tivemos a “Expocidades” do Eixo Atlántico. Unha trintena de casetas dos principais concellos do norte de Portugal e Galicia, centradas na promoción turística e gastronómica (e no noso caso tamén na nosa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco), á que seguirá a mediados de xuño unha versión musical no Auditorio Municipal de Ferrol.

Pero, é moito máis que un simple evento turístico. A presenza da alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e da actual presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo Lara Méndez, ademais tendo como anfitrión ao alcalde de Ferrol Ángel Mato, denota a importancia estratéxica que ten para o hínterland que formamos o norte de Galicia. Xa saben, persistir, sumar esforzos por unha causa común que debera darlle un novo pulo a estes territorios e, polo tanto, á nosa presenza no país e na Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/expocidades-3756067