San Xoán

Aínda que sei que máis de un espera que diga algo sobre a actual situación de Megasa, que acaba de incluír no ERTE incluso aos traballadores de baixa cunha incapacidade temporal, o cales xa estaban “dispensos de prestar servizos, así como de asistir á fábrica”, permitan que sexa máis profano, simplemente por mirar adiante.

Non deixa de sorprenderme as voltas que dá a vida. Igual é que un nunca foi moi dado ás festas patronais e sempre tivo a idea – obviamente equivocada – de que estas son para as xentes do barrio. Así que ver a dimensión que están a tomar estas, como as de San Xosé Obreiro en Narón ou as de San Xoán en Ferrol rompen todas as expectativas, tanto en número de participantes como nos orzamentos que manexan nas festas parroquiais.

Polo cal, en primeira instancia, hai que felicitar ás entidades veciñais pola súa capacidade de organización, incluída a que poidan prestar as propias autoridades e Protección Civil, implementando pola súa conta a seguridade e ter previsto calquera posible incidente. Ademais, nun momento que non moitos queren asumir responsabilidades á fronte de asociacións cidadás, supón que si hai persoas decididas a pór o seu traballo a dispor das súas parroquias e barrios.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/san-xoan-4345243

Okupas

En maio era publicada no BOE a primeira lei da vivenda da nosa democracia, que pretende que o 50% da vivenda sexa protexida e quede á marxe da especulación. Non debera pasarmos desapercibido o recente congreso inmobiliario de Galicia, impulsado pola Xunta – a través do IGVS – e da patronal inmobiliaria.

Unha das cousas que o novo alcalde de Ferrol deberá clarexar é se o Sánchez Aguilera vai ter vivenda protexida ou todo irá ao mercado libre e que medidas, se vai tomar algunha, poñerá en marcha para protexer ás familias e á mocidade no seu dereito a unha vivenda digna. Vén isto a conta, porque no congreso referido a visión da Xunta de Galicia era clara: dous terzos da poboación galega vive ao día e, por iso, en calquera momento poden ir a peor e, polo tanto, considera “necesarias” medidas que os bancos e as grandes inmobiliarias poidan executar inmediatamente, en favor dos seus negocios.

Nesta evidente estratexia para confundir todo co delito de “okupación”, o problema radica en que a Constitución Española recolle como dereitos cidadáns o acceso á vivenda e á propiedade privada – hoxe severamente cuestionados – e Ferrol vai camiño de ser, como todas as cidades costeiras, zona con tensións inmobiliarias.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/okupas-4327283

Alcalde Rey Varela

Debemos comezar por felicitar ao novo alcalde de Ferrol pola súa vitoria do 28 de maio. José Manuel Rey aglutina á dereita tradicional, sen fugas molestas cara a Vox e capitaliza a pouca política social que fan desde a Xunta e as entidades caritativas afíns; feito este que explica que o PP “arrase” en Recimil, por exemplo. Así como o voto de novos ferroláns de relixión evanxélica.

Desde a esquerda, é unha torpeza menos valorar o liderado de Rey Varela, con perfil propio, centrado, sen radicalismos. Debemos sumarlle un PP altamente mobilizado, presente no movemento veciñal e deportivo que, xunto á confluencia dos seus cargos públicos, Autoridade Portuaria, Delegación Territorial e a influencia mediática, fan da dereita a principal organización social da cidade.

Sabemos da inexactitude da enquisa que estivo tutelando a campaña. O PP nunca tivo 14. As esquerdas suman máis votos, pero grazas á lei electoral o PSOE – por 150 votos – perde o concelleiro 13 en favor do PP.

As esquerdas debemos asumir que non estamos no Ferrol dos anos 90, temos necesidade de construírmos organizacións vivas que sumen tanto ás clases traballadora e media, como a eses pequenos empresarios que mal sobreviven nun presente moi complicado. Tamén hai debates incómodos que debemos abordar, nesta cidade de tantos perfís sociais.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/alcalde-rey-varela-4317272

Lingua de Eva e Adán

O Xavier Seoane, para quen subscribe esta columna, é o poeta máis importante da Galicia actual. O seu libro, arriba enunciado, resulta ser un ensaio en defensa da poesía como instrumento de progreso, formadora de espíritos críticos fronte ás banalidades, imposturas e manipulacións da verdade.

Os verdadeiros poderes sempre usaron a súa riqueza para que houbera escritores, relixiosos, pintores, arquitectos, músicos e escultores que exaltaran a súa posición na sociedade. Un xeito de asegurar e edulcorar a súa hexemonía económica e política, convertida en ideoloxía.

Así, sen pudor, resucítase a ETA, ou afírmase que a recente lei da vivenda aséntase nos mortos do Hipercor de 1987. Tamén acúsase ás esquerdas de dar subvencións por non traballar cando en Galicia é a Xunta que as xestiona ou apóianse en telepredicadores integristas que orientan a súa congregación para que voten de “xeito adecuado”.

O asunto é recuperar o verdadeiro significado das palabras. Saber que a arte cambia e mellora a nosa vida e que pertence a toda a sociedade. Que fronte os discursos do odio está a verdade que fai libre ás persoas. Temos os mesmos dereitos e obrigacións, e o noso esforzo é quen debe conducir a nosa vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lingua-eva-e-adan-4297947