O Goberno Zapatero leva unha mala racha. Só faltáballe a paralización dos aeroportos españois na ponte da Constitución. Pero, acabou resolvendo a situación causada polo abandono dos controladores aéreos; outra cousa será o debate ou as accións que se derivarán da militarización aérea, da interpretación unilateral do convenio colectivo ou as diversas lecturas políticas e sindicais do acontecido. Así como os efectos á propia imaxe de España, do Goberno e os seus ministros.
Fronte a isto, estrañoume as primeiras palabras do líder da “leal oposición”, Mariano Rajoy, illado no aeroporto de Lanzarote. Demasiada mesura. Soamente, pedía que se informara do acontecido e que se solucionara o problema, e logo anunciou xa que ía apoiar o Estado de Alarma decretado.
No medio soubemos das reunións previas dos controladores co Partido Popular. Sería bo que os cidadáns coñecéramos de que falaron. Tamén, saber como se chega a esta situación, alén do ruído e as descualificacións globais á actitude insensata e histérica dunha boa parte dos controladores aéreos.
É necesario abrir as portas a unha solución que a medio prazo poida serenar a situación dende a cordura. Nin o corporativismo insolidario, nin a militarización son sinais dunha sociedade madura e democrática. Así como que a grande achega de quen presume de ser a cabeza dun hipotético goberno alternativo, sexa un vídeo colgado na rede, dedicándose a posar e asinar autógrafos nun aeroporto bloqueado.
A acción implica a determinación de facer cousas, e non de quedar simplemente á espera de que che saquen as castañas do fogo ou que os votantes socialistas vaian á abstención… En fin, “Mariano en acción”.
Enlace a Galicia Hoxe.