O tempo no espello

Teño que recoñecer que paso con frecuencia polo Centro Cívico de Canido, convertido nun dos eixos culturais de Ferrol. Alí tiven, ademais, a ocasión de ser acollido na presentación do meu libro “A Terra Infinita”, algo que agradézolles moito. E, unha vez máis, atopeime con Roberto Taboada, esta vez subido ao teito xunto con outra xente para montar unha lonas que deran sombra, ao seu patio interior, ao día seguinte.

Eu ía a buscar a miña filla Sabela, que precisamente co seu coro “Tempo Novo” estaban co ensaio final. Así e tendo fondo musical, outra vez, paseime por esa biblioteca comunitaria que hai nunha das salas principais. Nesta ocasión, pareime nun libro de poemas, abrindo unha das súas páxinas, despois outra e outra. Ao final, non puiden resistirme. Tirei do teléfono, busquei na rede e acabei mercando un exemplar, o que dá título hoxe a esta columna, de Avilés de Taramancos, Ediciós do Castro.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2977461/tempo-no-espello

As marxes de Ferrol

É certo que as marxes para facer política local en Ferrol son moi estreitas e, máis, cando vés dunha situación extraordinaria como a provocada pola pandemia do Covid-19. Por iso, a mellor política partidaria sempre é, nestes casos, arrimar o ombro e botar unha man. Pero, agora xa foi e a soidade do goberno de Angel Mato converteuse nun plus que deixa en evidencia ao resto dos grupos municipais.

Lembran a roda de prensa do PP sobre a metade de mandato? Foi flor dun día. O certo é que o goberno municipal de Ángel Mato está a gañar a batalla mediática e, o que é máis importante, na percepción na cidadanía. A isto hai que sumarlle a errada precampaña da Xunta contra o alcalde, aí está o “show” da entrega do saneamento ao Concello. E todos sabemos que en asuntos como na xestión das multas, non habería diferenzas con ningún candidato/a. No fondo é como ese baile coxo de Feijóo co uso das máscaras.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2967949/sabores-ilustrados

Sabores Ilustrados

O martes tiven ocasión de asistir á presentación do proxecto “Sabores Ilustrados no Camiño Inglés”, a carón do seu quilómetro cero, na oficina de turismo do peirao de Curuxeiras, organizada por Cites Ferrol co apoio da Xunta e do Concello de Ferrol.

Saben que son devoto deste tipo de iniciativas. Unha nova campaña que mistura o Ferrol Ilustrado co Camiño Inglés e a promoción da enogastronomía local. Ademais, en catro idiomas, para achegarse a todo posible peregrino que decida comezar aquí a súa viaxe a Santiago.

Vai na liña de fomentar e desenvolver Ferrol como destino turístico, pero tamén ten a virtude de combater a baixa autoestima que hai en algún sector da cidadanía. Si, temos potencial. E esta iniciativa tamén ponlle valor ao noso patrimonio, entendido este en sentido amplo. Somos un espazo urbano irrepetible. Saboreemos a certeza de estar onde comeza o mundo e que leva o nome da nosa cidade.

https://www.citesferrol.gal/

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2963913/sabores-ilustrados

Tempo de bicicletas

Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.

Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.

Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas