Apuntes post europeas 2009
Nas eleccións europeas do día 7 de xuño unha cousa si que está clara: as esquerdas – tanto socialdemócratas, post ou neo comunistas – perderon, deixando a hexemonía da Unión Europea, en plena crise económica global, en mans dunha dereita que aspira a reducir a democracia e canonizar a economía de mercado.
Se había unha oportunidade de pasarlle factura aos causantes da crise actual, a campaña europea era un bo xeito que os cidadáns obviaron. Pero, quizais non sexa tan estraño que estes non aproveitaran a oportunidade. Por que ían votar por unhas “esquerdas” como o Labour Party, o SPD ou o PSF, se istos non son hoxe máis que coristas que bailan ao ritmo que lles marcan desde a dereita. Acaso non aparecen ante a maioría dos seus concidadáns, no mellor dos casos, como as ás esquerdas da dereita neoliberal, causante desta crise económica. Por certo, onde está o renegado Tony Blair?
Tamén, vese que as outras esquerdas son incapaces de levantar, xa non unha alternativa, senón unha voz diferente á esquerda social – liberal. Nin sequera o meu admirado Oskar Lanfontaine é capaz de recoller unha parte fundamental das inquedanzas dos traballadores alemáns (só o 7% de voto).
O que lles está a pasar é a incapacidade de analizar as consecuencias do neoliberalismo, a degradación da democracia e das condicións de vida da maioría da poboación, e polo tanto, son incapaces de artellar unha resposta organizada ao capitalismo. Entre outras cousas, porque todos eles xogan a ser parte dun sistema que realmente non queren cambiar. Falta vontade, capacidade e proxecto alternativo á dereita.
En España, o Partido Socialista logrou deter o seu deterioro. Probablemente, as medidas anticrise do Goberno Zapatero e o xiro no discurso á esquerda, onde os traballadores son o eixo central, só logrou mobilizar a uns douscentos mil votantes. Pero, que non se equivoquen, non hai outra folla de ruta. Se non fóra así, o PSOE estaría a estas alturas en caída libre.
Si, precisamente este programa netamente socialdemócrata que está a desenvolver José Luis Rodríguez Zapatero, consistente en reactivar a economía a través de dinamizar a inversión pública e reactivar o consumo é o que lle permite saír vivo da convocatoria electoral europea, a diferenza do resto dos partidos da Internacional Socialista, que en moitos sitios comparten gobernos coa dereita e polo tanto, tamén responsabilidades na situación social.
Resulta curioso que sexa precisamente a raíz desta crise cando o Partido Socialista, desde 1993, está practicando un programa xenuinamente socialdemócrata. E para iso, tivo que marchar antes Solbes, defensor do déficit cero e de non incrementar o gasto público. Con el e esa política neoliberal Felipe González acabou por perder en 1996 (primeira vitoria de Aznar), con el de Comisario Europeo os países da Unión retrocederon en investimento público.
O problema do PSOE e do Presidente Zapatero é a enorme presenza de economistas neoliberais nas nosas equipas. A aceptación desta concepción económica, entre outras cousas, trae consigo un deficiente financiamento da Lei de Dependencia e un retardo na creación de emprego público. Ademais, isto permítelle á dereita, e aos seus grupos de pensamento e presión, non só a banca privada, senón as propias Caixas e o Banco de España, marcar o límite do debate; sempre nunha orientación neoliberal.
E a xente quere claramente políticas de esquerdas expansivas que incremente non so o investimento público en obra civil, senón en servizos sociais – hoxe, xa unha parte moi importante transferidos ás Comunidades Autónomas.
Debéramos reflexionar sobre a nosa folla de ruta. Por unha banda, investimento público en obra civil e servizos sociais, un aumento dos dereitos dos traballadores e da democracia na economía; por outra banda, políticas neoliberais que privaticen os servizos públicos, a sanidade, a educación… para que os grandes grupos financeiros aumenten os seus beneficios económicos e controlen á sociedade.
Por unha parte, os traballadores (o 65% da poboación española) e as clases medias (o 20%); por outra parte, o capital especulativo e as clases altas. Zapatero debera contar que sector lle aporta máis votos e cando os sume… pechalo tempo do neoliberalismo no Partido Obreiro de Pablo Iglesias e abrir unha nova era a unha política socialdemócrata keynesiana de esquerdas.
