Disputas partidarias

José Manuel Rey cre estar máis preto de volver á alcaldía, máis se hai disputas entre os progresistas. Sabe que sería o principal beneficiado dunha “fronte de esquerdas” contra o partido socialista. Por iso, é tan importante que este e Ferrol en Común retomen o diálogo para aprobar o crédito, que debe servir para ir desenvolvendo os orzamentos municipais, que co BNG aprobaron.

Bloquear a súa execución porque “ía lento” non é un argumento válido, nin tampouco a pretensión do PP de atrasar o reloxo para, cando toque, ser eles quen “inauguren” a gran transformación que Ferrol necesita. No progresismo debe primar a colaboración. Hai moito tempo que as súas diferenzas é produto só das súas tradicións. Neste tempos, o “renegado” Kautsky e a vía institucional marcan a liña do conxunto das esquerdas na política xeral, e máis no ámbito municipal, que trata por riba de todo “do socialismo das pequenas cousas”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3295501/disputas-partidarias

Cardenal

Son dese grupo de ferroláns que, en Semana Santa, procura non achegarse ás rúas do centro da cidade. Ben porque non somos crentes, ben porque non participamos da estética do sufrimento. Aínda así, somos conscientes da importancia do feito relixioso.

Tiven a sorte de coñecer a aqueles cregos obreiros que a finais dos setenta participaron na loita contra a ditadura. Xaquín Campo, daquela cura de Piñeiros, tiña unha gran relación coa miña familia. Nese tempo, mentres el vixiaba á entrada da igrexa por si chegaba a Garda Civil, outro cura casaba ao meu tío Leonardo, camarada de Pillado.

Estes curas obreiros eran a conexión natural entre os de abaixo e a fe católica. Que houbera pasado de ser estes hexemónicos na Igrexa romana? Sempre digo que son ateo grazas a Karol Wojtyla. Sigo tendo na memoria a súa visita á Nicaragua sandinista en 1983. Ao pé do avión, Ernesto Cardenal, cura e ministro do FSLN, foi humillado publicamente polo Pontífice.

Mágoa dunha Igrexa que reserva os mellores asentos do Templo, non aos seguidores dunha teoloxía da liberación, senón aos mercaderes. Mágoa dunha Igrexa que esquece a rebeldía da primeira congregación cristián de Xerusalén. Na radio sona o “Aleluia” de Haendel, nas miñas mans “O Cristianismo” de Karl Kautsky (Editorial Círculo Latino). Estou seguro de que o actual Papa alemán mandaría este libro, do seu compatriota e dirixente socialista, a arder na fogueira.

Ver artigo no Diario de Ferrol (Columna “Letras de Cambio”).