Agrupémonos…

Escribo esta columna un día antes da convocatoria de Folga Xeral por parte da CIG en Galicia. Á marxe do resultado concreto desta convocatoria, é obvio que teñen dereito a decidir a liña de actuación que queiran; pero as actuais negociacións entre UGT, CCOO e o Goberno Zapatero – alén dos resultados que poidan traer – son produto do éxito da Folga Xeral do 29 de setembro de 2010 e son necesarias. Tamén, é certo que ninguén sensato poderá manifestar discrepancias cos motivos da convocatoria da central nacionalista (a reforma das pensións).

Tamén somos testemuñas de como en cada centro de traballo a falta de unidade de acción da CIG con UGT e CCOO, provocou entre os traballadores unha enorme impresión de falta de rumbo; uns traballadores que teñen claro que a única saída progresista á crise virá dada da nosa unidade ou non será.

Resulta necesario e procedente o debate sindical que se está a dar dentro dos tres sindicatos. Nin sequera o ámbito de mobilización estatal é suficiente. Cando a dereita financeira está a actuar a nivel europeo e internacional, resulta imprescindible unha maior confluencia, cando menos, no ámbito da Europa Occidental. O que tamén implica ir alén da simple unidade de acción ou limitada a unha nación sen estado.

Sería un grave erro que a convocatoria da CIG fose un freo ao reagrupamento sindical. Un amigo, o fotógrafo e debuxante Suso Pazos graficamente presentaba a esta central sindical, xunto con UGT e CCOO, como tres pirámides cuxas bases xúntanse pero as súas cúpulas non son quen de facelo. Hoxe, o movemento obreiro galego, alén deste desencontros, necesita dunha unidade sindical profunda. Unha soa clase traballadora, un so movemento obreiro.

Ver Galicia Hoxe.

P.S. Hai un erro pola miña parte. O debuxo realmente é de Fer. Miñas desculpas aos dous amigos polo que eles xa saben.

Esquerdas Ferrolás

Neste exercicio Ferrol terá Orzamentos grazas ao acordo do Partido Socialista coa Esquerda Unida de Iolanda Díaz. Resaltar como sinais de identidade dos mesmos os destinados á participación directa dos cidadáns que pasan a tres millóns de euros, así como a suba na zona rural, obras e máis dun vinte e catro por cento no gasto destinado aos servizos sociais e muller, que fixeron posible a aprobación dos mesmos.

Quizais, un bota en falta unha vida municipal cunha maior capacidade de interlocución entre as forzas políticas do Concello, especialmente entre os tres da esquerda (PSdeG, EU e BNG)…

Ler artigo completo.

Pensións

A recente reunión entre Cándido Méndez, Ignacio Toxo e o presidente Zapatero acabou mal. Este último segue empeñado en sacrificar aquelo que mellor funciona no noso raquítico e xa contraido Estado de Benestar, como é o sistema público de pensións.

Non hai présa que xustifique ningunha redución das pensións públicas. Este ano, a pesar da crise, a Seguridade Social acaba con superávit nas súas contas. O sistema funciona e non necesita axustes inmediatos. Sendo así, por que as ansias mal chamadas reformistas do executivo, que alimentan a actual campaña manipuladora?

Ler artigo completo no Galicia Hoxe…

Rajoy en acción?

O Goberno Zapatero leva unha mala racha. Só faltáballe a paralización dos aeroportos españois na ponte da Constitución. Pero, acabou resolvendo a situación causada polo abandono dos controladores aéreos; outra cousa será o debate ou as accións que se derivarán da militarización aérea, da interpretación unilateral do convenio colectivo ou as diversas lecturas políticas e sindicais do acontecido. Así como os efectos á propia imaxe de España, do Goberno e os seus ministros.

Fronte a isto, estrañoume as primeiras palabras do líder da “leal oposición”, Mariano Rajoy, illado no aeroporto de Lanzarote. Demasiada mesura. Soamente, pedía que se informara do acontecido e que se solucionara o problema, e logo anunciou xa que ía apoiar o Estado de Alarma decretado.

No medio soubemos das reunións previas dos controladores co Partido Popular. Sería bo que os cidadáns coñecéramos de que falaron. Tamén, saber como se chega a esta situación, alén do ruído e as descualificacións globais á actitude insensata e histérica dunha boa parte dos controladores aéreos.

É necesario abrir as portas a unha solución que a medio prazo poida serenar a situación dende a cordura. Nin o corporativismo insolidario, nin a militarización son sinais dunha sociedade madura e democrática. Así como que a grande achega de quen presume de ser a cabeza dun hipotético goberno alternativo, sexa un vídeo colgado na rede, dedicándose a posar e asinar autógrafos nun aeroporto bloqueado.

A acción implica a determinación de facer cousas, e non de quedar simplemente á espera de que che saquen as castañas do fogo ou que os votantes socialistas vaian á abstención… En fin, “Mariano en acción”.

Enlace a Galicia Hoxe.

A Moncloa

Algúns, incautos nós, tiñamos unha certa expectativa coa reunión entre o Presidente Zapatero e os principais responsables financeiros, bancarios e das grandes empresas da construción. Esperábamos que se reclamara deles a súa solidariedade contra a crise, porque estes tamén son os principais responsables da profundidade da mesma. Mais, a festa vai continuar para eles.

Resulta que a resposta á crise non vai ser un programa de eficiencia económica e democrática…

Ler máis en Galicia Hoxe