Desde Esquerda Unida, e en Galicia o BNG deberan tamén facer fronte á realidade. As eleccións europeas eran as idóneas para un partido como o de Cayo Lara, pero a súa falta de respostas, hoxe de novo camuflado nunha reedición cutre do anguitismo, lles impide consolidar un proxecto complementario ao Partido Socialista á súa esquerda. A unidade das esquerda é o proxecto a construír, é o novo bloque histórico que pode transformar a sociedade e dar solucións progresistas e progresivas á crise económica. Hai á esquerda do PSOE uns dous millóns de votantes que non van votar socialista; deséxolles sinceramente aos de Esquerda Unida que saian do burato e que lles vaia ben; son necesarios para esa nova alianza progresista de clase que necesitamos.
No BNG deben dicirlle á xente porque non quixeron abrir as portas á renovación do seu proxecto, porque non quixeron asumir os custes da derrota electoral nas autonómicas galegas do 1 de marzo. Pero, tamén teñen unha dobre alma; por unha banda, son nacionalistas que os leva a coincidir coas dereitas vasca e catalá; e pola outra banda, a súa base social é de esquerda, e que xa na oposición obrígalles a romper Galeuscat e ir na mesma lista europea con ERC.
En moitos casos, as novas mensaxes que deben levar á sociedade os socialistas, nacionalistas e esquerdistas, requiren tamén de novas caras. Algúns xa levan tanto tempo en tantas batallas que xa non teñen credibilidade. É obrigado dar paso a unha nova xeración de militantes que seguen á espera nos respectivos partidos.
Hai unha oportunidade e un camiño, pero está á esquerda.
O 7 de xuño outra Europa é posible
Ferrol: orzamentos pensando na xente
O acordo orzamentario para o 2009 entre as esquerdas ferrolás, bota por terra as pretensións de algúns de que o Partido Socialista quedará refén de algunha das dereitas; sen dúbida esta é unha boa nova que abre unha nova dinámica na política municipal, tras a ruptura do bipartito conformado polo PSdeG – PSOE e EU, en outubro pasado.
Hai que lembrar que daquela un grupo de cidadáns afíns ás tres formacións progresistas ferrolás – socialistas, esquerdistas e nacionalistas – pedíamos unha recomposición da vida municipal, e ademais “emprazamos ás dúas forzas políticas (PSdeG e EU) a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso ao BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade. Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia” . Agora, tras estes meses de desencontro político e cunha grave crise económica, esa idea ten máis valor de seu.
Ler artigo completo en Vieiros
Publicado, tamén, no Diario de Ferrol o 28 de maio.
Tras o Primeiro de Maio
Acaba de pasar o Día do Traballo con manifestacións que pedían unha saída progresista á crise económica. As propostas sindicais son claras: emprego, investimento público e protección social.
Fronte a isto a dereita política e mediática segue a pedir baixada de impostos ás grandes fortunas e patrimonios, desregulamentos maiores do mercado laboral, despedimentos gratuitos, “austeridade” e reducción do gasto público. Medidas todas elas que só afondaría na propia crise económica, na superación do actual marco democrático en aras dunha ditadura do capital, que condicionaría todas as relacións sociais.
Os traballadores tamén están atentos ao Goberno español. En principio, a marcha de Solbes trae para o Presidente Zapatero aires renovados, máis sensibles á necesidade de maior gasto social e ás demandas dos máis desfavorecidos. Un discurso máis á esquerda que deberá acompañar cunha maior implementación das políticas sociais.
A diferenza do que plantexa ese señor enfadado chamado Rajoy, o aumento do gasto social en investimentos en obra pública e servizos sociais, non supón unha hipoteca, senón un crédito na liña de mellorar o presente e aseguralo futuro. Unha política expansiva que estimule o consumo, o emprego de calidade e tamén o emprego público – en España apenas un 9% fronte aos países máis avanzados que chegan até o 25% – xunto con outras medidas que garantan a necesidade dunha banca pública, como instrumento de intervención das políticas progresistas; ou unha fiscalidade que, ademais dos traballadores e as clases medias, tributen as grandes fortunas e patrimonios en función dos seus ingresos.
Cambiar o modelo produtivo herdado da etapa de Aznar, basado na especulación e o cemento, necesita unha base diferente onde os traballadores amplíen a súa influencia na política e na economía. O Presidente Zapatero tivo unha boa intervención diante do Parlamento Europeo hai uns días. Antes, o 25 de abril en Pontevedra, diante do congreso extraordinario dos socialistas galegos a súa frase final foi: “Os socialistas somos o que temos, a nosa orixe son os traballadores e, por iso só temos o noso traballo”.