Nas eleccións europeas do día 7 de xuño unha cousa si que está clara: as esquerdas – tanto socialdemócratas, post ou neo comunistas – perderon, deixando a hexemonía da Unión Europea, en plena crise económica global, en mans dunha dereita que aspira a reducir a democracia e canonizar a economía de mercado.
Se había unha oportunidade de pasarlle factura aos causantes da crise actual, a campaña europea era un bo xeito que os cidadáns obviaron. Pero, quizais non sexa tan estraño que estes non aproveitaran a oportunidade. Por que ían votar por unhas “esquerdas” como o Labour Party, o SPD ou o PSF, se istos non son hoxe máis que coristas que bailan ao ritmo que lles marcan desde a dereita. Acaso non aparecen ante a maioría dos seus concidadáns, no mellor dos casos, como as ás esquerdas da dereita neoliberal, causante desta crise económica. Por certo, onde está o renegado Tony Blair?
Tamén, vese que as outras esquerdas son incapaces de levantar, xa non unha alternativa, senón unha voz diferente á esquerda social – liberal. Nin sequera o meu admirado Oskar Lanfontaine é capaz de recoller unha parte fundamental das inquedanzas dos traballadores alemáns (só o 7% de voto).
O que lles está a pasar é a incapacidade de analizar as consecuencias do neoliberalismo, a degradación da democracia e das condicións de vida da maioría da poboación, e polo tanto, son incapaces de artellar unha resposta organizada ao capitalismo. Entre outras cousas, porque todos eles xogan a ser parte dun sistema que realmente non queren cambiar. Falta vontade, capacidade e proxecto alternativo á dereita.
En España, o Partido Socialista logrou deter o seu deterioro. Probablemente, as medidas anticrise do Goberno Zapatero e o xiro no discurso á esquerda, onde os traballadores son o eixo central, só logrou mobilizar a uns douscentos mil votantes. Pero, que non se equivoquen, non hai outra folla de ruta. Se non fóra así, o PSOE estaría a estas alturas en caída libre.
Si, precisamente este programa netamente socialdemócrata que está a desenvolver José Luis Rodríguez Zapatero, consistente en reactivar a economía a través de dinamizar a inversión pública e reactivar o consumo é o que lle permite saír vivo da convocatoria electoral europea, a diferenza do resto dos partidos da Internacional Socialista, que en moitos sitios comparten gobernos coa dereita e polo tanto, tamén responsabilidades na situación social.
Resulta curioso que sexa precisamente a raíz desta crise cando o Partido Socialista, desde 1993, está practicando un programa xenuinamente socialdemócrata. E para iso, tivo que marchar antes Solbes, defensor do déficit cero e de non incrementar o gasto público. Con el e esa política neoliberal Felipe González acabou por perder en 1996 (primeira vitoria de Aznar), con el de Comisario Europeo os países da Unión retrocederon en investimento público.
O problema do PSOE e do Presidente Zapatero é a enorme presenza de economistas neoliberais nas nosas equipas. A aceptación desta concepción económica, entre outras cousas, trae consigo un deficiente financiamento da Lei de Dependencia e un retardo na creación de emprego público. Ademais, isto permítelle á dereita, e aos seus grupos de pensamento e presión, non só a banca privada, senón as propias Caixas e o Banco de España, marcar o límite do debate; sempre nunha orientación neoliberal.
E a xente quere claramente políticas de esquerdas expansivas que incremente non so o investimento público en obra civil, senón en servizos sociais – hoxe, xa unha parte moi importante transferidos ás Comunidades Autónomas.
Debéramos reflexionar sobre a nosa folla de ruta. Por unha banda, investimento público en obra civil e servizos sociais, un aumento dos dereitos dos traballadores e da democracia na economía; por outra banda, políticas neoliberais que privaticen os servizos públicos, a sanidade, a educación… para que os grandes grupos financeiros aumenten os seus beneficios económicos e controlen á sociedade.
Por unha parte, os traballadores (o 65% da poboación española) e as clases medias (o 20%); por outra parte, o capital especulativo e as clases altas. Zapatero debera contar que sector lle aporta máis votos e cando os sume… pechalo tempo do neoliberalismo no Partido Obreiro de Pablo Iglesias e abrir unha nova era a unha política socialdemócrata keynesiana de esquerdas.
Desde Esquerda Unida, e en Galicia o BNG deberan tamén facer fronte á realidade. As eleccións europeas eran as idóneas para un partido como o de Cayo Lara, pero a súa falta de respostas, hoxe de novo camuflado nunha reedición cutre do anguitismo, lles impide consolidar un proxecto complementario ao Partido Socialista á súa esquerda. A unidade das esquerda é o proxecto a construír, é o novo bloque histórico que pode transformar a sociedade e dar solucións progresistas e progresivas á crise económica. Hai á esquerda do PSOE uns dous millóns de votantes que non van votar socialista; deséxolles sinceramente aos de Esquerda Unida que saian do burato e que lles vaia ben; son necesarios para esa nova alianza progresista de clase que necesitamos.
No BNG deben dicirlle á xente porque non quixeron abrir as portas á renovación do seu proxecto, porque non quixeron asumir os custes da derrota electoral nas autonómicas galegas do 1 de marzo. Pero, tamén teñen unha dobre alma; por unha banda, son nacionalistas que os leva a coincidir coas dereitas vasca e catalá; e pola outra banda, a súa base social é de esquerda, e que xa na oposición obrígalles a romper Galeuscat e ir na mesma lista europea con ERC.
En moitos casos, as novas mensaxes que deben levar á sociedade os socialistas, nacionalistas e esquerdistas, requiren tamén de novas caras. Algúns xa levan tanto tempo en tantas batallas que xa non teñen credibilidade. É obrigado dar paso a unha nova xeración de militantes que seguen á espera nos respectivos partidos.
Hai unha oportunidade e un camiño, pero está á esquerda.